Hoxe luns 29 de maio publicouse no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria e bases para a contratación dunha praza de persoal para a oficina de información turística do Concello da Guarda.

Esta praza está ao abeiro da subvención convocada pola Axencia de Turismo de Galicia por Resolución de 29 de decembro de 2016. Na que se establece a duración dende a sinatura do contrato ata o 15 de setembro de 2017, cunha xornada de 37,5 horas semanais, de luns a domingo, co horario que determine a Concellería de Turismo do Concello de A Guarda

A esta praza laboral temporal só se poderán presentar as persoas que estean en posesión da seguinte titulación: Técnico superior de información e comercialización turística ou técnico superior en guía, información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas; ou grao ou diplomado/a en turismo ou equivalente homologado ou ben contar coa habilitación de guías se turismo. Ademais deberán ter a nacionalidade española, ter cumpridos os 16 anos de idade e estar desempregado/a.

O prazo para a presentación de instancias será de dez días hábiles dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A presentación de solicitudes poderá facerse ben no rexistro xeral do Concello, ben en calquera das formas establecidas no art. 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Publicas.

Enlace das bases publicadas no BOP de Pontevedra:

http://www.boppo.depo.es/web/boppo/detalle/-/boppo/2017/05/29/2017020343

Neste fin de semana tan importante para o deporte da Guarda continúa a ruta gastronómica de Tapearte.

Despois da excelente acollida da ruta no primeiro fin de semana esperase que os participantes continúen realizando a ruta nos 23 restaurantes e bares participantes. Esta ruta celebrase os venres, sábados e domingos ata o 18 de xuño co horario de12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.

Recorda solicitar o teu pasaporte, selar nos establecementos onde degusta a tapa e marcar a túa valoración. Deste xeito serás parte do xurado que decidirá que establecemento elabora a Mellor Tapa de TAPEARTE 2017.

En agradecemento a túa participación na ruta e no concurso poderás optar a agasallos. Haberá un premio directo aos entreguen o pasaporte con un mínimo de 15 selos, o premio é un pack de reloxo e bolígrafo do deseñador Antonio Miró e terán que recollelo na Oficina de Turismo. Tamén haberá un sorteo de 9 mochilas e 9 altavoces inalámbricos entre os pasaporte entregados nas urnas e que conteñan os datos de contacto completos e un mínimo de 7 selos. Haberá urnas para depositar os pasaporte nos establecementos adheridos e na Oficina de Turismo do Concello.

Organiza Concello A Guarda coa colaboración dos 23 restaurantes e bares da Guarda. Patrocina: Disramo.

 

 

Esta semana o ferry de A Guarda e Caminha verase novamente afectado pola marea baixa e isto provocará cambios nos horarios de saída e cancelacións durante as mañás.

Polo tanto achégase o horario definitivo ata o domingo 28 de maio. A continuación, poden consultar os horarios no cadro pero deben ter en conta que as saídas canceladas están indicadas con NON na casilla e as saídas que modifican a hora de saída para axustarse a marea baixa están detalladas na propia casilla coa hora de saída de Caminha e de A Guarda.

Para máis información, recomendase chamar ao despacho de billetes 986 61 15 26 no horario de atención de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00.

Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público hoxe o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.

A praia de Area Grande e do Muíño obteñen este distintivo como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezará co arranque estival.

A praia “Area Grande” luciu por primeira vez este distintivo no ano 2009, e dende esa data, todas as tempadas o conseguiu. Pola súa banda, o areal “O Muíño”, renovou a bandeira azul no 2010. Ademais da bandeira azul esta praia fluvial tamén contará co distintivo “Ecoplayas”.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente hoxe, publicouse o resultado.

Como acto de peche desta edición da Ruta do Pincho da Lamprea do Miño, este xoves 27 de abril o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes, entregaron os agasallos aos premiados no sorteo realizado entre os clientes participantes e o diploma ao Restaurante Bitadorna, gañador do Premio ao Mellor Pincho da Lamprea 2017.

Esta iniciativa celebrouse durante as dúas primeiras fin de semanas do mes de abril e contou con 8 establecementos adheridos. Entre estes o pincho do Bitadorna, que combinaba a innovación co protagonismo que debía ter a lamprea como centro da creación, foi elixido como gañador polos votos dados polos propios clientes nas papeletas que deixaron nos establecementos como parte do concurso ao mellor pincho da ruta.

Estas papeletas serviron ademais para sortear tres lotes de viño entre os clientes participantes, que tamén lles foron entregados esta mañá. O primeiro premio foi recollido polo agraciado, Felipe Vicente González (da Guarda) e consistiu en 3 botellas Rectoral de Umia (Albariño). O segundo e terceiro premio foron para Benedicto Sousa Álvarez (de O Rosal), con 3 botellas Rectoral de Amandi (Mencía) e Rafael Pablo Rodríguez Amenedo (da Guarda), con 3 botellas de Alanís (Ribeiro) e acudiron familiares de ambos a recollelos.

Remata así esta exitosa edición dunha iniciativa na que se repartiron máis de 500 pinchos cos que se buscou promocionar un destacado produto local e que, como dixo o alcalde da Guarda, cada día máis xente veña á Guarda a desfrutar das variadas experiencias gastronómicas que ofrece. Así, queda todo o mundo convidado a visitar A Guarda e achegarse a próximas edicións desta Ruta.

A falta de calado debido ás mareas baixas provoca que o ferry non poida navegar. Ademais, a escaseza de chuvias das últimas semanas pode provocar que se produzan cancelacións no mesmo día. Por estas razóns, algunhas viaxes teñen que ser canceladas.

