A Guarda programa en Agosto moita música e espectáculos para os mais pequenos

• Todas as actividades contan con protocolo COVID-19 asegurando o aforo reducido, a distancia de seguridade e sendo precisa a inscrición previa

A vindeira semana comeza o mes de agosto e con el unha variada e completa programación cultural acompañada de todas as limitacións e precaucións para garantir que a cultura sexa un espazo seguro.
Os eventos programados foron escollidos pensando en satisfacer as inquedanzas dos diferentes tipos de público da nosa localidade e dos visitantes que se acheguen ata a nosa vila. Concertos para a xente nova e non tan nova, folclore, espectáculos infantís, exposición de fotografía, mostra literaria e o peche da xira de Guadi Galego son os ingredientes principais que compoñen esta axenda de agosto.
O mes arranca cunha nova edición de Música nos Xardíns, un programa de concertos nos Xardíns do Centro Cultural apoiando a música local e da nosa comarca. Este primeiro concerto contará coas actuacións de Bruce Grinn e o grupo miñorano The Mirror, banda na que se mesturan influencias do rock, funk e o soul. O programa de Música nos Xardíns continuarán cara a final do mes de agosto e setembro con outras dúas citas de concertos, apadriñadas polos festivais locais que non puideron celebrarse neste ano: Rock Guardés e Galifornia Beat. Os interesados en asistir a estes concertos poderán reservar as súas entradas no seguinte enlace(https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda).
Continua ese mesmo fin de semana co festival de baile e música folclórica de Fiadeiro, o sábado 7 de agosto, e que foi suspendido o pasado 17 de xullo. A xente que xa estaba anotada mantén garantida a súa praza e aqueles que queiran sumarse a iniciativa deberán escribir un correo a centrocultural@aguarda.es indicando o número de asistentes convivintes (máximo 4), o nome e apelidos de todos eles e un número de teléfono.

E tras estas citas musicais chega o momento da diversión en familia con dúas propostas que chegan dentro da programación do Xacobeo 2021 “Cultura no Camiño” e que son o concerto de Música para nenos “Estamos no verán” un concerto con temas divertidos e refrescantes baseados no disco-libro homónimo de Gala interpretados pola Banda do Verán que lidera o músico e compositor Xoán Curiel. Este concerto será o martes 10 de agosto ás 20:30h. no Auditorio de San Benito e nesa mesma semana, o xoves 12 de agosto ás 20:30h. en San Benito os mais cativos e as súas familiar teñen garantido un novo momento de diversión sen límites coa Gran Gala de Circo de Pistacatro, un espectáculo cheo de humor, acrobacias e a maxia do circo cunha das mellores compañías de novo circo da nosa localidade. Os interesados en asistir a calquera dos dous eventos poderán reservar as súas entradas dende unha semana antes no seguinte enlace(https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda).
Xa na segunda metade do mes chega a fotografía e a literatura, a primeira coa exposición de fotografía “Facedoras do Baixo Miño” de Mar Caldas, artista visual que recopilou o traballo en feminino da nosa comarca. A exposición estará na sede do concello entre o 19 de agosto e o 1 de setembro, sendo a inauguración o mércores 18 de agosto ás 19h.
Nesa mesma semana a Feira do Libro luso Galaico da Ribeira do Miño, repetirá a boa acollida acadada o ano anterior nun evento no que as presentacións de libros, relatorios históricos, contacontos e un concerto do grupo “Xardín Desordenado” acompañarán a exhibición e venda de libros editados en ambas marxes da fronteira.
E por último, o mes se pechará co gran concerto de Guadi Galego no Porto da Guarda o 28 de agosto ás 21:30h. Un concerto enmarcado dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra. O Concerto será un dos últimos concertos da xira de presentación do disco “Costuras”, no cal poderemos deleitarnos co saber acumulado neste intenso verán asegurando un espectáculo único para os seus seguidores e aqueles que queiran achegarse a coñecela. Aqueles que queiran asistir poderán reservar a súa entrada a partir do 16 de agosto no seguinte enlace(https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda).
Todas estas actividades culturais serán acompañadas pola programación regular no Monte Santa Trega coas teatralizacións a cargo dos Quinquilláns e as visitas ao patrimonio cultural do Monte.

 

Comentarios

Leave a Reply