Esta primavera o Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha organizaron novamente a actividade de Andaina onde os participantes percorren outras vilas e paisaxes descubrindo as belezas do patrimonio material e natural.

O calendario das andainas de Primavera 2023 incluíu catro andainas e polas previsión de mal tempo houbo que trasladar a novas datas polo que agora hai novas prazas dispoñibles para os interesados.

Polo que os interesados poden contactar a partir do xoves 18 de maio en turismo@aguarda.es ou no tel. 986614546 informando do seu interese.

 

NOVO CALENDARIO ANDAINAS A GUARDA – CAMINHA PRIMAVERA 2023
Data nova Andaina
 20 de maio Ecopista Río Miño entre Monçao e Valença
3 de xuño Trilho Porta do Mezio na Serra do Géres
24 de xuño Andaina pola Illa de Sálvora e paseo polas Pedras Negras de San Vicente do Mar (O Grove)

 

 

ANDAINA 1.- SÁBADO, 20 DE MAIO: ECOPISTA DO RÍO MIÑO MONÇAO / VALENÇA

 

Saída: 9:00 h. da explanada da Sangriña

Hora aproximada de chegada A Guarda: 17:00h

Prezo: 10 €

 

 

Tipo: ruta lineal

Percorrido: natural/etnográfico

Punto de partida/chegada: Monçao / Valença do Minho

Distancia: 13 km

Duración:4,5 h

Grao de dificultade: fácil

 

 

Descrición:

Tratase dunha ecopista de referencia para os practicantes de deporte na natureza, que se desenvolve  na marxe esquerda do rio Miño, ao longo do trazado da liña férrea desactivada. Ao longo do traxecto, os participantes serán sorprendidos por viñedos, campos de cultivo e vistas panorámicas sobre o rio Miño, e poderán apreciar as pesqueiras, as praias fluviais e as insuas, incluídas na Rede Natura 2000.

En Troporiz, parroquia onde o río Gadanha encontra o “Pai Miño”, como xentilmente os galegos tratan o rio Miño, encontramos unha verdadeira postal ilustrada, cunha magnífica beleza paisaxística, perpetuado nas historias tempestuosas de dous pobos que a amistade uniu.

Durante o percorrido será posible visitar a Torre da Lapela, maxestosa construción medieval de planta cuadrangular con trinta e cinco metros de altura, que se ergue sobranceira ao río Miño, e poderase apreciar o patrimonio ferroviario edificado. A andaina terminará xunto ao Mosteiro Beneditino de Ganfei.

 

ANDAINA 3.- SÁBADO, 3 DE XUÑO: TRILHO DO MEZIO – PARQUE NACIONAL DA PENEDA-GÊRES

(ARCOS DE VALDEVEZ)

 

Saída: 9:00 h. da explanada da Sangriña

Hora aproximada de chegada A Guarda: 19:00h

Prezo: 10 €

 

 

 

Tipo: ruta circular

Percorrido: natural/ paisaxístico/cultural

Punto de partida/chegada: Portela do Mezio

Distancia: 8 km

Duración: 5h

Grao de dificultade: moderado

 

 

Descrición:

A ruta do Mezio localizase na pendente da Serra do Soajo, e permite aos participantes percorrer camiños rurais e bonitos cenários agrícolas e florais das aldeas de montaña do Vale do Lima, na parroquia de Cabana Maior, do concello de Arcos de Valdevez.

O punto de partida deste recorrido é na Portela do Mezio, onde se sitúa a Porta do Mezio, unha das cinco portas do Parque Nacional da Peneda Gerês, porta de entrada para a magnífica inmensidade das montañas e vales do Soajo e Peneda, territorio magnífico que a UNESCO considera Reserva Mundial da Biosfera.

Neste punto será posible visitar o Centro Interpretativo, o Parque da Biodiversidade e o Núcleo Megalítico existente, área arqueolóxica que engloba cerca dunha decena de monumentos funerarios pre-históricos – as “Antas do Soajo”- construídos hai cerca de 5000 anos, e un conxunto significativo de gravados rupestres, composto por cerca de 100 rochas gravadas.