Cada semana confírmanse as saídas garantidas segundo a previsión das mareas. Os horarios poden ser consultados na oficina do ferry ou no teléfono 986 61 15 26.

Durante esta semana, dende o día 25 ao domingo 30 de abril os horarios previstos serán os seguintes:

Os horarios son definitivos excepto aquelas saídas con asterisco (*) que non están aseguradas. Ata o mesmo día o patrón do ferry non sabe se terá o suficiente calado. Por isto recoméndase sempre asegurarse chamando ao número de télefono antes citado.

Tras varios anos levando a cabo andainas cunha gran acollida, foron numerosos os participantes das mesmas que amosaron o seu interese por organizar unha saída máis longa, que durase unha fin de semana e na que puideran coñecer novos recunchos galegos.

Finalmente este ano foi posible e vén de realizarse unha saída ao interior da nosa comunidade. Os días 22 e 23 de abril, 53 guardeses, guardesas e veciños da comarca puideron desfrutar dos grandes atractivos cos que conta a Serra Luguesa do Courel. Nunha saída organizada grazas a Eroski Viajes, a proposta do Concello da Guarda, todos aqueles que acudiron volveron máis que satisfeitos tras unha experiencia que incluía a viaxe de ida e volta e pensión completa nun aloxamento rural. Por isto, só tiñan que preocuparse de gozar e espremer ao máximo unha visita nunha paraxe natural incomparable e coa sorte de ter unha fin de semana de tempo estival.

Para mais información sobre as andainas organizadas polo Concello ou para anotarse nas rutas de agosto, setembro e outubro poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Os alumnos e alumnas da clase de 3º da ESO do Instituto A Sangriña están traballando na realización dun mural situado xunto a Alameda, na Rúa Galicia, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes quixeron achegarse este xoves pola mañá ata o lugar.

Esta actividade forma parte de Urban Art Project, un proxecto interdisciplinar da Sección Bilingüe de 3º da ESO do IES A Sangriña, coordinado polos profesores Beatriz Núñez (Plástica), Alfredo Garrido (Música) e Rosana Moreira (Inglés) e que ten como obxectivo implicar á xuventude na vida económico-social da súa vila a través da arte.

Este proxecto comprende a elaboración dun mural-grafitti de benvida á Guarda e un video promocional da localidade destinada ao turismo estranxeiro, para o cal o centro conta coa axuda de Brais Martínez Villa. O resultado final, ese vídeo que se está a realizar, estará colgado na web do concello e de Turismo da Guarda.

A iniciativa, organizada dende o propio centro educativo en colaboración co Concello da Guarda, supón unha oportunidade para que o alumnado participe nun interesante proxecto multidisciplinar que ademais axuda a poñer en valor a riqueza da Guarda e a implicación da súa comunidade educativa.

A Casa dos Alonso foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para realizar unha sesión informativa dirixida principalmente ao sector turístico da comarca do Baixo Miño, que tivo lugar este xoves 20 de abril pola mañá.

Nesta reunión, á que acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes, asistiron representantes de empresas turísticas e negocios do sector tanto da vila como das localidades veciñas. Ante eles o deputado de Turismo, Santos Héctor e Tania Abalde, a consultora que implanta o SICTED, presentaron o proxecto que está a impulsar a Deputación de Pontevedra de asesoramento gratuíto para implantar o distintivo de calidade turística SICTED.

Hai unhas semanas que comezou unha campaña informativa e de captación de novas empresas, e o deputado destacou que máis de 50 empresas xa solicitaron a súa adhesión para acadar este distintivo. Tras a reunión foron moitos os empresarios da zona que tamén se interesaron en ser incluídos no mesmo, xa que as empresas que acaden o distintivo poderán mellorar o seu funcionamento e certificarán que o servizo que prestan é de calidade. O prazo para adherirse ao proxecto da Deputación estará aberto ata o 14 de setembro e todo o que o desexe pode informarse directamente na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Unha vez finalizado este prazo virá a formación e o asesoramento coas empresas e rematarase cunha avaliación. En última instancia será a Secretaría General de Turismo quen valore cales son as propostas que deban ser recoñecidas co distintivo SICTED.

En total existen 203 empresas que contan co distintivo de calidade turística no Destino Rías Baixas da provincia de Pontevedra e, grazas a esta iniciativa poderase mellorar aínda máis a prestación de servizos en lugares tan turísticos como A Guarda, que cada día máis son un referente para o sector.

Este domingo día 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro e, dende A Guarda, organizan diversas actividades para que pequenos e maiores poidan celebrar e desfrutar desta importante data.

Como xa fora anunciado a finais de marzo, durante todo este mes o Libro está a ser o gran protagonista da programación da Concellería de Cultura coa campaña “Abril Mes do Libro”. Esta inclúe un “Certame de Microrrelatos”, no que todo o que quixo puido presentar dende o 1 ata o 18 de abril a súa obra. A partir deste mércores día 19 e ata o sábado 29 de abril, os máis de 30 traballos presentados estarán expostos no Centro Cultural da Guarda. Os participantes recibirán un pequeno agasallo na Biblioteca Municipal, o venres 21 ás 18 horas, en agradecemento pola súa colaboración. Tamén se impulsou a iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa” entre os nenos e nenas da vila durante estes pasados días festivos.

Ademais, nesta fin de semana na que se celebra o Día Internacional do Libro, concéntranse tres actividades adicadas a el. O venres 21 ás 21 horas, o Centro Cultural acollerá unha sesión de cinema especial polo Día do Libro na que se poderá ver o filme “Al encuentro de Mr. Banks”, que retrata a historia de como Walt Disney conseguiu facerse cos dereitos da obra “Mary Poppins” para levala ao cinema.

