A Guarda dedica unha fin de semana gastronómica á exaltación da lamprea do Miño

Os días 14 e 15 de abril, máis dunha decena de restaurantes prepararán este peixe á bordalesa para a súa degustación. 

O Concello da Guarda, en colaboración con viveiristas e establecementos hostaleiros da vila, organiza a fin de semana gastronómica «Lamprea do Miño», que se celebrará os días 14 e 15 de abril en 11 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.

Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa vila e a súa contorna poderán degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 18€. A lamprea enteira terá un prezo de 50€. Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Camping Santa Tecla, Bar Casa Aquilino, La Pìzzicata, Marbella, Marusía, O Cangrexal, Os Remos e O Roxo. Dada a larga elaboración que precisa este manxar, aconséllase reservar o prato previamente nos restaurantes.

Exaltación da lamprea

Tras catro anos consecutivos celebrando a «Ruta do pincho da lamprea do Miño», organizada por viveiristas, pescadores, bares e restaurantes locais en colaboración co Concello, esta nova iniciativa gastronómica nace da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río e indo máis aló dos pequenos petiscos. Así, nesta ocasión convídase á familias e grupos de amigos a visitar o noso pobo e degustar unha preparación da lamprea óptima para o xantar ou a cea da fin de semana.

Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino da Guarda participarán na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que xa se realizou o pasado ano como complemento á «Ruta do pincho». Dada a boa acollida da proposta, os cativos e cativas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada.

Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dos Alonso, onde as nenas e nenos poderán coñecer máis polo miúdo a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca desta na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, co testemuño de pescadores, que explicarán a súa profesión aos cativos e cativas mediante os aparellos de pesca que empregan e anécdotas do oficio.

Deseguido, o alumnado poderá elaborar na aula uns debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea». Os traballos exporanse nos restaurantes e cafetarías adheridas á campaña durante a fin de semana gastronómica.

Comentarios

Leave a Reply