O alcalde da Guarda entregou o Premio ao Mellor Pincho da Lamprea do Miño 2017

Como acto de peche desta edición da Ruta do Pincho da Lamprea do Miño, este xoves 27 de abril o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes, entregaron os agasallos aos premiados no sorteo realizado entre os clientes participantes e o diploma ao Restaurante Bitadorna, gañador do Premio ao Mellor Pincho da Lamprea 2017.

Esta iniciativa celebrouse durante as dúas primeiras fin de semanas do mes de abril e contou con 8 establecementos adheridos. Entre estes o pincho do Bitadorna, que combinaba a innovación co protagonismo que debía ter a lamprea como centro da creación, foi elixido como gañador polos votos dados polos propios clientes nas papeletas que deixaron nos establecementos como parte do concurso ao mellor pincho da ruta.

Estas papeletas serviron ademais para sortear tres lotes de viño entre os clientes participantes, que tamén lles foron entregados esta mañá. O primeiro premio foi recollido polo agraciado, Felipe Vicente González (da Guarda) e consistiu en 3 botellas Rectoral de Umia (Albariño). O segundo e terceiro premio foron para Benedicto Sousa Álvarez (de O Rosal), con 3 botellas Rectoral de Amandi (Mencía) e Rafael Pablo Rodríguez Amenedo (da Guarda), con 3 botellas de Alanís (Ribeiro) e acudiron familiares de ambos a recollelos.

Remata así esta exitosa edición dunha iniciativa na que se repartiron máis de 500 pinchos cos que se buscou promocionar un destacado produto local e que, como dixo o alcalde da Guarda, cada día máis xente veña á Guarda a desfrutar das variadas experiencias gastronómicas que ofrece. Así, queda todo o mundo convidado a visitar A Guarda e achegarse a próximas edicións desta Ruta.

Comentarios

Leave a Reply