E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá, ás 11’30 horas, volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo “As historias de Kamishibai”. E por último, ás 17’30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: ‘Cenicienta’. Pecharase así un mes adicado a celebrar o Libro e todo o que significa, así como a promover o valor da literatura e o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas.

A Comunidad Terapéutica Alborada de Tomiño, en colaboración co Concello da Guarda, está a levar a cabo unha actividade de promoción do coidado do medio ambiente nas praias e Senda Litoral da Guarda.

Esta iniciativa consiste na realización de saídas, durante tres fines de semana, a puntos da Senda e ás praias da Guarda, para realizar unha limpeza destes espazos co obxectivo de recoller todos aqueles materiais contaminantes que atopen. O Concello da Guarda, ante esta proposta, ofreceu a súa absoluta colaboración facilitando os materiais necesarios e o lugar para tiralos de maneira axeitada.

As dúas primeiras saída xa se realizaron o día 26 de marzo e pasado domingo día 2 de abril. Nestas, os oito usuarios do centro e a educadora que lles acompaña durante as saídas atoparon, entre outras cousas, moito poliespán e diferentes plásticos, así como material de pesca; todos eles materiais que agora xa non ensucian estes espazos e que poderán ser reciclados. A vindeira e última saída será este domingo 8 de abril.

Dende os dous organismos colaboradores mostran a súa satisfacción por poder levar adiante unha iniciativa que permite promover o coidado do medio ambiente, en especial en zonas de tanto valor natural como o litoral guardés. Iniciativas como esta son clave para concienciar sobre a importancia non só da limpeza e reciclaxe, senón da necesidade de conservar o patrimonio natural de todos tratando de ensuciar os espazos públicos o menos posible.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Turismo e Comercio, Montse Magallanes foron os encargados de presentar a ‘Ruta do pincho da lamprea do Miño 2017’, que volve este ano á Guarda, este venres ás 10 horas na Casa dos Alonsos.

Esta ruta, que tivo a súa primeira edición en 2014, orixinouse pola inquietude dos pescadores e viveirista da vila por promocionar e dar a coñecer o sabor dun produto da zona como é a lamprea. Este ano, a pesar da escaseza de capturas, volven a organizar unha nova edición, en colaboración co Concello, para mostrar ao público que a lamprea pode estar ao alcance de todos. Con esta finalidade, 8 locais guardeses ofrecerán pinchos coa lamprea como protagonista, a un prezo único de 2 euros, durante as dúas primeiras fin de semanas de abril.

O alcalde e a Concelleira estiveron acompañados neste acto por unha representación dos establecementos participantes, que amosaron aos presentes os pinchos que se poderán degustar durante os días 1, 2, 8 e 9 de abril en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas. Entre estes había hamburguesas de lamprea, fideuá e outras creacións.

O alcalde iniciou a presentación falando do orgullo guardés que sinte cando representa á vila en eventos como FITUR ou a Gala de Turismo Rías Baixas que tivo lugar onte e na que A Guarda recibiu 3 diplomas de Calidade Turística. A sensación é que o bo facer do departamento de turismo é moi apreciado fóra da vila e que é grazas a iniciativas como esta ruta que se da a coñecer todo o que pode ofrecer A Guarda, que é moito.

Pola súa banda a Concelleira quixo agradecer aos establecementos que participan da ruta e aos pescadores e viveirista que orixinaron unha iniciativa moi importante para promocionar un produto da zona que para moitas persoas aínda é un descoñecido e para por en valor a gran calidade da gastronomía guardesa. Tamén agradeceu ós pescadores que impartiron aos escolares da vila as xornadas didácticas ‘Coñeces a lamprea?’ que despertaron un gran interese dos rapaces. O recibimento foi espectacular e os debuxos da lamprea que realizaron nos centros estarán expostos nos locais participantes.

Recordouse que todos aqueles que acudan a estes locais a probar os pinchos serán tamén os xuíces do Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño, puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais, premiarase a fidelidade dos participantes cun sorteo de 3 lotes de vino entre todas as papeletas depositadas nas urnas.

Non queda máis que convidar aos veciños, veciñas e visitantes a desfrutar duns pinchos de gran calidade a un módico prezo, e aproveitar a oportunidade para acompañar esta experiencia gastronómica dunha boa compañía nun lugar tan fermoso como A Guarda.

O mes de abril, que está a piques de comezar, é un dos meses máis destacados dentro da cultura e da literatura con dúas celebracións importantes como son o Día do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, e o Día Internacional do Libro, o día 23.

Con motivo destas celebracións, o Concello da Guarda adicaralle ao libro diversas actividades durante todo o mes, encadradas na campaña “Abril Mes do Libro” que acollerá a Biblioteca Municipal da Guarda. A primeira iniciativa terá lugar esta fin de semana cunha nova cita dos Contos Contados para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, con “Contos de Andersen”. Ademais tamén contará cun posterior obradoiro chamado “O meu libro favorito”, onde se fará un mural utilizando o enxeño e a pintura.

A segunda das actividades da campaña é o “Certame de Microrrelatos”, que está aberto a toda a cidadanía sen límite de idade. Os traballos poden presentarse, do 1 ao 18 de abril, tanto no Departamento de Cultura do Concello de 9 a 14 horas, como na Biblioteca Municipal das 17 a 20 horas ou sábados de 11 a 13 horas.

Os libros tamén serán protagonistas da Semana Santa coa iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa”. E xa nas xornadas previas á celebración do Día Internacional do Libro temos 3 citas coa literatura e a cultura por esta data. O venres 21 de abril o cinema volve ao Centro Cultural, ás 21 horas coa proxección do filme “Al encuentro de Mr. Banks”. E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo “As historias de Kamishibai”. E por último, ás 17’30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: ‘Cenicienta’.

