Tras dous anos A Guarda volverá a celebrar a Semana Santa con certa normalidade retomando a programación e os eventos relixiosos.

A Oficina de Turismo da Guarda situada na Praza do Reló abrirá do luns 11 ao sábado 16 de abril cun horario más amplo de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.00h. Esta ampliación no horario de atención é grazas á incorporación do primeiro informador turístico financiado pola Deputación de Pontevedra. Para calquera dúbida tamén pódese contactar no tel. 986 61 45 46 ou en turismo@aguarda.es

Nesta Semana Santa retómanse as habituais visitas guiadas ao Castro de Santa Trega, e ante as consultas recibidas aumentáronse os días ofertados. Polo que do martes 12 ao domingo 17 de abril poderase coñecer en detalle o xacemento castrexo máis destacado de Galicia en tres quendas cada día: 12:00 / 18:00 e 19:00. As visitas guiadas son gratuítas pero precisan inscrición previa no tel. 690017038 ou en masat@aguarda.es. O punto de comezo é a explanada da casa Forestal, a casa en pedra que se atopa despois de cruzar a zona escavada do castro.

En canto aos horarios da Rede de Museos da Guarda:
• MASAT- MUSEO ARQUEOLÓXICO DE SANTA TREGA. 10:00 – 20:00 (Excepto luns)
• MUSEO DO MAR- ATALAIA. De xoves a domingo: 11:00 – 14:00 / 16:00 – 19:00
• CASTELO DE SANTA CRUZ como espazo público: 10:00 – 21:00

A Guarda comezará a celebrar a Semana Santa oficialmente mañá, 8 de abril, coa celebración da Procesión do «Venres de Dor», a partir das 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María.
Outros actos relixiosos destacados son as procesións e a tradicional bendición de ramos e palmas o 10 de abril (Domingo de Ramos) na Praza de San Bieito ás 11:00 horas.

O Xoves Santo virá marcado pola «Procesión dos Pasos», con saída ás 20:30 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. O Venres Santo terán lugar, dende o mesmo punto, a «Procesión do Encontro» (11:00 h) e a «Procesión do Santo Enterro» (20:30 h).

A Semana Santa da Guarda tamén remota as Festas da Pascua de Buxán que darán comezo este sábado, 9 de abril, coa celebración do «Serán de Buxán» ás 22:00 horas. A festa continuará o vindeiro sábado, 16 de abril, cos tradicionais xogos populares (11:00h para nenos e 16:00h para adultos) e a posterior verbena, amenizada polo Trío La Noche e o Grupo América (23:00 h).

Na xornada do 17 de abril, Domingo de Pascua, a partir das 11:00h poderase desgustar pratos locais como a zorza e callos amenizado co grupo Airiños do Folón. A tarde está reservada para a tradicional Festa do Biscoito con inchables para nenos e ás 19:30 o peche será cargo do grupo folck Zurumalla.

Na xornada do martes día 5 de abril de 2022 tivo lugar na Casa dos Alonso da Guarda a presentación das Andainas de Primavera 2022, organizadas conxuntamente entre o Concello da Guarda e a Câmara Municipal de Caminha.

Estas andainas, que gozan dunha ampla participación en ámbalas dúas ribeiras do Río Miño, contarán con 4 rutas nesta primavera 2022 e veñen a retomar as andainas que se organizaban cada ano ata que a pandemia da COVID-19 impediu a súa celebración.

No acto de presentación estiveron presentes Antonio Lomba, Alcalde da Guarda; Miguel Alves, Presidente da Câmara Municipal de Caminha, así coma concelleiros e vereadores de deportes de ámbolos dous municipios e medios de comunicación.

Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, estas andainas constitúen novamente unha aposta polo deporte e pola organización de actividades de xeito conxunto coa vila veciña de Caminha, coa que tanto mantemos relación, un paso máis na unificación dos territorios transfronteirizos da raia Galicia/Portugal.

En palabras de Miguel Alves, Presidente da Câmara de Caminha, é unha boa oportunidade de compartir experiencias de xeito conxunto, despois da parada obrigatoria debido á pandemia da COVID-19, unha vez máis os pobos veciños da Guarda e Caminha traballan de xeito unificado na realización de actividades para o goce da cidadanía galega e portuguesa.
As Andainas de Primavera 2022 contan con 4 rutas en total entre o 30 de abril e o 9 de xullo, nas que visitaranse o Trillo da Serra d´Arga(Caminha), a PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla(Touro), o Trilho da paisagem protexida Corno do Bico(Paredes de Coura) e o Sendeiro Natural Aciveiro(Forcarei).

Trilho na Serra d’Arga en Caminha – 30 de abril
As andainas arrancan o 30 de abril co Trilho na Serra d’Arga en Caminha, unha ruta ecolóxica e paisaxística duns 15km de distancia e cun grado de dificultade doado/medio que partirá de Arga de Cima(Caminha) e que terá unha duración aproximada de 5,5h.

A Serra d’Arga é unha das zonas máis emblemáticas do Alto Minho, non só pola inmensidade das paisaxes salvaxes na súa cima, senón tamén pola singularidade dos seus valores naturais e culturais. Nos puntos máis altos do monte, dominados por impoñentes macizos graníticos, atópanse zonas de pasto naturais de rara beleza onde se dan diferentes tipos de matogueira nunha matriz de pastos cunha notable diversidade florística. Próximo ás pintorescas vilas que se desenvolven na transición ao xisto, hai campos de cultivo, marismas e bosques naturais, atravesados por varias liñas de auga.

O xacemento “Serra de Arga” posúe un valioso patrimonio natural, que inclúe hábitats naturais e seminaturais, así como especies de fauna e flora de conservación prioritaria. Este territorio posúe unha extraordinaria riqueza florística, incluíndo especies raras ou en perigo de extinción.

Esta ruta, na zona de Arga de Cima, Arga do Baixo, Arga de São João e Dem, asentamentos rurais da Serra d’Arga, discorre por unha das zonas máis emblemáticas do Alto Minho, no val da Ribeira de Arga e o val da Ribeira de São João, en zonas de marismas, campos de cultivo e bosques naturais, atravesadas por varias liñas de auga, polas que é posible entrar en contacto con aspectos de interese xeolóxico e xeomorfolóxico, e apreciar diversos exemplos de arquitectura vernácula, como muíños e hórreos.

Desde o Cabeço do Meio Dia, na Arga de Baixo, a 550 m de altitude, pódese contemplar unha das panorámicas máis impresionantes e amplas da comarca, desde o val do río Coura, o Monte de Santa Tecla e A Guarda, ata o Corno Paisaxe do Bico e a Serra da Peneda.

PR-G 93 Ruta pola Ribeira do Ulla en Touro – 14 de maio
O sábado día 14 de maio terá lugar a segunda andaina programada coa PR-G 93 Ruta pola Ribeira do Ulla en Touro, unha ruta lineal con contido natural e etnográfico que partirá da Ponte Basede e terá punto de final en San Pedro da Ribeira, cunha distancia total de 13km e unhas 4h de duración, cun grao de dificultade doado.
Esta senda percorre a marxe dereita do Río Ulla para achegarnos en medio dunha fermosa paisaxe, ata lugares tan emblemáticos no Concello de Touro como a Fervenza do Infermiño ou Pozo do Pego.

Durante o camiño descubriremos os restos do Pazo de San Cristovo, pequenos muíños e as agachadas e antigas ouriceiras que salpican repetidamente os frondosos soutos.

Nas Proximidades da poboación de San Pedro de Ribeira gozaremos da tranquilidade da vaira do Pozo do Pego, un lugar natural de extraordinaria beleza.

