Esta noite publicouse no DOG 249BIS a orde da Consellería de Sanidade que establece as novas medidas de prevención pola COVID e que entrarán en vigor ás 00:00h do 31 de decembro (do xoves ao venres) e estarán vixentes ata o 18 de xaneiro.
Modificacións do Plan de Hostalería (restaurantes, bares e cafeterías):
- Obrigatoriedade da exhibición do Certificado COVID para o acceso ao interior de restaurantes, cafeterías e bares durante todo o horario de apertura. Actualmente na hostalería só é obrigatorio a partir das 21:00h.
- Recórdase a obriga do emprego da aplicación PASSCOVD para o control do acceso.
- Non se permite o consumo en barra.
- Os establecementos de hostalería e restauración pecharán ás 00:00h. Excepto ás noites dos venres e dos sábados que pecharán ás 1:00h.
- No caso da Noitevella os locais de hostalería e restauración pecharán das 1:00h ata ás 9:00h do 1 de xaneiro (Inicialmente trasladouse que a apertura sería ás 10:00h).
- Mantense o límite de mesa de 8 persoas non convivintes para o interior e 10 no exterior.
Modificacións do Plan de lecer nocturno:
- Os locais de ocio nocturno pecharán ás 3:00h. (inicialmente trasladouse que o peche sería as 2:00h).
- Non se permite o consumo en barra.
- Mantense o límite de mesa de 8 persoas non convivintes para o interior e 10 no exterior.
Réxime optativo de peche dos establecementos de lecer nocturno
Os establecementos de lecer nocturno poderán acollerse ao réxime optativo de peche desde as 00:00 horas do día 31 de decembro de 2021 ata as 3:00 horas do día 3 de xaneiro de 2022.
Para acollerse a este réxime de peche, os titulares dos establecementos deberán remitir unha comunicación previa en forma de correo electrónico ao seguinte enderezo pechelecernocturno@xunta.gal, antes das 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021. No correo electrónico deberán figurar os seguintes datos: nome do establecemento e enderezo, nome completo ou razón social do titular e CIF.
Aqueles establecementos de lecer nocturno que non efectuasen a comunicación previa á que se refire este punto quedarán excluídos da axudas ou subvencións que a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia poida establecer para estes supostos de peche de acordo co establecido nas correspondentes bases reguladoras. Tamén estarán excluídos da axudas ou subvencións indicadas aqueles establecementos que adianten ou atrasen a outras datas as festas ou eventos previstos nos días indicados no primeiro parágrafo deste punto.
Limitación temporal de festas, celebracións ou eventos específicos nos establecementos de lecer nocturno
No período comprendido entre as 0:00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 0:00 do día 18 de xaneiro de 2022, os establecementos de lecer nocturno poderán realizar a súa actividade ordinaria, pero non poderán organizar festas, celebracións ou eventos específicos, independentes ou extraordinarios, como cotillóns, festas de fin de ano, festas de reis, ou con calquera outra denominación similar ou que produza un efecto equivalente, en particular con motivo das datas de Nadal ou outras datas en substitución delas, nin realizar promoción, anuncios ou publicidade dos indicados eventos a través de redes sociais, mensaxes de difusión, ou cartelaría tradicional.
DOG 249BIS 29/12/2021
Nota de prensa 29/12/2021 Os locais de lecer nocturno que adianten a hoxe as festas de Fin de Ano non terán acceso ás axudas da Xunta pola cancelación do evento