Coa campaña “Abril Mes do Libro” a concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal da Guarda buscan celebrar dúas datas tan sinaladas, como son o Día do Libro e o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e tamén aproveitar esta ocasión para promover o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas de tódalas idades.

Nos próximas días o Concello da Guarda executará a obra de peatonalización parcial da Praza do Reló. Con esta obra eliminarase o tráfico e aparcamento na maioría da superficie da praza.

O concello informa aos veciños e veciñas que cando estea rematada a obra só poderán circular vehículos dende a rúa Bernardo Alonso a Cervantes, e dende a rúa Colón tamén a Cervantes.

Nesta nova disposición facilitarase un aparcamento para minusválidos e unha zona de carga e descarga. Os carrís de circulación estarán limitados por bolardos extraíbles de aceiro inoxidable e dotarase de mobiliario ao resto da praza.

A intención do Concello con esta actuación é por en valor a Praza do Reló como espazo de convivencia tranquila para todos os veciños e veciñas, dende os máis pequenos ata os avós.

A vindeira fin de semana, na que se da a benvida ao mes de abril, chega á Guarda cunha axenda repleta de citas musicais, culturais e gastronómicas para ofrecer a veciños, veciñas e visitantes dous intensos día de lecer.

No apartado cultural este sábado, 1 de abril, destaca a celebración dunha nova edición dos Contos Contados para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, con “Contos de Andersen” e o posterior obradoiro “O meu libro favorito”, onde os asistentes realizarán un mural utilizando o enxeño e a pintura. Esta iniciativa é a primeira da Campaña ‘O Mes do Libro’, en conmemoración do Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril. Ademais, nesta senda o sábado ábrese o prazo, que pecha o día 18, para entregar os traballos que queiran participar no “Certame de Microrrelatos 2017” da Biblioteca Municipal. Tamén ese mesmo sábado pola tarde hai celebración no Centro Cultural, neste caso do décimo Aniversario do grupo Coiro Vello, ás 20’30 horas.

O domingo día 2 terá lugar un dos pratos fortes da fin de semana e da tempada, na Guarda: o concerto que dará na vila a cantante Ses. Esta iniciativa, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) dentro do programa “Artellando en Igualdade” e subvencionada pola Deputación de Pontevedra, achegará unha actuación marcada pola linguaxe fresca e directa da artista coa que avoga pola defensa dos valores femininos e a visibilización da desigualdade. As entradas, de balde, están xa esgotadas debido á gran expectación e o bo recibimento da proposta e espérase un cheo completo para o concerto que terá lugar o domingo ás 18 horas no Centro cultural.

E esta fin de semana da comezo a ‘Ruta do Pincho da Lamprea do Miño’ 2017, que organizan pescadores e viveirista da Guarda, en colaboración co Concello, durante as dúas primeiras fin de semanas do mes de abril. O sábado 1 e o domingo 2, e o sábado 8 e o domingo 9, poderanse degustar en 8 establecementos da vila pinchos de lamprea a un prezo único de 2 euros. Esta ruta gastronómica preséntase este venres, 31 de marzo ás 10 horas na Casa dos Alonsos.

Con esta variedade de actividades o Concello da Guarda prepárase para dar comezo ao mes de abril e á súa primeira fin de semana, esperando que a proposta sexa do interese dos guardeses, guardesas e visitantes e convidándoos a participar en todas elas.

Como vén sendo habitual, un ano máis o Concello da Guarda organiza diversas andainas coas que se busca ofrecer aos veciños e veciñas alternativas saudables de lecer para desfrutar ao aire libre. Esta actividade volve a estar organizada conxuntamente coa localidade portuguesa de Caminha e nela se ofertan 6 andainas programadas dende a Concellería de Deporte e Patrimonio para este ano 2017.

A primeira das andainas realizouse esta fin de semana, o sábado 25 de marzo, cunha ruta de 17 quilómetros que saíu dende San Xián (O Rosal) para percorrer o Camiño dos Burros pola Serra da Groba ata rematar na Guarda. Esta primeira andaina, que foi gratuíta e para a cal o Concello da Guarda dispuxo dous autocares para trasladar aos participantes ata o comezo da mesma, tivo unha gran acollida con máis de 140 participantes, contando o grupo chegado dende Caminha, que desfrutaron das fermosas vistas e paraxes que ofrecía o camiño.

Para as dúas andainas seguintes, organizadas antes do descanso de verán, o prazo de inscrición pechará o 19 de abril. A segunda andaina será o sábado día 6 de maio. Trátase dunha ruta entre Allariz e Augas Santas, cunha distancia total de 15 quilómetros; e a terceira realizarase o sábado 3 de xuño, nunha ruta de tamén 15 quilómetros, pola Illa de Arousa. En agosto, o luns 28, está programada unha andaina á Romaría de Arga de San Joao en Caminha, na que se poderán inscribir ata o 21 do mesmo mes. Tras o verán, seguirán as andainas con novas rutas en setembro e outubro.

Todos os interesados en realizar as inscricións, consultar calquera dúbida ou obter máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

O pasado venres día 24 de marzo pechouse na Guarda a tempada de barferencias celebradas na vila durante estes meses de inverno. Durante os pasados cinco meses diversos locais da vila acolleron estas barferencias nas que expertos, profesores e investigadores de recoñecido prestixio realizaron ponencias sobre diversos temas.

