O Castelo de Santa Cruz forma parte das fortalezas e sistemas defensivos que se construíron no tramo final do río Miño durante a Guerra de Independencia no s. XVII entre España e Portugal.
A fortaleza, coñecida popularmente como Castelo, construíuse ao redor de 1664 e para acelerar a construción utilizouse pedra da muralla medieval que rodeaba a vila. A planta é de polígono irregular, con catro baluartes que sobresaen da muralla. Nos baluartes localízanse as garitas ben labradas en pedra. O acceso realízase a través da Porta da Vila, que sobe perpendicular á rúa Porto Rico e da Porta de Socorro que se accede por un paseo desde a rúa Santo Domingo de Guzmán.
No patio de armas había capela, casa para o gobernador, cuartel para as tropas, cortes, almacéns, polvoreira, carnicería, etc; instalacións detalladas nos planos que se conservan aínda que non permanezan restos das mesmas.
A pesar da resistencia das tropas e veciños ao mando do Gobernador militar Jorge de Madureira, o castelo foi tomado polo exército portugués en novembro de 1665 ao mando do Conde de Prado. Estivo ocupado até o fin da guerra en 1668.
Os franceses tomarían de novo a fortaleza en 1809 pero a ocupación duraría tan só uns meses. Coa desamortización de mediados do século XIX permanece en mans de particulares ao redor de 150 anos ata a súa recente recuperación para uso público.
Paseando polo recinto amurallado distintas mesas interpretativas e varias audioguías descargables desde un smartphone permiten coñecer a fortaleza en profundidade. O Centro de Interpretación permite comprender esta fortaleza no marco dun sistema defensivo moito máis amplo.
Horario de apertura como espacio público:
- 10:00 – 18:00 Novembro, decembro, xaneiro e febreiro
- 10:00 – 19:00 Marzo e outubro
- 10:00 – 21:00 Abril, maio e setembro
- 10:00 – 22:00 Xuño, xullo e agosto