Durante a senda, o que máis sorprenderá serán os cambios de vexetación, que abranguen bosques de tipo mediterráneo con sobreiras e xaras, bosques atlánticos como os soutos ou as carballeiras e, a pouca distancia, uns tupidos bosques de ribeira.

É un traxecto de pouca dificultade pero onde é moi recomendable o uso de botas de montaña e roupa axeitada.

Trilho na Paisagem Protegida Corno do Bico en Paredes de Coura – 4 de xuño

O 4 de xuño terá lugar a terceira andaina co Trilho na Paisagem Protegida Corno do Bico en Paredes de Coura, unha ruta ecolóxico/paisaxística que partirá dende Túmio, cunha distancia de 12km, cunha duración aproximada de 4.5h e cun grao de dificultade doado/media.

O Corno de Bico é un espazo emblemático do concello de Paredes de Coura e de gran importancia para a comarca, considerado un pequeno santuario natural, un espazo de rara beleza que o home conformou de forma harmónica, de alto valor ecolóxico, de gran beleza. e importancia para a comarca do Alto Minho. Hoxe ten un importante papel na conservación da natureza, o que permitiu a súa inclusión como sitio clasificado na Rede Europea NATURA 2000 e na Rede de Espazos Protexidos de Portugal. Neste territorio é igualmente importante o patrimonio humano das comunidades rurais.

Dende o punto máis alto desta ruta, miradoiro natural, pódese apreciar unha paisaxe maxestuosa que se abre ben ao Val do Río Coura, ben aos Vales dos Ríos Vez e Lima.

PR-G 100 Sendeiro Natural Aciveiro en Candán(Forcarei) – 9 de xullo

Xa para rematar estas andainas o sábado día 9 de xullo terá lugar a ruta PR-G 100 Sendeiro Natural Aciveiro, que cun percorrido circular de carácter natural e etnográfico, partirá dende o Mosteiro de Aciveiro para percorrer un total de 15km, nunha duración estimada de 4,5h e cun grao de dificultade doado/medio.

O sendeiro PR-G 100 consiste nunha ruta circular de 15 km con principio e fin no Mosteiro de Aciveiro. Camiñando cara a Vilaverde, atravésase o río Lérez rodeados de moitas especies arbóreas ata chegar, preto, da Rochela, a unha alvariza que da testemuña da presenza pasado do oso. Despois, entre prados, matogueiras, brañas e pequenos bosques ascéndese polas abas da Serra do Candán, espazo natural Rede Natura 2000.

A ruta descende cara a Lamasgalán de Arriba, onde un camiño de carro dirixe ao camiñante ata Lamasgalán de Abaixo. Gozando das paisaxes e dos ecosistemas humanizados deste lugar, chégase ata a Ponte Vella de Andón, para logo percorrer as ribeiras de Lérez en busca novamente o Mosteiro. Casas, pontes, muíños e cruceiros son mostras do afamado traballo dos vellos canteiros destas terras.

Información e inscricións
As persoas interesadas en participar nestas andainas poden ampliar información na Oficina de Turismo da Guarda no teléfono 986614546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es, as inscricións estarán abertas dende o vindeiro luns día 11 de abril.
En Caminha, as inscricións se poden realizar chamando aos teléfonos 258721708 ou 914476461 ou no enderezo electrónico ambiente@cm-caminha.pt

O Concello da Guarda segue apostando por darlle pulo e o valor que merece a un tramo do Camiño que garda un gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que aparece representado o noso mar, o Monte Santa Trega e por suposto a cuncha do Camiño na súa vertente máis antiga. Porque ademais de beleza o Camiño Portugués da Costa ten moita historia.

O Camiño Portugués da Costa iníciase na cidade de Porto (Portugal), recorre a costa norte portuguesa, cruza en Caminha o río Miño cara a Galicia pola Guarda e termina en Redondela, onde entronca co Camiño Portugués.
Xa no ano 2000 encárgase un estudo sobre a fundamentación histórica deste Camiño, para acabar sendo recoñecido no 2009 polo Parlamento de Galicia. No 2011 abre as súas portas o albergue municipal e, xa por fin no 2016 acada a súa oficialidade coa publicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Desde o 2016, ano no que a Oficina do Peregrino en Santiago comeza a contabilizar o número de persoas que realizan este camiño, e ata o ano no que se desencadeou a pandemia, o crecemento de paso de peregrinos/as por este Camiño foi exponencial.
En 2016 pasaron polo noso Camiño 2.600 peregrinos/as, en 2017 foron 7.329, en 2018 un total de 13.841 e en 2019 xa contamos con 22.291. Con estes datos queremos destacar a importancia deste recurso co que contamos na vila, que xa demostrou ser un auténtico revulsivo económico que permite a un pobo costeiro como o noso axudar a desestacionalizar a súa recepción de visitantes e por ende mellorar a súa economía.
Recordemos que os peregrinos e peregrinas compran no comercio local, consumen na hostalaría, gastan no sector servizos e pernoctan nos albergues e establecementos hoteleiros privados.
Por todas estas razóns consideramos que todas as administracións debemos poñer todos os recursos posibles para seguir coidando e promovendo este Camiño, tan importante non só para A Guarda, senón para todas as pequenas vilas polas que pasa e para as que o Camiño é vida, é economía, é difusión, etc.
Pero por desgraza non todas as administracións estamos a unha, concretamente Portos de Galicia continúa facendo oídos xordos ás nosas peticións e confirmou fai uns días que a plataforma de atraque do transbordador que comunica Caminha coa Guarda non estará arranxada para o paso de vehículos nin sequera para o verán. Polo que é bastante probable que o transbordador siga sen funcionar durante máis tempo, porque presupoñemos que nesta modalidade e sen o transporte de vehículos a motor, non lles resultará rendible poñelo en funcionamento.
Unido a isto fai unhas semanas puidemos ler as declaracións da Xunta de Galicia felicitando a Portugal por recoñecer unha variante do Camiño Portugués da Costa que xa non cruza pola Guarda, senón que prosigue por Portugal pola beira do río (nin sequera por costa) ata cruzar en Tui.
Polo que teremos que agradecerlle á Xunta de Galicia que este verán teñamos a centos de peregrinos/as confundidos/as da ruta pola que deben proseguir o Camiño Portugués da Costa, de que algúns opten por seguir por Portugal e non pasar por A Guarda, e se finalmente deciden visitarnos non terán máis opcións que utilizar as lanchas portuguesas, que nin lles ofrecen horarios nin tarifas estables.
Pola nosa parte desde A Guarda seguiremos como ata agora dando valor ao noso Camiño, e temos previstas, ademais da creación desta propia imaxe que hoxe presentamos, as seguintes actuacións:
– Organización de actividades cos centros educativos e asociacións para que coñezan e sexan quen de poñer en valor o noso Camiño.
– Redacción dun proxecto técnico que ten como obxectivo embelecer determinados puntos que presentan carencias a nivel estético e que actuará tanto a nivel forestal como de obra.
– Presentación no mes de maio dun documental onde aparece o tramo da Guarda.
– Colocación nun espazo singular do Camiño dunha escultura na que están traballando desde a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ademais instalaranse novas zonas de descanso en puntos estratéxicos, así como outras dúas figuras en madeira dunha peregrina e un Apóstolo Santiago que serán cedidas pola Comunidade de Montes da Guarda.
– A nivel de difusión seguimos invertendo en publicidade en medios de comunicación tanto a nivel autonómico como estatal.

E unido a todas estas accións inmediatas ven de solicitarse á Xunta de Galicia unha subvención para mellorar o último tramo do Camiño que discorre pola Guarda, concretamente a actuación se levará a cabo nunha zona de pista forestal na que se tratará de mellorar a escorrentía de augas coa colocación de adoquín coa finalidade de beneficiar sobre todo ás persoas que realicen o camiño en bicicleta, e que se completará coa colocación de paneis para embelecer as illas ecolóxicas de Praia de Fedorento e Area Grande.

