Na tarde de onte publicouse no DOG 18 BIS a Orde da Consellería de Sanidade que establece as novas medidas de prevención pola COVID e que entrarán en vigor ás 00.00 horas do día 29 de xaneiro de 2022 e estarán vixentes ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022.
Debido ás consultas formuladas polas medidas publicadas que inducían a erro, a Consellería de Sanidade actualizou o Novo Plan de Hostalaría Seguro a 28 de xaneiro (versión 9). Este documento detalla todas as medidas vixentes a partir das 00.00h do 29 de xaneiro.
Modificacións do Plan de Hostalaría (restaurantes, cafeterías e bares de nivel 1 e 2 cunchiñas):
- Está permitido o consumo en barra. Non se poderán compatibilizar os distintos usos polo que se deberá diferenciar a zona destinada a clientes da zona destinada ao persoal.
- O horario límite de peche ao público será ás 01:00 horas, agás a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, e vésperas de festivos que será ás 1:30 horas.
- Permítese a realización de cócteis e actos de recepción con aperitivo e público de pé que, no momento de retirada da máscara para o consumo, deben respectar a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes. Os grupos de persoas de pé poderán ser de ata oito persoas no interior e quince na terraza.
- Actualizar o modelo de cartel segundo o nivel dunha ou dúas cunchiñas na plataforma de Turespazo
Modificacións do Plan de lecer nocturno:
- O horario límite de peche ao público será ás 4.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de pubs e de cafés espectáculo, salvo as noites do venres ao sábado, do sábado ao domingo e as vésperas de festivos, en que o horario límite será ás 4.30 horas.
- O horario límite de peche ao público será ás 5.00 horas para os establecementos que teñan título habilitante de salas de festa ou discotecas.
- Permitirase o consumo en barra. Recoméndase que os clientes na barra manteñan a máscara correctamente colocada nos momentos en que non se poida garantir a distancia interpersoal co persoal traballador. Na barra non se poderán compatibilizar distintos usos, polo que haberá que diferenciar a zona destinada a clientes e a zona de barra destinada ao persoal, respectando en todo momento as distancias de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións
Para todos os establecementos de hostalaría e ocio nocturno:
- A ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.
- Obrigatoriedade da exhibición do Certificado COVID para o acceso ao interior de restaurantes, cafeterías e bares durante todo o horario de apertura.
- A obriga do emprego da aplicación PASSCOVD para o control do acceso.
Comentarios