No DOG 240-BIS publicado no día de hoxe informase da prórroga das medidas actuais de prevención na hostalería e que seguirán en vigor ata ás 00:00h do 18 de xaneiro de 2022.
Tan só hai unha modificación nas medidas aplicadas ata agora:
- Non se permite a realización de cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé.
Como recordatorio, estas son as medidas que se manteñen sen modificación:
- A ocupación máxima será de oito persoas no interior e quince persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.
- Nos establecementos de lecer nocturno (discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos), a ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesa.
- En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas.
- Debense establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións, especialmente na disposición e no uso das máquinas ou de calquera outro dispositivo de xogo nos locais e establecementos en que se desenvolvan estas actividades. O uso da máscara será obrigatorio.
Tamén se mantén a obligatoriedade da exhibición do Certificado COVID para o acceso ao interior dos establecementos publicado na Orde do 25 de novembro:
- Restaurantes e salóns de banquetes durante todo o seu horario.
- Bares, cafeterías e furanchos a partir das 21:00h.
- Os establecementos de xogo que ofrecen servizos de hostalería tamén aplicarán esta medida e nos horarios que proceda de acordo coa natureza dos indicados servizos como de restaurante ou de cafetaría ou bar.
O Certificado COVID ten que ser emitido polo servizo de saúde ou por un laboratorio oficial autorizado e debe acreditar o cumprimento dalgún dos seguintes requisitos:
- Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.
- Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.
- Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non será válido outro tipo de test.
As persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal:
- Teñen a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria, polo que non se permitirá o acceso das persoas que non exhiban a documentación requirida, que será necesaria para o acceso e a prestación dos correspondentes servizos ao cliente.
- Están obrigados a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que accedan.
- Co obxecto de procurar a máxima garantía da privacidade e da intimidade das persoas, a exhibición da información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada polas persoas titulares dos establecementos ou polo seu persoal no momento do acceso ao interior e para os efectos da súa mera comprobación ou verificación.
- De acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade, do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.
- A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso.
- Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles.
Comentarios