 

• Con motivo do aprazamento ábrese un prazo de dous días para recibir inscricións de novas carrozas, comparsas e grupos que puideran concorrer na nova data

Ante a chegada da choiva o desfile previsto para tarde de hoxe, martes 1 de marzo foi aprazado para a tarde do domingo 6 de marzo, respectando o mesmo horario e percorrido: saída ás 17:30h. da Esquina Famosa (Rúa Porto Rico), Rúa Galicia e Rosalía de Castro (Alameda)

Tal e como estaba previsto nas bases do desfile para tal caso, este aprazamento orixinou un novo prazo de inscrición para que grupos, comparsas ou carrozas que non puideran concorrer o martes pero si tiveran dispoñibilidade para o domingo 6 de marzo presenten a súa solicitude xunto coa documentación correspondente. Así mesmo os participantes que estando anotados non puideran acudir na nova data deberán comunicalo neste mesmo prazo, de tal xeito que o venres 4 de marzo publicarase unha nova relación de participantes na que se teñan en conta as baixas resultantes e as novas solicitudes e se faga saber cantos participantes terían opción a compensación económica, xa que esta segue o criterio de orde na anotación.

Este novo prazo de anotación estará aberto durante os días 2 e 3 de marzo, as solicitudes están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica (https://aguarda.sedelectronica.gal/info.0) e os participantes deben coñecer as bases e condicións de participación. Non se admitirán aquelas solicitudes que veñan incompletas ou sen a documentación necesaria.

A vista das previsións meteorolóxicas desfavorables con choivas para a tarde do martes de Entroido, o desfile de Entroido previsto para esta xornada aprázase para o vindeiro domingo día 6 de marzo. Mantense o horario e o percorrido, saíndo as 17.30h. da Esquina Famosa (rúa Porto Rico).
Mañá martes día 1 de marzo farase público un novo prazo de inscrición de dous días para que poidan anotarse novas carrozas, comparsas e grupos e aquelas que xa estaban anotadas e non poidan participar así o notifiquen.

• Neste 2022 retómase o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos para o Martes e se propón unha programación dende o sábado pensada para as crianzas e as familias que non queiran perderse a festa característica destas datas

Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retoma este ano a programación de Entroido, que comezará o sábado 26 de febreiro e rematará o martes 1 de marzo coa celebración do Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.
Na Alameda da Guarda sucederanse cada día actividades de corte sinxelo, que buscan fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.
Se ben os principais destinatarios das actividades son as nenas e nenos, reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fará un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo coa única pretensión de poñer á todalas ao público guardés a bailar e gozar do Entroido, sen importar a súa idade.

SÁBADO E LUNS, PÚBLICO INFANTIL

O sábado ás 17:30h. o polifacético Brais das Hortas presentará o seu último traballo musical “CONSERTASSO NA HORTA”, un feixe de personaxes e cancións de músicas diversas (reggae, ska, punk, hip-hop…) para reivindicar con alegría e amor a vida e alegría da nosa horta: A Santa Compaña cantando un trap, unha avalancha de kiwis, unha pulga punk da praia de Liméns, un soulman cantando cunha escobilla do váter ou un astronauta que vai á lúa cun queixo de Arzúa…

O Luns será Peter Punk o encargado de amenizar a tarde. Un vello coñecido das crianzas guardesas que chega nesta ocasión co seu espectáculo a Chungatrona. Un aparello pensado por un pallaso que manterá ao público en tensión ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e a cara cuberta de tarta. Todo isto, para desatar a risa, a diversión e a tolemia do público: nenas, nenos e maiores.

Mais como a esencia do Entroido se define además do humor, pola música, tralo espectáculo, a Charanga Vaya Panda continuará amenizando a festa polo entorno da Alameda

DOMINGO, DANZAS DO ENTROIDO

O domingo chegará ata a Alameda a compañía de música e baile Pesdelán, que leva mais dunha década buscando ser mais que un grupo de música, eles conseguen a través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Desta volta o reto ven da man de ENTROIDANZAS, un percorrido musical polos diferentes Entroidos do planeta, co que pretenden poñernos a bailar como os folións de Ourense, os paraugas do Frevo de Pernambuco ou os corcovados do centro de Italia.

MARTES DE ENTROIDO, DESFILE E BAILE FIN DE FESTA

Para pechar a programación chegará o desfile de MARTES DE ENTROIDO ás 17:30h., que repetindo o formato que tan bo resultado dera no 2020 contempla unha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes, que poderán facelo nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos. As bases xa publicadas na páxina web do concello da Guarda regulan a participación e categorías.
O desfile mantén o habitual percorrido por Rúa Porto Rico, Rúa Galicia e Alameda e contará coa animación do grupo AXÉ BAHÍA que ao final do mesmo ambientarán na Alameda para pechar o gran baile de despedida ata o vindeiro Entroido.

NOTA: cumprindo os protocolos COVID-19 este ano non se contará con carpa para a programación, polo que en caso de choiva as actividades infantís trasladaranse ao Centro Cultural, respectando data e hora, mentres que o espectáculo de Pesdelán ou o Desfile de Entroido serían aprazados a unha nova data.

PROGRAMACIÓN
DO 26 DE FEBREIRO AO 1 DE MARZO

SÁBADO 26 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“CONSERTASSO NA HORTA”, divertido concerto para toda a familia da man de Brais das Hortas.(*)
DOMINGO 27 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“ENTROIDANZAS”, con Pesdelán. Achégate a bailar danzas tradicionais de tódolos entroidos (**)
LUNS 28 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“A CHUNGATRONA” con Peter Punk. Risas aseguradas para cativas, cativos e non tanto (*)
18:30h. Charanga Vaya Panda (**).
MARTES 1 MARZO
17:30 Tradicional desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos. Amenizado por Batucada Axé Bahía, con remate Final na Alameda(**)

NOTA:
*En caso de choiva trasladase ao Centro Cultural
**En caso de choiva cambiarían de data

 

A petición do departamento de Turismo do Concello o alumnado e profesorado da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela, está levando a cabo unha serie de iniciativas dirixidas a continuar coa posta en valor de diversos recursos turísticos da Vila.
Dende o comezo do obradoiro, e combinado coa acción formativa, o equipo de traballo está facendo un estudio integral dos recursos para a elaboración dun inventario que se plasmará nun documento onde se recolle o patrimonio histórico-artístico, os espazos naturais, personaxes ilustres, rutas de sendeirismo, eventos, patrimonio inmaterial, etc.
Cabe salientar o proxecto que complementa o traballo feito ata a actualidade desde Turismo para a posta en valor das casas indianas, un importante reclamo turístico da nosa vila e que se pretende seguir revalorizando este singular patrimonio, para iso estase recopilando información, contando coa axuda e asesoramento de Miguel Villa, historiados local e gran coñecedor deste patrimonio.
Noutro orden de cousas, o alumnado traballador realizou unha enquisa a pé de rúa para coñecer de primeira man como ve a nosa poboación o turismo, os seus recursos, que grao de coñecemento teñen deles, que melloras consideran que hai que facer, etc.
Todas estas actividades son realizadas no centro de traballo, e combínanse con saídas de campo, que permiten estudiar a fondo eses recursos, e darnos unha visión máis realista do municipio. Tendo en conta as novas tendencias no ámbito da promoción turística, abríronse dúas contas en RRSS que reforzan a labor promocional dos recursos, e do traballo realizado polo obradoiro de emprego na especialidade de turismo, (@promocionturisticaaguarda en IG, e Obradoiro Emprego Manuel B. Portela en FB.)