A última das barferencias, que tivo como ponente á investigadora posdoctoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Martín Seijo, versou sobre “A xestión do bosque e do monte polas comunidades da Idade de Ferro”. Ante os asistentes que se achegaron ata o Restaurante O Forte, a arqueóloga e especialista en arqueobotánica expuxo e compartiu os seus amplos coñecementos da temática sobre a cal versou tamén a súa tese pola que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento. Para isto realizou un breve percorrido pola Idade do Ferro e a relación destas comunidades co bosque a partir da xestión dos recursos forestais, fundamentalmente da madeira. Tras a charla os presentes amosaron o seu interese, debatendo os distintos aspectos tratados e realizando preguntas sobre o tema.

Deste xeito péchase o programa de barferencias 2016/17 co que o Concello da Guarda ofreceu aos veciños e veciñas cinco ponencias nas que se trataron temas tan interesantes e diversos como a minería de ouro ou a historia do Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), que este ano celebra o seu centenario, entre outros.

Dende o Concello agárdase que estas barferencias resultaran interesantes e foran desfrutadas polos guardeses e guardesas e poder así seguir, a vindeira tempada, organizando novas barferencias coas que debater e descubrir novos coñecementos nun ambiente distendido.

O vindeiro xoves 30 de marzo o Centro Cultural da Guarda acollerá, ás 20’30 horas, unha charla sobre a situación dos refuxiados sirios, “A historia de Ahmad contada en primeira persoa”.

Ao cargo desta charla estará Ahmad, que contará a súa historia en primeira persoa; a historia dun home de procedencia siria que tivo que deixar o seu traballo, a súa familia, o seu fogar e a súa vida normal ante o estalido dun conflito armado que o levou a vivir en varios campos de refuxiados en Grecia.

A través da súa propia experiencia, do que viviu, o que viu e o que lle contaron nestes campos de refuxiados, Ahmad ofrecerá aos asistentes unha visión única e de primeira man das consecuencias que se derivan do conflito armado que está a acontecer nestes intres en Siria. Nesta charla falará da situación do seu país, as causas da guerra, a situación dos campos de refuxiados en Europa e as condicións de vida nestes; así como sobre a Política da Unión Europea con respecto a este problema humanitario.

Ahmad leva uns meses vivindo na Coruña pero desexa seguir concienciando e centrando a atención no que está a ocorrer no seu país, mediante as súas propias vivencias. Dende o Concello da Guarda convídase a todos os veciños, veciñas e visitantes a achegarse a coñecer a Ahmad, a súa historia e a de milleiros de refuxiados que se ven obrigados a deixar os seus fogares a través da visión persoal dun deles.

A “Ruta do pincho da lamprea do Miño” xurdiu en 2014 da inquietude dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar a Lamprea do Miño entre o público como un pincho a un prezo alcanzable.

Moitos só conciben a lamprea como o prato principal nunha celebración especial polo que esta ruta é unha excelente oportunidade para degustar a lamprea como un aperitivo que acompañe ó viño e á boa compañía. Ademais a ruta tamén facilita que proben a lamprea aqueles interesados en coñecer o seu sabor.

Esta ruta tivo unha excelente acollida nas primeiras edicións polo que este ano volvese a organizar a pesar de que no comezo desta temporada houbo poucas capturas. Por esta razón o viveirista e os pescadores do Miño da Guarda seguen apostando pola promoción da lamprea coa colaboración dos restaurantes e bares.

Antes do peche da temporada da captura da lamprea celebrarase esta ruta durante catro días repartidos durante o próximos fines de semana: o sábado 1 e domingo 2 e o sábado 8 e domingo 9 de abril. Polo que veciños da Guarda, visitantes e turistas poderán degustar do pincho da Lamprea do Miño de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas a un prezo único de 2 €.

Cada restaurador ten liberdade na creación da súa proposta tendo en conta que o sabor da lamprea dominará nun pincho de calidade e para fomentar esta calidade este ano volvese a organizar o Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño entre os restaurantes e bares adheridos. Os responsables de escoller o establecemento co mellor pincho serán os participantes puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais de coñecer as valoracións dos restaurantes, as papeletas permitirán coñecer un número aproximado de pinchos servidos.

Para premiar a fidelidade dos participantes haberá un sorteo de agasallos entre todas as papeletas depositadas nas urnas. Os 8 restaurantes e bares disporán de papeletas e urnas para facilitar a participación na elección do Mellor Pincho de Lamprea do Miño 2017.

Coñecedes a lamprea?

Neste 2017 a novidade foi achegar a pesca da lamprea aos escolares da Guarda. Polo que dende a Concelleria de Turismo organizouse a actividade didáctica de “Coñecedes a lamprea?” dirixida aos alumnos de 6º de primaria. Durante unha hora os nenos atenderon ás explicación de dous expertos pero xoves pescadores do río Miño, Héctor Morais López e Ismael Sousa Alfonso que amosaron aos nenos a pesca no río Miño e, en especial, da lamprea que agora mesmo atópase en temporada. Máis de 50 nenos e nenas do CEIP Plurilingüe “As Solanas Nicolas Guiterrez Campo, CEIP Manuel Rodríguez Sinde e do CPR San José que pecharon esta xornada asistiron a unha actividade que resultou un éxito debido ao interese mostrado polos escolares. Ademais puideron observar as diferentes redes empregan no Miño, as medidas de seguridade esixidas e para coñecer mellor a lamprea houbo unha réplica de lamprea e unha lamprea viva nun viveiro.

Despois da xornada que tivo lugar no Centro Cultural os nenos elaborarán na aula un debuxo coa temática “Desembocadura do Miño e a lamprea”. Estes debuxos exporanse nos restaurantes e cafeterías que participan na Ruta do Pincho da Lamprea do Miño”.

Este xoves día 23 de marzo, ás 12 horas, as autoridades e traballadores do concello da Guarda gardaron un minuto de silencio xunto á Casa do Concello, na Praza do Reló, en memoria das vítimas do atentado que tivo lugar este mércores na cidade de Londres.

