INTRODUCIÓN

A Guarda é un dos enclaves turísticos máis importantes de Galicia, en gran parte polo Monte Trega, lugar de visita obrigada polos seus interesantes valores arqueolóxicos, relixiosos e paisaxísticos. A citania de Santa Trega está considerada como un dos exemplos de cultura castrexa – romana máis importante do Noroeste peninsular. O legado relixioso materialízase nos Vía Crucis, o cruceiro de San Francisco e a ermida de Santa Trega. Os Picos de O Facho e San Francisco ofrecen inmellorables panorámicas da desembocadura do Miño, Portugal, o océano Atlántico e o val do Rosal.

CITANIA DE SANTA TREGA

Castro de Santa Trega

O gran xacemento arqueolóxico que ocupa unhas 20 has de superficie, das cales tan só unha pequena parte está escavada, ten as súas orixes documentadas no s. IV a. C. alcanzando o seu maior grao de desenvolvemento no cambio de era. Na península do Trega desenvólvese unha verdadeira cidade, de entre 3000 e 5000 habitantes na que conflúen as culturas mediterráneas e atlánticas. A Sociedade Pro Monte, nacida en 1912 polo interese de indianos guardeses, inician as campañas de escavación nas que participaron sucesivamente Ignacio Calvo, Cayetano Mergelina, Manuel Fernández e De la Peña Santos. A principios de 2016 finalizaba a última, que, dirixida por Rafael Rodríguez e financiada pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, consistiu en escavar de novo a zona xa estudada entre 1928-1933 polo arqueólogo da Universidade de Valladolid Cayetano Mergelina y Luna.

MASAT

Museo MASAT en el Monte Trega

O Museo Arqueolóxico de Sta. Trega (MASAT) ocupa o edificio deseñado como restaurante polo arquitecto porriñés Antonio Palacios. Por subscrición popular a Sociedade pro Monte compra e adapta o inmoble inaugurado como Museo en 1953 e no que se depositaron os materiais almacenados ata ese momento nun céntrico local da Guarda. Ofrece o MASAT unha completa colección de labras e esvásticas, de moedas romanas, de obxectos cerámicos, vidro… e como pezas singulares destacan un espléndido remate de torques decorado con finas filigranas e o cabezón do Trega, o achado máis emblemático das escavacións realizadas recentemente.

+ Información

+ Visita Virtual

ERMIDA DE SANTA TREGA

Capilla de Santa Trega

No pico de san Francisco sitúase a ermida de Santa Trega. Posiblemente a monxa Exeria tras regresar da súa peregrinación por Oriente, introduciu a devoción pola Santa entre os ermitáns do Baixo Miño na Alta Idade Media. Aínda que a existencia dunha ermida está documentada xa no s. XII, foron as reformas e ampliacións do s. XVI e XVII as que lle confiren o seu aspecto actual. Escavacións realizadas en 1994 permitiron descubrir varios sepulcros visigodos que evidencian a relixiosidade do lugar.

CRUCES E CRUCEIRO

viacrucisUnha mostra da gran tradición relixiosa e devoción á mártir de Iconio son as diferentes festividades relixiosas como a romaría do 23 de setembro en honra á Santa ou a centenaria procesión do Voto o último sábado de agosto. Nela os fieis percorren as estacións do moderno Via Crucis, obra do escultor valenciano Vicent Mengual, que substitúe ao antigo de factura moito máis sinxela. Diante da ermida levántase un interesante cruceiro do século XVI dedicado a san Francisco que lembra a presenza desta orde relixiosa na Insua, pequena illa portuguesa emprazada en plena confluencia do río co mar.