Os rexedores e rexedoras expoñen a problemática do Camiño da Costa na Mesa do Camiño da Provincia de Pontevedra.
Os responsables municipais tamén solicitan unha reunión co vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, para tratar o paso de peregrinos polo esteiro do Miño e a duplicidade de nomes nos itinerarios.
Dende mediados de 2021 os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, veñen reclamando intervención da Xunta de Galicia para resolver algúns problemas do Camiño Portugués da Costa entre os que destacan: os relacionados co paso dos peregriños polo esteiro do Miño, e os provocados pola duplicidade do nome de Camiño da Costa que se está producindo en Portugal cun itinerario distinto do recoñecido polo Xacobeo.
Así, no verán de 2021, solicitaban ao director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa apoio para resolver os problemas cos que se atopaban os peregrinos no Camiño da Costa.
Dende aquela xuntanza a situación non mellorou en absoluto. En canto ao transporte de pasaxeiros e peregrinos entre Caminha e A Guarda a situación empeorou. Dende o verán do 2021 unha avaría no embarcadoiro do ferri do esteiro do Miño impide o acceso de vehículos ao transbordador. Este contratempo motivou o funcionamento irregular do barco dende entón ata o mes de outubro e que se atope parado na actualidade á espera da reparación do peirao. Esta reparación foi solicitada a portos de Galicia de forma reiterada e aínda non temos reposta de cando se acometerá. Pola nosa parte consideramos urxente que se aborde unha solución a curto prazo para o transito de peregrinos entre a Caminha e A Guarda que dea continuidade ao Camiño Portugués da Costa.
En canto á duplicidade do nome de Camiño da Costa provocada por Portugal a cousa mudou, pero para peor, xa que, con data 2 de febreiro de 2022, o goberno Portugués certifica como itinerario oficial do Camiño de Santiago o chamado, Camiño Portugués de Santiago-Camiño da Costa, que vai dende Porto a Valença do Miño pasando por Caminha e Vilanova de Cerveira. Ao noso parecer isto prexudica ao Camiño da Costa oficial, recoñecido pola Xunta como itinerario Xacobeo na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016. Non debería haber dous itinerarios distintos co mesmo nome. Nada pode confundir máis aos peregrinos. Entendemos que houbo tempo suficiente para evitar que se producira esta situación que agora ten difícil arranxo. Aínda así, queremos manifestar que non estamos en absoluto de acordo coa denominación que o goberno Portugués lle deu ao novo itinerario do Camiño de Santiago.
Queremos facernos eco tamén da preocupación e demandas que nos trasladan dende o sector privado relacionado co Camiño da Costa. Dende o recoñecemento oficial deste camiño en 2016, moitas persoas estiveron traballando para ofrecer servizos que o camiño e os peregrinos necesitaban en base ao crecemento que viña experimentando este itinerario a Santiago e as expectativas de negocio que se crearon co recoñecemento oficial. É lexítimo que agora soliciten que as administracións manteñan as condicións que xeraron aquelas oportunidades e expectativas. Dende os gobernos locais brindamos o noso apoio ao sector privado e comprometémonos a servir de portavoces das súas demandas.

O pasado xoves 10 de febreiro o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, mantiveron unha reunión coas empresas de aloxamento turístico.
Nesta primeira reunión foron convocados os máis de 10 establecementos turísticos presentes na vila como hoteis, apartamentos, pensión, turismo rural, cámping e albergue.
A finalidade da reunión foi trasladar directamente ao sector as xestións feitas polo alcalde, Antonio Lomba, e a concellería de turismo en relación a publicación por parte de Portugal dun itinerario non oficial do Camiño da Costa.
Na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aprobada en 2016, foi recoñecido o Camiño Portugués da Costa sendo A Guarda, o primeiro concello galego. É dicir, esta denominación corresponde ao camiño que comeza en Oporto percorre o litoral portugués ata chegar a Caminha onde cruza o río Miño na súa propia desembocadura ata A Guarda e continúa percorrendo as vilas costeiras do Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela.
Ademais desta situación tratouse outro punto de vital importancia para os peregrinos, o turismo e a veciñanza en xeral, como é falta de comunicación real entre Caminha e A Guarda. Actualmente o transbordador non funciona e parece que se vai atrasar o seu comezo. O Alcalde trasladou aos asistentes os diferentes condicionantes como a avaría do embarcadoiro no Pasaxe que dende o mes de agosto non permite o acceso ao transbordador con vehículo. Tamén informou os pasos dados ante Portos de Galicia para o rápido arranxo deste embarcadoiro e deste xeito a Cámara Municipal de Caminha poda activar o funcionamento con vehículos e non só con pasaxeiros a pé ou en bici como estivo traballando no segundo semestre de 2021.
Ante a importancia para o presente e futuro da Guarda, tanto como inicio galego do Camiño Portugués da Costa como pola vital comunicación entre as dúas vilas fronteirizas de Caminha e A Guarda, o Alcalde tamén adiantou que se deu o paso de rexistrar unha primeira proposta non Lei ante o Parlamento galego.
Esta reunión permitiu achegar posturas entre as empresas de aloxamentos turístico e o Concello da Guarda sendo conscientes de que o traballo debe ser conxunto.
Nas semanas anteriores tamén se mantiveron reunións cos restaurantes para coñecer a súa realidade tras estes anos de pandemia e poder por en marcha iniciativas para reactivar o sector.

• En la misiva, Antonio Lomba expresó su preocupación y queja por las informaciones en relación al reconocimiento por parte de las autoridades portuguesas de que el “Camiño Portugués da Costa” pasa por Valença do Minho.

El Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, viene de remitir en el día de hoy, viernes 4 de febrero, una carta al Conselleiro responsable del Xacobeo vistas las informaciones que aparecen hoy en los medios de comunicación en relación a un presunto reconocimiento por parte de las autoridades portuguesas de que el “Camiño Portugués da Costa” pasa por Valença do Minho.
Tal y como manifiesta el edil, “Descoñezo a veracidade destas comunicacións pero, como alcalde da Guarda, quero expresar a miña preocupación e queixa por estas informacións.”
En la página oficial de los caminos de Santiago se indica que el “Camiño Portugués da Costa entra en Galicia por la villa marinera de A Guarda tras cruzar el río Miño en su desembocadura”. Esto significa que el Camino llega a A Guarda desde Caminha.
En palabras de Antonio Lomba “Este problema que se está xerando en Portugal co itinerario do Camiño da Costa xa llo fixemos saber, os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, a Ildefonso de la Campa, Director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, nunha reunión mantida o 9 de xullo de 2021. Nesa reunión solicitamos ao representante do Xacobeo que mediara diante da Comisión Certificadora Portuguesa para resolver este asunto e evitar que se promoveran itinerarios xacobeos non oficiais.”
En este sentido el Alcalde de A Guarda reclama por parte del Conselleiro una intervención como máximo responsable del Xacobeo para aclarar esta situación que no favorece al Camino Portugués de la Costa, un itinerario oficial reconocido en la Ley de Patrimonio Cultural de Galicia.