 

ANDAINA 4.- SÁBADO, 24 DE XUÑO: ANDAINA POLA ILLA DE SÁLVORA E PASEO POLAS PEDRAS NEGRAS DE SAN VICENTE DO MAR (O GROVE)

 

Saída: 8:00 h. da explanada da Sangriña

Hora aproximada de chegada A Guarda: 19:00 h.

Prezo: 22,50 €

Tipo: rutas lineais

Percorrido: natural/etnográfico

Punto de partida/chegada: Porto do Grove

Distancia: 5 km + 3,4 km

Duración: 3 h + 1h

Grado de dificultade: fácil

Descrición:

Sairemos do Grove con destino a Sálvora, illa que forma parte do Parque Nacional Illas Atlántica de Galicia. Na illa, dividiremos o grupo en grupos de 25 persoas para poder admirar con calma este lugar, e realizaremos as súas dúas rutas: a antiga aldea e o faro. Durante o percorrido, os guías acreditados nos explicarán o porqué da importancia deste lugar, a súa fauna e flora, e as historias aquí ocorridas, coma o naufraxio do vapor Santa Isabel, na parte oeste da illa, entre outros moitos segredos.

Unha vez feitas as rutas, regresamos ao barco para volver navegando ata o porto. Pola tarde, realizaremos o sendeiro de Pedras Negras, en San Vicente do mar, un paseo relaxado pegado ao mar que nos permitirá observar entre as pasarelas de madeira, unha xeoloxía de bolos moldeados polas condicións do mar, que forman unha paisaxe especial e totalmente distinta da costa á que estamos acostumados.

A ruta pola illa é fácil pero non hai que confiarse e sempre hai levar calzado adecuado e roupa de abrigo.

• Os participantes percorrerán 12,5 km do Camiño Portugués da Costa, saíndo dende o Mosteiro de Oia e chegando a A Guarda.

• Ambos monumentos están vinculados dende que no Real Decreto de Xuño de 1931 formaran parte dos 789 elementos patrimoniáis españois que foron declarados monumentos histórico-artísticos pertencentes ao Patrimonio Nacional.

O obxectivo desta conmemoración é o mesmo que en orixe motivou aos que loitaron pola proclamación destes monumentos como parte do Patrimonio Nacional hai 90 anos, e non é outro que poñer en valor estes tesouros nacionais.
Descuberto en 1913, o enorme poboado castrexo que compón o Castro de Santa Trega supuxo unha das primeiras campañas turísticas lanzadas en España, chegando a ser o segundo lugar máis visitado en Galicia trala Catedral de Santiago. O indiano portorriqueño Manuel Lomba Peña é a quen se lle debe en maior medida dito logro.
O Mosteiro de Oia que data do século XII, é o único da Orde do Císter pegado ao Océano Atlántico. Dirixido polos benedictinos que foron monxes artilleiros e cultivaron as vides e as terras durante sete séculos, pasou, trala desamortización a mans privadas pertencendo ata 1945 á familia do segundo propietario, outro indiano portorriqueño veciño de A Guarda, Joaquín Alonso Martínez.
Por todos estes motivos, o Mosteiro de Oia tomou a iniciativa de conmemorar tal acontecemento organizando a Andaina coa colaboración dos concellos de Oia e A Guarda, e contando ademais co patrocinio de Frutas Neves. Baixo o nome ‘de Monumento a Monumento’, a andaina terá lugar o próximo 5 de xuño, saíndo as 10 da mañá do Mosteiro de Oia para percorrer 12,5 Kms pola costa ata O Montiño na Guarda. As inscrición poderán facerse no Concello de Oia, o Centro Cultural da Guarda ou no email info@mosteirodeoia.com ata esgotar as prazas.
Os participantes poderán desfrutar dunha ruta chea de encanto pegada á agreste Costa que une estes dous puntos do Camiño.