PAISAXES

Mirador con vistas al puerto de A Guarda

O Monte Santa Trega eríxese como un excelente miradoiro natural cunhas magníficas vistas cara ao esteiro do Miño, Portugal, val do Rosal e Océano Atlántico. Durante a ascensión do monte diferentes miradoiros permiten descubrir en detalle a contorna. Dúas elevacións distínguense na cima do monte: O Pico do Facho de 328 metros ofrece unha ampla panorámica sobre o val do Rosal, o centro urbano e, sobre todo, ao porto pesqueiro. Antigamente acendíase polas noites unha fogueira ou facho para indicar ás poboacións próximas que non había perigos e cunha segunda fogueira informábase da presenza de intrusos no mar. O Pico de San Francisco é o punto máis elevado do Monte Santa Trega con 341 metros e ofrece unhas inmellorables visitas panorámicas. O seu nome fai referencia á súa orientación á desembocadura do Miño, ao illote da Insua onde habitaron os monxes franciscanos. Neste pico localízase o estacionamento para vehículos e autobuses, os establecementos hostaleiros, a capela de Santa Trega, o MASAT e na zona máis elevada, un petróglifo.

CAMIÑOS DO TREGA

Ruta PRG122

Unha rede de camiños empedrados e de carreiros homologados como ruta de sendeirismo PR-G 122 Camiños do Trega permite coñecer máis detidamente o Monte. Son un total de sete camiños unidos entre si ata completar unha distancia total de pouco máis de 7 km. Estas sendas permiten contemplar sosegadamente os recursos e valores que o monte esconde.

+ Ruta PRG 122

TAXAS E VISITAS GUIADAS

TAXA DE ACCESO AO MONTE E AO MASAT:

Taxa de acceso ao Monte Santa Trega:

  • Tasa de acceso en vehículo privado (inclúe ao condutor):
    • 3 € coche.
    • 4 € caravana.
    • 2 € moto.
    • 1,50 pasaxeiros adultos.
    • 1 € pasaxeiros de tarifa reducida: nenos de 6 a 14 anos, titulares de Carné Xoven ou membros de familia numerosa.
    • Esta taxa inclúe a entrada ao MASAT, Museo.
  • Taxa por acceso en autocar:
    • Só pagan os pasaxeiros
    • Acceso libre condutor, guías ou monitores acompañantes.
    • Esta taxa inclúe a entrada ao MASAT, Museo.
    • Día gratuíto: os luns e demais días de peche do MASAT.

Taxa de acceso ao MASAT para persoas que acceden a pé:

  • 1,50 pasaxeiros adultos
  • 1 € pasaxeiros de tarifa reducida: nenos de 6 a 14 anos, titulares de Carné Xove ou membros de familia numerosa.
  • O día gratuíto: primeiro sábado de cada mes e festivos locais (en 2024: 16 de xullo e 23 de setembro).

Os días da Romaría das Festas do Monte (en 2024: domingo 11 de agosto) e o 23 de setembro, día da celebración da Romaría da Virxe Santa Trega queda restrinxido o acceso en vehículo e estará pechado o MASAT.

Taxas en vigor desde o 22 de xuño de 2021: Máis información en Ordenanza Visita a Museos de A Guarda (só en galego).

 

VISITAS GUIADAS CONCERTADAS A GRUPOS:

  • Solicitar disponibilidade e demais condición en MASAT (tel. 986 61 05 04 / masat@aguarda.es) ou ben na Oficina de Turismo (tel. 986 61 45 46 / turismo@aguarda.es)
  • Grupos de mínimo de 12 persoas.
  • Tarifa da visita concertada para grupos:
    • 5 € por adulto
    • 3 € para as persoas con tarifa reducida (nenos entre 6 e 14 anos, titulares de Carné Xoven e membros de familias numerosas).
    • Inclúe a tasa de acceso ao Monte Santa Trega e ao MASAT.

 

VISITAS GUIADAS REGULARES:

As distintas visitas guiadas regulares que o Padroado Municipal Monte Trega ofrece aos visitantes permiten aos interesados coñecer con máis detalle o patrimonio construído e inmaterial que esconde o monte. Estas visitas son gratuítas e non precisan reserva previa. Para dudas podese consultar co MASAT (tel. 986 61 05 04 / masat@aguarda.es). A súa duración e horario varía segundo a época do ano.