• Na misiva, Antonio Lomba expresou a súa preocupación e queixa polas informacións en relación ao recoñecemento por parte das autoridades portuguesas de que o “Camiño Portugués da Costa” pasa por Valença do Minho.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de remitir no día de hoxe, venres 4 de febreiro, unha carta ao Conselleiro responsable do Xacobeo vistas as informacións que aparecen hoxe nos medios de comunicación en relación a un presunto recoñecemento por parte das autoridades portuguesas de que o “Camiño Portugués da Costa” pasa por Valença do Minho.
Tal e como manifesta o edil, “Descoñezo a veracidade destas comunicacións pero, como alcalde da Guarda, quero expresar a miña preocupación e queixa por estas informacións.”
Na páxina oficial dos camiños de Santiago indicase que o “Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda tras cruzar o río Miño na súa desembocadura”. Isto significa que o Camiño chega á Guarda dende Caminha.
En palabras de Antonio Lomba “Este problema que se está xerando en Portugal co itinerario do Camiño da Costa xa llo fixemos saber, os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, a Ildefonso de la Campa, Director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, nunha reunión mantida o 9 de xullo de 2021. Nesa reunión solicitamos ao representante do Xacobeo que mediara diante da Comisión Certificadora Portuguesa para resolver este asunto e evitar que se promoveran itinerarios xacobeos non oficiais.”
Neste senso o Alcalde da Guarda reclama por parte do Conselleiro unha intervención como máximo responsable do Xacobeo para aclarar esta situación que non favorece ao Camiño Portugués da Costa, un itinerario oficial recoñecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Cada ano A Guarda como destino turístico destacado conta cun especial protagonismo nas presentacións da Deputación de Pontevedra e do Xeodestino Ría de Vigo Baixo que se realizan durante a Feira de Turismo de Madrid, FITUR.
O xoves 20 de xaneiro no stand de Turismo de Galicia tivo lugar a presentación da campaña promocional “Mulleres do Camiño Portugués” do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño e A Guarda ofreceu a súa experiencia no Camiño Portugués da Costa.

 

 

 

 

 

Nesta presentación estiveron presentes profesionais de diferentes ámbitos do turismo onde ofreceron a súa experiencia no camiño e no trato diario cos peregrinos. O Concello da Guarda estivo representado pola técnico de Turismo, Rosalía Verde, que trasladou aos asistentes a atención prestada na Oficina de Turismo e a relevancia da Guarda como primeiro municipio galego do Camiño Portugués da Costa.
Ademais nesta presentación presentouse o vídeo promocional da campaña para este 2022 onde cinco mulleres vinculadas ao turismo contan a importancia social e económica do camiño para os concellos do Camiño Portugués e da Costa. As cinco mulleres protagonistas do vídeo son Mar Rodríguez, de Teetravel; Lucía Fragata, de Turismo de Baiona; Noelia Martínez, de Casa do Marqués; Patricia Muñoz, de Amodo Turismo; e Rosalía Verde, de Turismo A Guarda.
Ademais asistiuse á presentación da campaña “Love Rías Baixas” da Deputación de Pontevedra e no seu vídeo promocional amosan a historia de 7 persoas que se achegaron ata a provincia e decidiron quedarse a vivir. Unha destas protagonistas é Daniela Savic, naceu en Eslovenia e chegou A Guarda como xogadora de balonmán e agora continúa como adestradora. A través do seu relato e as panorámicas da vila converteuse nunha excelente embaixadora do noso concello.


Os interesados en coñecer A Guarda tiñan no stand de Turismo de Galicia material turístico e calendarios fotográficos do Concello.

 

  • 17Goberno Central aprobou o financiamento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) presentado polo concello da Guarda.
  • Este plan será financiado con fondos NextGenerationEU en materia de sostibilidade turística en liña co plan de Recuperación Transformación e Resiliencia.

 

En Galicia foron aprobados 16 proxectos de sostibilidade turística entre os cales se atopan o “PSTD A Guarda” cun orzamento de 1.000.000 € e o proxecto “Despensa de Galicia”, financiado con 1.500.000 €, presentado polo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, unha agrupación de 14 concellos entre os que tamén se atopa a Guarda.

O principal obxectivo que se tivo en conta para elaborar o “PSTD A Guarda”  foi o de consolidar o turismo mediante unha serie de accións que reforcen a sostibilidade do destino apoiándose nos seus recursos fundamentais: a gastronomía, o patrimonio cultural e o patrimonio natural, que o converten nun destino único onde o mar, río e patrimonio material e inmaterial xeran unha paisaxe singular e crean sinerxías coas actividades do sector privado, ao que se lle atribuirá unha maior gobernanza.

Foron moitos os axentes locais que participaron na elaboración e apoio do “PSTD A Guarda”. O concello agradece a todos os particulares, empresas e entidades que, ben a través de reunións sectoriais, cartas de apoio ou enquisas se implicaron neste proxecto turístico. Estas achegas foron fundamentais para conseguir o financiamento.

O plan inclúe, entre outras actuacións: a protección e rexeneración do ecosistema dunar da praia do Muíño, actuacións relacionadas coa mellora da xestión do uso do Monte Trega, implantando medidas que regulen o acceso a este espazo de alta presión de visitantes coa creación dun estacionamento disuasorio na zona da Porta do Trega. Un novo proxecto artístico para o dique norte coa incorporación de iluminación artística. A mellora do tramo de senda da estrada de Camposancos, entre o cruce co paseo de Portugal e a entrada do barrio do Couto. O impulso á náutica deportiva e tradicional coa instalación de pantaláns flotantes no porto da Guarda e na Pasaxe. A posta en valor da Guarda como destino gastronómico, a creación de contidos dixitais e a dixitalización da comercialización dos servizos turísticos municipais.

Este ambicioso Proxecto Sostible de Turismo en Destino desenvolverase en tres anualidades entre o 2023-25 e dará resposta a necesidades e demandas que tan unha vila turística como A Guarda na que é necesario potenciar a gobernanza e modernización do sector.

• Hai dispoñibles 4.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e na Casa dos Alonso.

A Guarda conta cunha paisaxe e patrimonio destacada e moitos visitantes desfrutan fotografando para gardar esa imaxe no seu recordo.
Como primeira acción de promoción turística para este novo ano acordouse realizar un calendario fotográfico onde as fotos sexan as protagonistas.
Na selección das fotografías procurouse manter a temática da auga e do mar como elemento unificador, sen esquecerse do noso patrimonio e as festas.
As fotografías foron aportadas por tres veciños que comezaron a colaborar co Concello. Na primavera de 2021 mativeronse contactos con fotógrafos afeccionados e veciños da Guarda para mellorar imaxe fotográfica e ofrecer novas panorámicas co estilo propio deste veciños.
Despois destas conversas acordouse a creación do Grupo Capturando A Guarda e que está intregado por Lecio Alonso, Dionioso Ameal e Emilio Baz.
A finalidade deste grupo é que A Guarda mellorará a súa imaxe turística nas diferentes actuacións e accións promocionais e os tres fotógrafos afeccionados poderán dar a coñecer a súas fotos, que estarán identificadas co nome de seu autor e co agradecemento como Grupo Capturando A Guarda.
Na tardiña do luns 10 de xaneiro formalizouse a colaboración conxunta coa sinatura do contrato de cesión de fotografías entre o Alcalde, Antonio Lomba, e os integrantes do Grupo Capturando A Guarda, Lecio Alonso, Dionioso Ameal e Emilio Baz
Neste acto tamén estivo presente o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, que aproveitou para presentar ao Grupo Capturando A Guarda e tamén ao calendario fotográfico como a súa primeira participación dentro do proxecto para a renovación imaxe fotográfica da nosa vila.
O calendario fotográfico Concello da Guarda será distribuído entre veciños, visitantes e turistas para que leven un cachiño impreso do noso paisaxe. Hai dispoñibles 4.000 exemplares e poderán recollerse na Oficina de Turismo e na Casa dos Alonso.

O Concello da Guarda acordou o peche do Albergue Municipal de Peregrinos durante as próximas semanas ante a redución do número de peregrinos e a actual situación da pandemia.

Os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro. Os días tan curtos e a maior probabilidade de mal tempo son as razóns polas que os peregrinos evitan realizar o camiño nos meses de inverno. Tamén inflúen as celebracións de nadal.

