O Esteiro do Miño é o espazo natural máis interesante da Guarda. A desembocadura forma un esteiro e está considerado como un dos humidais máis importantes da Península coa confluencia de dous ecosistemas, o fluvial e o marítimo.
Está recoñecido polos biólogos e expertos ornitólogos pola variedade e cantidade de aves que escollen o esteiro para invernar. Conta con varias figuras de protección:
- Rede Natura 2000 (LIC)
- Incluído na “Lista de zonas de húmidas de Europa e Norte de África de importancia internacional” desde 1965.
- Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA)
- Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).
Desde os observatorios de aves parte unha senda que percorre os últimos quilómetros da desembocadura. A senda conta con paneis informativos referidos á importancia do esteiro, a fauna, a vexetación e os aspectos ecolóxicos.