A Guarda adica a fin de semana ao Día Internacional do Libro

Este domingo día 23 de abril conmemórase o Día Internacional do Libro e, dende A Guarda, organizan diversas actividades para que pequenos e maiores poidan celebrar e desfrutar desta importante data.

Como xa fora anunciado a finais de marzo, durante todo este mes o Libro está a ser o gran protagonista da programación da Concellería de Cultura coa campaña “Abril Mes do Libro”. Esta inclúe un “Certame de Microrrelatos”, no que todo o que quixo puido presentar dende o 1 ata o 18 de abril a súa obra. A partir deste mércores día 19 e ata o sábado 29 de abril, os máis de 30 traballos presentados estarán expostos no Centro Cultural da Guarda. Os participantes recibirán un pequeno agasallo na Biblioteca Municipal, o venres 21 ás 18 horas, en agradecemento pola súa colaboración. Tamén se impulsou a iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa” entre os nenos e nenas da vila durante estes pasados días festivos.

Ademais, nesta fin de semana na que se celebra o Día Internacional do Libro, concéntranse tres actividades adicadas a el. O venres 21 ás 21 horas, o Centro Cultural acollerá unha sesión de cinema especial polo Día do Libro na que se poderá ver o filme “Al encuentro de Mr. Banks”, que retrata a historia de como Walt Disney conseguiu facerse cos dereitos da obra “Mary Poppins” para levala ao cinema.

E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá, ás 11’30 horas, volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo “As historias de Kamishibai”. E por último, ás 17’30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: ‘Cenicienta’. Pecharase así un mes adicado a celebrar o Libro e todo o que significa, así como a promover o valor da literatura e o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas.

Comentarios

Leave a Reply