Aqueles peregrinos que escollen estas datas para camiñar a Santiago buscan precisamente un camiño con pouco tránsito que lles aporte tranquilidade e soidade. Ademais estes peregrinos de inverno adoitar escoller aloxamentos turísticos como hoteis onde dispoñen doutras facilidades como cuartos individuais e unha maior flexibilidade na hora da saída. Neste sentido, indicar que os establecementos hoteleiros da Guarda seguen a ofrecer aloxamento nestas datas con todas as medidas de prevención da COVID-19.

Ademais desta redución habitual polo inverno, nas últimas semanas este descenso de peregrinos viuse intensificado polas novas restricións para viaxar dos peregrinos estranxeiros. Durante o inverno a procedencia supera o 95% de países estranxeiros: Alemania, Reino Unido, Corea do Sur, EEUU, Canada,… Gran parte destes países incrementaron as súas medidas e restricións ante o incremento internacional dos contaxios pola COVID-19.

Os teléfonos de atención do albergue e da Oficina de Turismo seguirán operativos para atender as dúbidas xeradas ante os posibles cambios nas restricións tanto en Galicia como en Portugal.

As medidas acordadas en Portugal teñen gran influencia debido a que gran parte dos nosos peregrinos comezan a súa peregrinación en terras lusas. O goberno portugués xa anunciou restricións moi estritas do 2 ao 9 de xaneiro de 2022 como o peche da hostalería e o teletraballo.

En definitiva, o Albergue Municipal de Peregrinos permanecerá pechado do próximo luns 20 de decembro ata o domingo 16 de xaneiro de 2022. A previsión é que o albergue volva a abrir o luns 17 de xaneiro pero podería modificarse si as restricións internacionais ante a COVID-19 fosen maiores.

O Concello da Guarda e o Padroado Municipal do Monte Santa Trega ofrecen visitas guiadas durante a Ponte da Constitución ampliando a oferta de QUE FACER na nosa vila.

Os visitantes e turistas, que escollen A Guarda, percorren o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, gozan da natureza no Esteiro do Miño, visitan o Monte Santa Trega, descobren a vida mariñeira no porto e no Museo do Mar e degustan a nosa gastronomía e produtos locais.

Para completar estes recursos e para que os visitantes e veciños coñezan con máis detalle o noso patrimonio e historia ofreceranse visitas guiadas gratuítas coincidindo coa Ponte da Constitución:

Castro Santa Trega:
Visita guiada de 60 minutos á zona escavada comezando polo Barrio Mergelina (escavación realizada en 2018) e rematando nas vivendas reconstruídas. Permitirá coñecer en detalle a Cultura Castrexa e como vivían estes castrexos no Trega xa hai máis de 2.000 anos.
Haberá unha visita ás 12:00 os días sábado 4, domingo 5, martes 7 e mércores 8 co punto de encontro na Casa Forestal.
O aforo é limitado e precisan inscrición previa no MASAT (Museo Arqueolóxico) no tel. 690 01 70 38 ou en masat@aguarda.es. O prezo por acceso ao monte en vehículo non está incluído nesta actividade.

Percorrido histórico polas prazas urbanas:
Co encanto da noitiña visitaranse as principais prazas e rúas urbanas amosando a súa historia, detallando os diferentes usos e nomes empregados no pasado e destacando os monumentos máis importantes destes espazos urbanos.
Neste caso as visitas comezarán ás 18:30h na Praza do Reló xunto a Oficina de Turismo e serán os días sábado 4, domingo 5, luns 6 e martes 7.
Tamén terán unha duración aproximada de 60 minutos e precisan inscrición previa na Oficina de Turismo (tel. 986 61 45 46 ou en aguarda.oficina.turismo@gmail.com / turismo@aguarda.es)

Ademais con motivo da Ponte da Constitución a Rede de Museos da Guarda conta cunha apertura especial:
• MASAT (Museo Arqueolóxico). Amplía o seu horario dende o venres 3/12 ao mércores 8/12: 10:00 a 19:00. O luns mantense pechado.
• MUSEO DO MAR. Aberto de sábado 4/12 ao mércores 8/12 (excepto martes 7/12): 11:00 – 14:00 / 16:00 -19:00
• CASTELO DE SANTA CRUZ: Espazo público aberto todos os días: 10:00-18:00.

Estas datas da Ponte da Constitución tamén serán unha oportunidade para coñecer a figura de Eliseo Alonso Rodríguez, recentemente recoñecido como Fillo Adoptivo da Guarda, visitando as dúas exposicións na súa honra na Casa dos Alonso (Praza do Reló):
• Exposición bibliográfica titulada “Eliseo Alonso. Camiñando cara ao mar da Guarda”. O visitante descubrirá a vida literaria de Eliseo e doutras persoas de relevancia.
• Mostra filatélica coas coleccións de varios expositores. Ademais dunha tarxeta postal ilustrada personalizada e franqueada con un selo personalizado (gamela a vela da Guarda) e un sobre ilustrado co cuño postal conmemorativo.
Horario ata o 9 de decembro: De luns a venres: 11:00 a 13:00h. Fins de semana e festivos (luns 6/12 e mércores 8/12): 11:00 a 13:30/16:00 a 19:00h.

Por último, recordar que a Oficina Municipal de Turismo abre de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 ata o 17 decembro. Tamén consultar por mail a turismo@aguarda.es ou no tel. 986 61 45 46 (operativo o domingo 5/12).

A oficina de Turismo Municipal da Guarda conta cun novo horario de funcionamento ata o 17 de decembro, prestando servizo de luns a sábados e festivos en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 19:30h nas instalacións da Praza do Reló, en decembro pechará ás 18:30h.
Esta Oficina está integrada na Rede de oficinas da Deputación de Pontevedra – Rede Info Rías Baixas e durante este ano conta con dous informadores turísticos contratados ao abeiro da subvención de dotación de persoal para as oficinas de turismo integradas na Rede Info Rías Baixas.
Máis información na Oficina de Turismo Municipal na Praza do Reló S/N ou chamando ao 986 61 4546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es

O Concello da Guarda participou por terceira vez nas xornadas profesionais do Fairway, o IV Fórum do Camiño de Santiago que se celebrou o luns e martes pasados no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela.

Durante as dúas xornadas o Concello da Guarda participou no Workshop que é o espazo adicado as reunións de traballo con axencias especializadas en peregrinacións nacionais e internacionais como Viajes Camino de Santiago, Camino Ways, The Real Thing, Galicia Incoming, Marly Camino, Fresco Tours,….

Estas reunións de traballo permitiron o intercambio de información entre as axencias e o Concello sobre as novas necesidades teñen os peregrinos trala pandemia. Ademais de coñecer cales son as novas tendencias e peticións dos peregrinos ante a nova situación.

Os contactos mantidos coas axencias e tour operadores confirmaron que estas empresas xa coñecen A Guarda como destino co seu referente o Monte Santa Trega e que gran parte xa inclúen dentro dos seus servizos e produtos o noso concello.

Nestas reunións ampliouse a información da vila referente a cultura mariñeira, a gastronomía e o seu patrimonio. E reforzando que A Guarda é o primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa.

Ademais destes encontros profesionais, a programación da Fairway permitiu valorar a situación trala pandemia e os retos aos que se presentan os Camiños de Santiago, institucións, sectores económicos (aloxamentos, axencias,…) e os propios peregrinos.

O Camiño Portugués da Costa estivo presente no stand de Turismo Rías Baixas co seu stand. Ademais a organización do Fairway convidou o venres 5 de novembro as axencias a un fam trip no que visitaron o Monte Santa Trega como lugar destacado no Camiño Portugués da Costa e, así trasladaron nas reunións mantidas, que o monte ten unha beleza espectacular.