O Concello da Guarda informa das últimas prazas libres para participar na segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Trátase dunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no casco urbano do municipio. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.

Desta volta Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fará de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda. Unha excepcional oportunidade para coñecer máis polo miúdo a importancia do Camiño Portugués na Guarda e a súa relación coa vila e coas súas xentes, así como o seu legado patrimonial.

A andaina sairá ás 10:00h da mañá e está previsto que remate sobre as 13:00h, contando con prazas limitadas.

As inscricións continúan abertas a través do formulario online: https://forms.gle/8pCWKcpcqHX6eNJPA

Esta andaina, continúa co ciclo de “xornadas” que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. Desta volta a actividade amosará o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome Falemos do camiño, convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.

Inscríbete aquí:

O vindeiro sábado día 15 de febreiro terá lugar na Guarda a segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.

Desta volta trátase dunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no casco urbano do municipio. A andaina sairá ás 10:00h da mañá e está previsto que remate sobre as 13:00h, contando con prazas limitadas.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición no formulario online: https://forms.gle/8pCWKcpcqHX6eNJPA

Desta volta Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fará de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda.

Esta andaina, continúa co ciclo de “xornadas” que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. Desta volta a actividade amosará o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome Falemos do camiño, convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.

 

A andaina Ruta Máxica de Oia foi programada para dar comezo as Andainas organizadas polo Concello da Guarda e Caminha pero debido ás malas previsións meteorolóxicas do mes de marzo foi aprazada.

Finalmente esta andaina terá lugar o próximo sábado 26 de maio polo que os interesados deben confirmar a súa asistencia na Oficina de Turismo do Concello da Guarda ou no tel. 986614546 ou no mail turismo@aguarda.es

Esta ruta estará guiada pola Asociación Costa de Castros. A Ruta Máxica de Oia percorre uns 18km da Serra da Groba pasando polas parroquias costeiras deste concello.

A ruta sinalizada comezará no miradoiro da Pedreira onde se atopan petróglifos e continuará coñecendo outros gravados rupestres ata chegar ao río Broi e ao espazo natural das Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental. Despois ascenderase ata o Castro do Cano do Mouros e as Pozas de Mougas onde se realizará o xantar. Nesta última parte do percorrido descenderase ata o Castro de Cabeziña. A ruta rematará na estrada PO552 onde se atopa o Camping O Muíño.

 

Debido ás malas previsións meteorolóxicas o Concello da Guarda e o Municipio de Caminha acordaron aprazar a andaina organizada deste sábado para o sábado 17 de marzo.

Esta ruta estará guiada pola Asociación Costa de Castros. A Ruta Máxica de Oia percorre uns 18km da Serra da Groba pasando polas parroquias costeiras deste concello.

A ruta sinalizada comezará no miradoiro da Pedreira onde se atopan petróglifos e continuará coñecendo outros gravados rupestres ata chegar ao río Broi e ao espazo natural das Sobreiras do Faro, o bosque mediterráneo máis occidental. Despois ascenderase ata o Castro do Cano do Mouros e as Pozas de Mougas onde se realizará o xantar. Nesta última parte do percorrido descenderase ata o Castro de Cabeziña. A ruta rematará na estrada PO552 onde se atopa o Camping O Muíño.

A programación anual de andainas organizadas polo Concello da Guarda finalizou o sábado 11 de novembro cun percorrido entre Leiro e Pazos de Arenteiro no que participaron máis de 50 persoas. A actividade organízase dende o ano 2010 e, dende o pasado ano, o Município de Caminha únese á guarda na iniciativa.

Neste 2017, o calendario de andainas comezou na primavera e incluíu un total de sete saídas, incluída a derradeira andaina de novembro que non formaba parte do calendario anual. A primeira das saídas realizouse o 25 de marzo e constou dun percorrido de 17 km dende o Camiño dos Burros en San Xián (O Rosal) ata chegar á Guarda, namentres na segunda das andainas, celebrada o 6 se maio, tivemos a oportunidade de realizar un percorrido de 15 km entre Allariz e Augas Santas, pasando pola beira do río Arnoia.

