Nesta semana que remata o mes de xullo retomaranse as actividades infantís que deberon ser canceladas no inicio do mes de xullo por mor da choiva: o espectáculo de maxia de Cayetano Lledó “Titanic”,o venres 30 no Auditorio de San Benito ás 20:30h., que dende a maxia e o humor nos transporta aos preliminares da viaxe do Titanic contando o que a historia oficial non recolleu e é que o barco fixo escala en Galicia. O espectáculo pensado para entreter a toda a familia, precisa de inscrición previa a través do correo electrónico centrocultural@aguarda.es, para aqueles que non estaban anotados na súa data orixinal do 3 de xullo. Mentres o sábado pola mañá terá lugar o pasarrúas “O séquito do Capitán Nemo”, entre a Praza de Avelino Vicente e o Porto da Guarda ás 12:30h. que encherá de fantasía ambientada no mundo mariño e submarino as rúas da vila.
Xa pensando no público adulto, o día 30 será o derradeiro “Venres de xullo baixo as estrelas” no Puntal, que tan bo éxito foi acadando durante todo o mes. Os interesados en asistir deberán reservar a súa praza en aguarda.oficina.turismo@gmail.com, xa que contan cun aforo moi limitado.
Mentres que o sábado á noitiña volverá a música á Praza do Reló (21:00h.) da man do grupo de clarinetes KLASON, unha formación xurdida do seo da Agrupación Musical do Rosal para traballar a música de cámara, incorporando un variado repertorio que vai dende a música popular, a música de escena, o barroco, o clásico, romántico e contemporáneo. Ao igual que no resto de actividades para asistir é preciso a inscrición previa en centroultural@aguarda.es
Pola súa banda no Monte de Santa Trega continúan as visitas regulares aos diferentes elementos do Monte dende o xoves ata o domingo, debendo reservar as prazas no mail masat@aguarda.es e lembramos que a sesión de Teatro no Trega “A viaxe de Exeria ao castro” desta semana está suspendida ata o vindeiro catro de agosto.
• As visitas terán lugar, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, todos os mércores de xullo e agosto.
• Haberá dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h con saída dende a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.
O Concello da Guarda repite experiencia cos Quinquilláns despois do éxito acadado en pasadas edicións, ofertando nos meses de xullo e agosto de 2021 “Teatro no Trega”, a cargo da compañía Os Quinquilláns.
Nesta edición realizarase a actividade no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h, previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono (inscrición por grupos de convivintes).
A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os
Lugares santos… Entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tecla en Seleúcida, sendo está unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.