• Contou coa participación de empresarios, profesores e alumnos do IES A Sangriña da Guarda.

Na tarde do mércores día 29 de setembro de 2021 o Salón de Plenos do Concello da Guarda acolleu a sesión de formación sobre “Planificación Estratéxica Empresarial” enmarcada no proxecto Atlantic Culture Scape.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, deron a benvida a esta sesión formativa, facendo fincapé na necesidade de promocionar e crear itinerarios turísticos ligados ao patrimonio cultural inmaterial existente no municipio.
Ao longo desta xornada os participantes traballaron conxuntamente sobre como (re)definir obxectivos empresariais, emprender iniciativas de negocio, procurar novos mercados de comercialización e deseñar plans de acción para adaptarnos aos novos tempos. Esta formación será complementada por un seguimento personalizado para aquelas empresas e asociación que o soliciten.
Este curso forma parte dun plan formativo promovido desde o proxecto Atlantic CultureScape, xestionado pola Universidade de Vigo. Levaranse a cabo diversas xornadas formativas dirixidas ao Sector Turístico e do Patrimonio Cultural co fin de fortalecer o tecido empresarial e asociativo. Realizaranse diversos cursos ao longo dos próximo meses sobre estratexias de comercialización turística.

O PROXECTO ATLANTIC CULTURE SCAPE
Nos últimos anos, o elemento “inmaterial” do Patrimonio Cultural ten recibido pouca atención no Espazo Atlántico. O proxecto Atlantic CultureScape proponse abordar esta cuestión a través da identificación e valorización do desfrute de auténticas experiencias relacionadas co Patrimonio Cultural Inmaterial. Reunindo sete entidades transnacionais asociadas, o proxecto decorrerá até Setembro de 2022 e é cofinanciado polo Programa INTERREG Espazo Atlántico, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Inicialmente foi realizado un estudo do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) en todo o Espazo Atlántico, a fin de fornecer principios orientadores para o crecemento económico sustentábel. O proxecto céntrase na protección e evolución do PCI, así como no seu desenvolvemento. A creación de produtos innovadores e dunha Ruta no Espazo Atlántico, apoiada por un programa de comercialización transnacional, fomentará un maior recoñecemento e visibilidade do Patrimonio Cultural Inmaterial. A identificación de auténticas experiencias culturais, enraizadas en cada unha das rexións implicadas, terá unha influencia significativa no número de visitantes e turistas. Así mesmo, preténdese estimular a actividade económica, creando novos negocios e aumentando o número de postos de traballo no sector servizos.
ENTIDADES SOCIAS DO PROXECTO
Está formado por 7 entidades e 12 organismos asociados ao longo do Espazo Atlántico. Cada socio/a lidera un paquete de traballo (PT) e, en conxunto, conforman o proxecto Atlantic CultureScape:
1. Newry, Mourne e Conselho Distrital de Down (Irlanda do Norte).
2. Brecon Beacons National Park Authority (Gales)
3. Gobierno Reginonal de Cantabria
4. Universidade de Vigo
5. Cork Institute of Technology (Irlanda)
6. Agencia Andaluza de Industrias Culturales
7. Município de Rio Maior (Portugal)

• Estas visitas especiais, de carácter gratuíto e con inscrición previa, terán lugar o sábado 25 e domingo 26 de setembro con dúas citas: ás 11:00 e ás 12:30h.

O luns día 27 de setembro celebrase o Día Mundial de Turismo e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda aposta novamente polas visitas guiadas para conmemorar esta cita.
Despois dun verán con visitas guiadas no Monte Santa Trega volvese a ofertar este servizo pero nesta ocasión as visitas guiadas estarán centradas nas áreas escavadas dende o norte ao sur.
Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte ata a porta sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos como as vivendas reconstruídas, a zona de Mergelina, o concheiro,…
Estas visitas especiais terán lugar o sábado 25 e domingo 26 de setembro con dúas citas: ás 11:00 e ás 12:30h. As prazas están limitadas polo que precisan de inscrición previa no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
A duración aproximada é 60 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.

Este martes 21 de setembro será a última oportunidade deste verán para coñecer o Volanteiro O Piueiro, embarcación tradicional á vela que foi recuperada pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro.

Esta asociación organiza para a tarde do martes 3 saídas de navegación pola costa da Guarda. A primeira saída está prevista para as 16:00 hora e a duración aproximada é duns 70 minutos.

Nesta ocasión a inscrición realizarase polos membros da Asociación Piueiro no mesmo día e a partir das 15:30h no punto de saída do volanteiro que é o peirao pesqueiro (nas escaleiras do muelle interior).

A idade mínima para participar é de 10 anos.

As visitas guiadas comezaron o 17 de xuño e remataron o pasado 12 de setembro, polo que ao longo dos tres meses de verán os visitantes achegados ao Monte Santa Trega puideron coñecer en detalle o noso patrimonio.

Estas visitas realizáronse seguindo as restricións do aforo con 20 persoas máximo en cada cita. Este número reducido facilitou o desprazamento polo Castro de Santa Trega e, incluso, que as explicacións e atención fose persoal.

Este servizo segue a ser moi demandando debido ao interese da zona arqueolóxica xa que moitos dos visitantes descoñecen a súa importancia na Cultura Castrexa. Ante a demanda e o número reducido dos grupos este verán aumentouse un día máis, sendo a oferta de visitas guiadas aos visitantes de xoves a domingo. Nesta mesma liña, ofertáronse visitas guiadas curtas de 45 minutos con 6 citas ao día, 3 de mañá e 3 de tarde, sendo a máis solicitada as visitas da maña.

Un total de 2.030 persoas desfrutaron da visita guiada no Monte Santa Trega sendo o agosto o mes no que se completaron case todas as citas, xa que o tempo tan inestable afectou a ofertas das visitas guiadas realizadas ao aire libre.

• Terá lugar o mércores 29 de setembro en horario de 17:00h a 20:00h e é preciso inscrición previa en atlantic.culture.scape@gmail.com

Enmarcado no proxecto Atlantic Culture Scape, a Casa dos Alonso da Guarda, acolle o mércores 29 de setembro unha sesión de formación sobre “Planificación Estratéxica Empresarial”.

Esta sesión formativa está dirixida a persoas, empresas e asociacións ligadas ao Sector Turístico e ao Patrimonio Cultural Inmaterial.

Na mesma traballarase conxuntamente sobre como (re)definir obxectivos empresariais, emprender iniciativas de negocio, procurar novos mercados de comercialización e deseñar plans de acción para adaptarse aos novos tempos.

Esta formación será complementada por un seguimento personalizado para afondar nos coñecementos de creación de plans de negocio específicos para cada empresa implicada nesta formación.

É preciso realizar unha inscrición previa a través do enderezo electrónico atlantic.culture.scape@gmail.com

• Malia as restricións sanitarias, A Guarda adaptouse aos protocolos sanitarios para ofertar numerosas actividades culturais, turísticas e deportivas ao longo do verán.

O Concello da Guarda ven de pechar a programación do verán 2021, caracterizada por unha programación realizada de acorde ás medidas sanitarias vixentes e con exhaustivos protocolos e medidas covid-19, que favoreceron a realización de actividades culturais con todas as garantías sanitarias.

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer á poboación guardesa e visitantes o cumprimento destas medidas, así coma a alta participación nos diferentes eventos programados neste verán que ven de rematar, con actividades para toda a familia e todo os gustos, teatro, música, exposicións…

Destacaron neste verán eventos coma A Guarda Diversa, Mar de Blues, Música nos xardíns, as visitas guiadas ao Monte Santa Trega, Teatro no Trega, Ioga ao aire libre, viaxes na embarcación do Piueiro, o II Encontro do Libro Luso Galaico, a Mostra Creativa do Baixo Miño e concertos de importante calado con artistas coma Guadi Galego, Na Revolta, Klason, entre outros.

