A Guarda pecha esta fin de semana a programación dos fins de semana gastronómicos que dende o pasado 23 de marzo oferta este manxar do Río Miño en 10 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.
Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa vila e a súa contorna poden degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€. Dada a larga elaboración que precisa este manxar é preciso a reserva previamente nos restaurantes.
Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.
Esta nova iniciativa gastronómica transformouse o ano pasado da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río. Este ano aumentáronse as fins de semana para que todos os interesados podan degustar a lamprea na súa elaboración máis tradicional e como leva preparándose durante xeracións na Guarda.
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino da Guarda participarán na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que leva organizando dous anos. Dada a boa acollida da proposta, os cativos e cativas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada.
Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dos Alonso, onde as nenas e nenos poderán coñecer máis polo miúdo a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca desta na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, co testemuño de pescadores, que explicarán a súa profesión aos cativos e cativas mediante os aparellos de pesca que empregan e, como non, as vivencias e anécdotas.
Deseguido, o alumnado elaborou na aula uns debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea», que arestora se atopan xa expostos na Praza de Abastos ata fin de mes.