Onte pola tarde coñecíase o terrible suceso, o atentado que un terrorista causou na capital inglesa este mércores 22 de marzo pola tarde, e que as forzas de seguridade relacionan con ISIS. Polo de agora as autoridades do país comunican que hai 5 vítimas mortais e 29 feridos de distinta gravidade, como consecuencia da acción do atacante que atropelou a varias persoas e atacou a un policía xunto ao Parlamento británico.

O Concello da Guarda quere mostrar con este xesto a súa solidariedade co pobo británico, coas vítimas do terrorismo en todo o mundo e achegar as súas condolencias ás vítimas e familiares das vítimas nestes duros momentos.

Despois de permanecer pechado durante os pasados meses de inverno por razóns de mantemento, esta semana o Museo do Mar da Guarda volve a abrir as súas portas aos visitantes, coincidindo co final da estación e co comezo da primavera.

O horario no que os veciños, veciñas e turistas poderán acceder ao museo será de 11 a 14 horas pola mañá e de 16 a 19 horas na quenda da tarde tanto os sábados, domingos e festivos. O acceso ao museo ten un prezo de 1€, pero as visitas son de balde o primeiro sábado de cada mes.

Dende o Concello da Guarda anímase aos veciños e visitantes a coñecer e redescubrir este museo situado nunha contorna tan especial e que forma parte da Rede de Museos da localidade, que completa o Museo Arqueolóxico de Santa Trega e o Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Castelo de Santa Cruz.

O vindeiro venres día 24 de marzo terá lugar a última das barferencias de inverno celebradas na Guarda durante a tempada 2016/17. A profesora do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Martín Seijo, será a encargada de pechar esta tempada coa quinta e última das charlas programadas.

Esta barferencia estaba prevista para o pasado venres día 17 pero tivo que ser aprazada por motivos de saúde da conferenciante. Finalmente terá lugar este venres no Restaurante O Forte ás 20’30 horas, nun evento no que a profesora falará cos asistentes sobre “A xestión do bosque e do monte polas comunidades da Idade de Ferro”, compartindo así os seus amplos coñecementos da temática.

Ademais da barferencia, o mesmo día, venres 24 de marzo, tamén hai unha cita co cinema no Centro Cultural da Guarda. Coincidindo co remate da estación que se produciu esta semana, termina tamén a programación de Invernos de Cine coa proxección do filme “El Puente de los Espías” ás 21 horas. Dirixido por Steven Spielberg e protagonizado por Tom Hanks, este filme foi aclamado por crítica e público pola brillantez coa que se conta un feito enmarcado no mundo do espionaxe en plena Guerra Fría.

Preséntase así un venres apaixoante e con dúas destacadas citas na Guarda, ás que dende o Concello convídase a todos os veciños, veciñas e visitantes a asistir e poder desfrutar destas interesantes actividades culturais de balde.

Tras as boas experiencias dos pasados anos coas andainas impulsadas dende o Concello da Guarda, para o vindeiro mes de abril este organiza conxuntamente con Eroski Viajes unha saída de fin de semana ao Courel na que se poderá desfrutar da gran riqueza natural e paisaxística desta Serra luguesa.

A saída será os días 22 e 23 de abril, unha vez pasada a Semana Santa e xa metidos de cheo na primavera, e nela realizaranse dous percorridos pola Serra. A saída inclúe desprazamento de ida e volta en autocar e pensión completa en aloxamento rural por un prezo estimado de 89 € por persoa.

A saída será o sábado 22 ás 8’30 horas e o regreso o domingo día 23 a partir das 18 horas.

Esta actividade conta con prazas limitadas e os interesados teñen de prazo para realizar a inscrición ata o mércores 29 de marzo. Tanto para realizar estas inscricións como para consultar máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Este pasado mércores 8 de marzo celebrouse en todo o mundo o Día Internacional da Muller. En conmemoración deste día de celebración pero tamén de reivindicación pola igualdade de xénero, o Concello da Guarda programa para esta fin de semana dúas destacadas actividades coa muller como protagonista.

A primeira cita da fin de semana será co cinema este venres 10 de marzo. No Centro Cultural, ás 20’30 horas, proxectarase o filme Visións, que forma parte do programa Cinema e Muller, dirixido por Xisela Franco, producido pola guardesa Beli Martínez e subvencionado pola Deputación de Pontevedra.

Trátase dunha película que consta de dez curtametraxes realizadas por cineastas da provincia de Pontevedra e que son dez olladas xenuínas onde cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica. Nesta mostra de cinema experimental galego xuntáronse dez directoras galegas: Eva Calvar, Olaia Sendón, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Claudia Brenlla, Lara Bacelo, Begoña M. Santiago, Carme Nogueira, Diana Toucedo, Carla Andrade. Deste modo deron a luz unha película de curtametraxes tecida coa inevitable influencia de todas e nun xénero audiovisual que as une e que explora as posibilidades artísticas, xeralmente dentro dun discurso documental e en moitas ocasións autobiográfico.

Tras o filme a directora do mesmo, Xisela Franco, falará de como foi a experiencia creativa e de produción deste proxecto colaborativo e do talento feminino que existe no cinema galego.

A segunda das actividades organizadas dende o Concello da Guarda nesta fin de semana adicada á muller é unha nova cita de Contos Contados. O sábado 11 de marzo ás 11’30 horas, na Biblioteca da Guarda, todos os nenos e nenas que se acheguen poderán participar nunha mañá centrada na Muller Poeta e na que se realizará unha lectura de poemas e un obradoiro de marcapáxinas.