A terceira saída celebrouse o 3 de xuño e  consistiu nun itinerario de 15 km pola Illa de Arousa, paseando pola afamada ruta dos Cons e polo sendeiro dos Pilros. O 28 de agosto, pola súa parte, achegámonos á Romería de São João d’Arga (Caminha), percorrendo un camiño de 20 km. A quinta andaina realizouse o 16 de setembro e consistíu nunha ruta interpretativa de 22 km polas fortalezas do Baixo Miño, incluíndo os fortes de San Lourenzo de Goián (Tomiño), Lovelhe, Caminha e o Castelo de Santa Cruz.

O calendario de andainas organizadas conxuntamente con Caminha cerrou a súa programación oficial o 7 de outubro, coa realización dun percorrido de 16,5 km polo municipio portugués de Ponte de Lima, a través da coñecida ruta das Lagoas de Bertiandos e São Pedro D’Arcos.

Dada a boa acollida da iniciativa, o próximo ano continuará a programación de andainas, orientada a ofrecer aos veciños e veciñas alternativas de ocio saudable e ao aire libre, e a coñecer a paisaxe e o patrimonio da nosa vila e a súa contorna. A comezos do novo ano publicarase o calendario de andainas do 2018 -comezando, previsiblemente, chegada a primavera- e as datas de inscricións para cada unha delas.

A Guarda acollerá esta fin de semana a cuarta edición do Trail do Trega, organizada por TimeAventure en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra. A dous días de finalizar o período de inscricións, xa son máis de 180 as persoas inscritas na proba cronometrada, que transcorrerá polo Monte Santa Trega e a súa contorna.

A carreira pedestre contará cun percorrido total de 18,5 km e un desnivel acumulado de 1.100 metros, aproximadamente. Por outra parte, o evento deportivo tamén ofrece a posibilidade de participar nunha andaina de 10 km de percorrido con paso polos puntos emblemáticos do monte. Nesta ruta, que será de dificultade baixa, xa son máis de 40 as persoas inscritas.

Ámbolos dous percorridos partirán da explanada do Centro Cultural e terán a meta no mesmo punto. A carreira comezará ás 10:00 h, namentres a andaina dará comezo ás 9:15 h.

As inscricións poderán realizarse ata as 23:59 horas deste venres, 24 de novembro, a través das páxinas www.avaibooksports.com e inscripciones.ranckr.com/eventos, nas que tamén poderá consultarse o regulamento das probas.

Os dorsais poderán recollerse no Centro Cultural este sábado, 25 de novembro, entre as 17:00 e as 19:00 h. Aquelas persoas interesadas en participar que aínda non se teñan anotado poderán aproveitar a ocasión para inscribirse de forma presencial.

O prezo da inscrición é de 3€ para a andaina e 15€ para a carreira. Os 300 primeiros inscritos nesta última recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa do IV Trail do Trega. Para a resolución de dúbidas e máis información, poden dirixirse á organización a través do correo electrónico info@timeaventure.es.

A programación cultural e deportiva da fin de semana comezará esta noitiña cun achegamento literario á represión franquista e continuará o venres coa proxección do filme inglés “La chica danesa”. O sábado poderemos realizar un percorrido guiado por Salcidos e celebrarase a proba “Vellas Glorias do Ciclismo” coa participación de grandes veteranos da disciplina deportiva, namentres o o caso histórico da Guarda será a protagonista da ruta guiada do domingo.

Esta noitiña presentarase na Casa dos Alonso o libro “Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron”. No acto de presentación, que comezará ás 20:30 horas, participarán a escritora e membro do consello de administración de Sermos Galiza Marga Romero, o coautor do libro e especialista na represión franquista Xosé Álvarez, o autor e coordinador da obra Xoán C. Garrido, e o mestre e membro da Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo-Miño, Xosé M. Méndez.

O volume recolle un extenso estudo sobre os represores na provincia de Pontevedra, facendo especial referencia ao papel desenvolto polos actores do operativo represivo recollidos en diversos testemuños tanto documentais como orais.

A noite do venres teremos ocasión de gozar do mellor cine no Centro Cultural. Alí proxectarase “La chica danesa”, unha película dramática que narra a historia real unha parella de artistas cuxa vida marital da un xiro cando o home adopta unha aparencia feminina. Esta será unha boa ocasión para reflexionar sobre a identidade de xénero e a ruptura dos estándares sociais respecto do estrito binomio home-muller.

A Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda, pola súa parte, organiza este sábado, 21 de outubro, unha visita guiada pola parroquia de Salcidos. O percorrido comezará na Igrexa Parroquial ás 17:00 horas, e estará dirixida polo historiador Manuel Álvarez. Da súa man coñeceremos a historia do pazo e os seus moradores, así coma dos lavadoiros públicos e outros lugares emblemáticos da parroquia.

O deporte tamén terá cabida na xornada do sábado coa celebración da proba “Vellas Glorias do Ciclismo”. Os participantes -entre os que se atopan Ezequiel Mosquera, Álvaro Pino, José Ángel Vidal, Oscar Pereiro, Isidro Araujo e Gustavo Otero, entre moitos outros veteranos do ciclismo- realizarán un circuíto urbano que dará comezo ás 17:30 horas na Alameda e finalizará no Monte Santa Trega.

Xa o domingo, gozar do entorno será o obxectivo principal da andaina organizada pola Asociación Veciñal e Cultural das Parroquias da Guarda. Ás 16:30 horas comezará unha ruta guiada polo casco histórico con saída dende o Castelo de Santa cruz. O percorrido pasará polas murallas, a atalaia, a cetaria e outros puntos de interese da nosa vila, contando coas explicacións do funcionario de Patrimonio da Xunta de Galicia, Miguel Reboredo.

Exposición “Proxecto táctil”

Dende esta mañá, pódese visitar no Centro Cultural “Proxecto táctil”, unha mostra composta por unha ducia de obras artísticas pensadas para ser percibidas mediante o tacto. Os visitantes poderán facer uso dun anteface e das súas mans para coñecer as pezas escultóricas elaboradas por actuais e antigas alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

A exposición estará aberta ao público ata o próximo 4 de novembro no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10 a 13 e de 17 a 20 horas de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.

 

Este sábado, 7 de outubro, celebrarase a derradeira das seis andainas que conforman o calendario organizado polo Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha para este ano. Nesta ocasión, os participantes poderán gozar dun percorrido polo municipio portugués de Ponte de Lima a través da coñecida ruta das Lagoas de Bertiandos e São Pedro de Arcos.

O autocar sairá da explanada da Sangriña ás 8:00 horas en dirección Caminha, onde os participantes guardeses se xuntarán cos portugueses e, xa reunidos, continuarán a viaxe cara Ponte de Lima.

A andaina comezará na Serra d´Arga (Cerquido) e terminará en Ponte de Lima, cun percorrido total de 20 km e baixa dificultade. Durante a camiñada, baixaremos pola ladeira da Serra d´Arga dende Cerquido ata Bertiandos, atravesando áreas incluídas na Rede Natura.

 

Así, poderemos visitar o río Lima, lugar de importancia comunitaria e principal punto de interese de paisaxe e os valores naturais asociados aos recursos hídricos, ás áreas e actividades agrícolas e a varios elementos do patrimonio histórico-cultural do que son exemplos os muíños e pontes. Percorrendo a Área de Paisaxe Protexida das Lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos, atravesaremos o Río Estorãos a través da ecovía das Lagoas ata Ponte de Lima.

Faremos unha parada xunto ao Solar de Bertiandos despois do paseo na zona das lagoas. Ao remate, xa en Ponte de Lima, teremos tempo para visitar a vila. O regreso dos participantes á Guarda está previsto a partir das 19:00 horas.

O custe de participación por persoa é de 14 euros, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo situada na Casa do Concello, no teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.