O Concello da Guarda convida a tódolos veciños e veciñas a unirse a unha fin de semana de diversas actividades adicadas á Muller e o seu papel na cultura.

Dende o venres 24 de febreiro as rúas da Guarda enchéronse de cores, disfraces, música e moita troula. A saída do Entroido 2017 a puxo o “Entroido dos coles” o venres pola mañá, cos alumnos e alumnas dos centros escolares da vila como protagonistas.

Estes realizaron un desfile polas rúas da Guarda para amosar os seus disfraces a tódolos veciños e veciñas. O desfile comezou na Alameda e percorreu a rúa de Galicia ata chegar á Esquina do Galo. Puidéronse ver traxes en homenaxe a diferentes artistas como Dalí ou Velázquez, pescadoras/os cos seus produtos do mar, disfraces inspirados en ‘Charlie e a fábrica de chocolate’ e unha gran variedade de froitos da horta como millo, patacas, cenorias, tomates, etc. xunto aos granxeiros e granxeiras, entre outros.

Ó día seguinte, sábado 25, celebrouse o “Sábado da mocidade”. Este incluíu a proxección do filme Vicky El Vikingo pola tarde no centro Cultural e pola noite, na Carpa da Alameda tivo lugar unha velada moi especial. Primeiro co concerto do grupo pontevedrés Gold and Colt, tras o cal chegou pasadas a 1 da madrugada a gran novidade deste ano: o primeiro Concurso Drag Queen Guardés. En total houbo dez participantes e os gañadores foron: La Paca de Fornelos y sus secuaces, Pedroches II e Mikaela. Ó rematar o concurso, seguiu a troula coa “Festa hortera” a cargo de DJ Celig.

Tamén o domingo 26 houbo moita música polo “Día das familias” a cargo da orquestra Carambola na Carpa da Alameda ás 18 horas. Xa o luns de carnaval os nenos e nenas guardeses volveron a ser o centro da festa con varias actividades adicados a eles. Pola mañá, na Biblioteca Municipal realizouse un Obradoiro de Máscaras e Pintacaras. Pola tarde, ás 18 horas na Carpa da Alameda, puideron desfrutar da divertida actuación do Trío Refugallo, comprobando como se pode facer música con calquera obxecto. A partir das 19 horas a festa continuou da man do Grupo La Tingana.

E para rematar o entroido guardés por todo o alto, o martes 28 estaba programada a celebración do Desfile-concurso de carrozas e comparsas. O mal tempo fixo que fora aprazado ata o sábado 4 de marzo día no que, esta vez si, os participantes puideron tomar as rúas da Guarda e enchelas de monxas, vikingos, artistas de circo, bolboretas e decenas de traballados disfraces. Tras o desfile foron anunciados os gañadores dos premios do Concurso. O primeiro premio da categoría de carrozas, dotado con 250 €, foi para a carroza ‘África’ de Ana Pereira Castro. O segundo posto, cun premio de 150€, foi para ‘O xardín encantado’ da Asociación STUDIO 88.

Na categoría de comparsas o primeiro e segundo posto, cun premio da mesma contía que na categoría de carrozas, foron a parar a ‘Duendeoiavai’ do Club As Lebre de Oia e a ‘Felicidade dos maiores’ do Club da 3ª Idade, respectivamente. A categoría de grupos quedou deserta.

No apartado individual, na categoría xuvenil-adulto, o primeiro premio de 90€ foi para o disfraz ‘La última guerrera’. En segundo posto quedou Publio Quintili Varo, cun premio de 70 €, e en terceiro lugar, con 50€, ‘GO – GO’. Na categoría infantil o primeiro premio, de 90€, foi para ‘El pirata y su tesoro’. En segundo lugar, os 70€ foron ás mans do disfraz ‘Arabia Saudí’ e os 50€ do terceiro os recibiu ‘Chino Taxi’. En cuarto posto, con 30€, quedou a ‘Bailarina rusa’ e coa mesma dotación económica recibiron o quinto premio ‘Os piratas da Cunchada’ e o sexto ‘Alicia e a Reina de corazóns’.

Coa celebración do desfile e da festa do Sábado de Piñata a partir da medianoite, rematou o sábado 4 de marzo un entroido cargado de actividades e festa do que os veciños e veciñas conseguiron despedirse por todo o alto, vencendo incluso á choiva.

A técnico de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde, asistiu o 21 de febreiro en Madrid a unha reunión convocada pola Secretaría de Estado de Turismo, co obxectivo de coordinar actuacións e propostas para a promoción dos destinos turísticos da Rede EDEN.

A reunión comezou coa intervención de Antonio Nieto, Subdirector General de Cooperación y Competitividad Turística da Secretaría de Estado de Turismo, e asistiron técnicos de turismo doutros destinos EDEN, persoal de TURESPAÑA e de SEGITTUR.

Nesta reunión abordáronse cuestións como a visibilidade dos destinos EDEN nas actuacións de promoción estatais e en mercados internacionais, elaboración dun plan de marketing, xestión de contidos nos portais turísticos de TURESPAÑA, etc.

Un dos temas claves da reunión foi a posibilidade de constituír a “Asociación Española de Destinos de Excelencia (EDEN)” que facilitará a coordinación coa Secretaría de Estado de Turismo e permitirá un contacto máis fluído coa Rede Europea de Destinos EDEN, e as posibles actuacións de promoción conxuntas.

O servizo do ferry que une A Guarda e a localidade portuguesa de Caminha verá interrompida temporalmente a súa actividade, por mor dos traballos de revisión obrigatorios, o 2 de marzo a partir das 13’30 horas.

Este xoves 2 de marzo, pola tarde, o ferry será levado ao astelario para realizar as correspondentes tarefas de revisión obrigatorias co fin de renovar os certificados de navegabilidade necesarios para continuar a súa actividade.

As travesías quedarán, por tanto, suspendidas ata novo aviso. En canto se teña coñecemento, informarase do día e hora no que o ferry retome o seu servizo.

O pasado luns 20 de febreiro tivo lugar a mesa de traballo entre o Concello da Guarda e os establecementos adheridos á campaña de atención ao peregrino que se porá en marcha nas próximas semanas.

A esta mesa de traballo asistiu o Alcalde, os concelleiros de Turismo e de Patrimonio e unha representación dos establecementos adheridos. A reunión permitiu informar dos pasos que se foron dando dende o 2009 co recoñecemento deste camiño ata acadar a súa oficialidade en 2016. Deuse conta das accións que o Concello da Guarda puxo en marcha para mellorar o Camiño do Portugués da Costa como a sinalización, apertura do albergue e diversas iniciativas de divulgación e coñecemento do camiño. Ademais informouse da promoción en FITUR do Camiño Portugués da Costa e se proxectou o novo vídeo promocional do camiño elaborado pola Deputación de Pontevedra

O Camiño Portugués da Costa non deixa de crecer en número de peregrinos e xa é habitual a imaxe destes percorrendo as rúas da Guarda. Moitos continúan cara O Rosal e Oia despois de cruzar o río Miño e outros escollen o albergue ou os establecementos hoteleiros da Guarda para pernoctar.

En 2016 duplicouse o número de peregrinos que pernoctaron no Albergue da Guarda. Consultados outros concellos e albergues do camiño como Esposende, Oia e Baiona nos trasladaron que tamén duplicaron os seus rexistros polo que se confirma esta tendencia.

Co paso dos anos, por tanto, o volume de peregrinos foi aumentando e imos coñecendo mellor as súas necesidades. Por isto en 2016 comezouse a traballar consultando ao sector hostaleiro e comercial da Guarda e, despois destes primeiros contactos, son 32 os establecementos adheridos á mencionada campaña. Restaurantes, empresas de aloxamento, cafeterías, pastelerías, panaderías e comercio artesán estarán nun folleto informativo que será distribuído aos peregrinos e onde se informará dos horarios dos almorzos, menús especiais ou descontos para peregrinos.

A finalidade desta campaña é facilitar a estancia dos peregrinos ofrecendo os horarios e promocións dirixidas aos peregrinos para que gocen dunha experiencia de calidade na Guarda.

Arruaz, Brisamar, Camping Santa Tecla, La Pizzicata, Novo Funil, Xantar e Xeito son os sete restaurantes da Guarda que neste Entroido propoñen desfrutar dun dos pratos por excelencia da gastronomía galega: o lacón con grelos.

O Menú do Entroido repite na Guarda trala boa acollida do pasado ano e organízase novamente ampliando datas. Dende o venres 24 ata o martes 28 de febreiro, tanto para o xantar como para a cea, poderemos degustar o Menú de Entroido nos restaurantes adheridos.

Os sete restaurantes participantes ofrecerán este menú por un prezo de 15 € por persoa, que estará composto por un primeiro prato de caldo, un segundo de lacón con grelos e unha sobremesa tamén típica nestas festas: filloas ou orellas de Entroido. Incluídos viño e café.

Os veciños, veciñas e visitantes, coñecedores da relevancia da cociña tradicional no noso pobo e da súa calidade, teñen nestas datas a posibilidade de saborear este prato típico a prezos populares que pode ser a escusa perfecta para organizar esa comida ou cea de Entroido cos nosos familiares e amigos.

Recoméndase a reserva previa cos propios restaurantes para que o servizo ofrecido sexa o mellor posible.

Dende o vindeiro venres día 24 e ata o martes 28 de febreiro, A Guarda entrégase á febre do Entroido cunha ampla programación. O prato forte desta celebración será o Desfile-Concurso de Entroido, que terá lugar na tarde do martes 28 de febreiro.

A saída deste Desfile farase dende a Praza de San Bernardo (“Esquina Famosa”), ás 17’30 horas e o percorrido atravesará a rúa Galicia e a avenida Rosalía de Castro, para rematar finalmente na Alameda. Os participantes deben presentarse entre as 16.30h. e as 17,15h. para colocarse nos seus postos, determinados pola Concellería de Cultura.

O obxectivo deste evento é manter a tradición local desta festa tradicional a través da participación de tódolos veciños da Guarda. Para isto, e tal e como recollen as bases do concurso, inclúense cinco modalidades diferentes de participación, e unha ampla variedade de premios.

Os interesados en participar en calquera das cinco modalidades (carrozas, comparsas, grupos, individual e parellas infantil, individual e parellas xuvenil-adulto) deberán entregar cuberto o formulario anexo ás bases e a documentación necesaria, ata o 22 de febreiro de 2017, en horario de 9 a 14h. de luns a venres, no Rexistro Xeral do Concello. Poderán remitirse inscricións por vía postal, selladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude e acompañadas da documentación requerida, adiantando por fax a copia da solicitude sellada na oficina de Correos.

En canto aos premios, as categorías de comparsas e carrozas terán un primeiro e segundo premio cada unha, de 250€ e 150€ respectivamente. No resto de categorías haberá seis premios cunha contía que vai dende os 150 aos 30€. Ademais as 10 primeiras comparsas ou carrozas que se inscriban recibiran unha axuda de 200 euros e os nenos e nenas que participen terán un agasallo.

Dende a Concellería de Cultura invítase a tódolos veciños e veciñas a desfrutar de todo o Entroido, e en especial a participar (dentro ou fóra de concurso) no desfile do martes 28, para compartir unha divertida celebración chea de disfraces, música e moita troula.