As xornadas de observación de estrelas e eventos deportivos coma o Torneo de Petanca, Campionato de Futvolei, caiac e de surf, tamén contaron cunha ampla participación.

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda organizou ao longo do verán varias actividades infantís e de animación a lectura, que congregaron un bo número de asistentes.

Os pasarrúas ao aire libre deron o relevo ás verbenas nas festas que debido á pandemia non se puideron celebrar, coma a Festa da Langosta, Festas do Carme, Festas de San Cayetano, Festas da Guía, Festas do Santísimo, Festas de San Antonio, e as Festas do Monte, animando a vila con música e espectaculos coma a Batukada Bate no Cobre, O Séquito do Capitán Nemo, entre outras actividades complementarias.

As exposicións tamén marcaron este verán na Guarda coa Exfimiño 2021 organizada dende A Sociedade Numismática e Filatélica Guardesa e a exposición “Facedoras do Baixo Miño”, que encheu de vida e cor os baixos da Casa dos Alonso con fotografías para por en valor o traballo da muller en diferentes ámbitos da vida cotiá e empresarial coma a hostalería, viveirismo, redeiras, entre outras.

A danza e o baile tamén tiveron cabida co espectáculo de O Fiadeiro e os Festivais de Baile Moderno e Folclórico de Xamaraina, que encheron de público o Auditorio de San Benito, con aforo limitado e protocolos covid-19.

Dende o Concello se quere agradecer unha vez máis o traballo dos diferentes departamentos e persoal municipal que colaboraron de xeito mutuo para a organización e desenrolo das actividades programadas: departamento de cultura, turismo, OMIX, Policía Local, GES, departamento de servizos, así coma entidades, asociacións e comisións de festas da nosa vila, onde unha vez máis quedou de manifesto que a unión e o traballo conxunto da lugar a actividades de lecer e ocio para o desfrute de veciños e visitantes.

• Máis de 200 persoas campistas e caravanistas de 14 países do mundo atópanse na Guarda para participar nesta acampada internacional.

En 2020 a Federación Española de Clubs Campistas (FECC) propuxo celebrar no Concello da Guarda o 90 Rally Internacional da FICC 2021 que se celebra dende o venres 3 e que remata o vindeiro domingo día 12 de setembro no Camping de Santa Tecla da Guarda.
A pesar das dificultades consecuencia da situación sanitaria, nesta edición participan unhas 200 persoas procedentes de España e de 14 paises como Portugal, Francia, Suecia, Polonia, Eslovaquia, entre outros europeos, destacando aos participantes chegados dende Corea.
Durante estes días de convivencia, os participantes desfrutar de degustacións, demostracións de produtos locais, actuacións musicais e tamén de excursións ao Monte Santa Trega e roteiros pola desembocadura do Miño.
O pasado domingo día 5 de setembro celebrouse o acto de inauguración oficial do 90 Encontro Rally Internacional coa presenza das autoridades e os representantes das Federacións de cada país asistentes.
Este acto de inauguración iniciouse ás 10:00h da mañá co desfile de todas as delegacións dos países participantes, que contou coa participación do grupo folclórico local Xamaraina, con música tradicional e traxes rexionais, desfile no que destacou a comitiva de Corea do Sur, a máis animada e numerosa.

Tralo desfile, os participantes participaron nunha ceremonia oficial de inauguración onde contouse coa asistencia da tenente de alcalde, Montserrat Magallanes; do Concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez; Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra; Ana Mejías, Deputada Provincial, entre outras autoridades convidadas.
Miguel Merino, Vicepresidente de la FECC, Federación Española de Clubes Campistas, organizadora de dicho encuentro foi o encargado de dirixir este acto oficial de inauguración, presentando ás diferentes delegacións.
José Vicente Clemente, presidente de la FECC, agradeceu traballo da comisión organizadora deste encontro, que foi organizado en pouco tempo, aproveitando a ocasión para agradecer tamén aos asistentes o apoio recibido nestes momentos de pandemia, recordando ás delegacións internacionais que non puideron asistir polas restricións da COVID-19.
Montserrat Magallanes, tenente de alcalde da Guarda, agradeceu á FECC a organización deste encontro na Guarda e desexou a todos os presentes que a súa estadía na nosa vila sexa unha gran experiencia, gracias a todos os recursos naturais e patrimoniais do municipio.
Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra, recoñeceuse como caravanista e campista, asegurando que durante moitos veráns desfrutou do camping na comarca do Baixo Miño. Recoñeceu que o caravanismo facilita coñecer os lugares e intercambiar con outras persoas xa que se xeran convivencias con outras familias.
Rematou as intervencións Joao Alves, Presidente da FICC, quen agradeceu o esforzo da comisión organizadora da FECC, recordando a traxectoria destes encontros internacionais, estando seguro que este 90 Rally será un éxito porque a programación de actividades permite o intercambio cultural entre os participantes e coñecer en detalle A Guarda e Galicia.

Debido a alta demanda destas saídas de navegación pola costa co Volanteiro O Piueiro o Concello da Guarda colabora novamente coa Asociación Piueiro ofrecendo novas saídas en setembro para todos aqueles que non puideron optar a praza nas saídas de finais de agosto.

Esta actividade duns 70 minutos permite descubrir esta embarcación tradicional a vela e inclúe navegación polo exterior do porto.

O venres 10 de setembro abrirá o prazo de inscrición ás 10:00h para cubrir aquelas prazas aínda dispoñibles trala oferta aos inscritos en reserva nas saídas de agosto.

A inscrición realizarase presencialmente na Oficina de Turismo (Praza do Reló) ou no teléfono 986 61 45 46.

A idade mínima para participar é de 10 anos. O número reducido de prazas dispoñibles é reducido polo que unha persoa poderá inscribir a un total de catro, excepto as unidades familiares.

As datas e horarios dispoñibles son:
-Martes 14 de setembro: 16:00 – 17:30 – 19:00
-Xoves 16 de setembro: 16:00 – 17:30 – 19:00
-Venres 17 de setembro: 16:00 – 17:30

• As inscricións comezan o luns 6 de setembro ás 9:00h no teléfono 986614546 ou presencialmente na Oficina de Turismo.
• Terá lugar o venres 10 de setembro ás 22:00h na Área Recreativa do Puntal cun total de 17 prazas dispoñibles.

O Concello da Guarda, a través do Departamento de Turismo, organizou este verán a actividade “Venres de xullo baixo as Estrelas”, para a observación de estrelas. Unha das citas programadas tivo que ser anulada debido á climatoloxía e realizarase finalmente este venres día 10 de setembro ás 22:00h na Área Recreativa do Puntal.

As prazas para a esta actividade contan con 17 vacantes e as inscricións ábrense o luns 6 de setembro ás 9:00h no teléfono 986614546 ou presencialmente na Oficina de Turismo.

Os participantes coñecerán as principais constelacións do hemisferio norte, así coma a localización dos planetas e mesmo algúns datos de interese coma as datas das choivas de estrelas perseidas e gemínidas, ou coma orientarse no firmamento empregando algunhas estrelas.

• Cada ano a Federación Internacional de Caravaning Autocaravaning (FICC) organiza un encontro coas federacións de cada pais alternando o lugar de celebración.

En 2020 a Federación Española de Clubs Campistas (FECC) propuso celebrar no Concello da Guarda o 90 Rally Internacional da FICC 2021 que terá lugar do venres 3 ao 12 de setembro no Camping de Santa Tecla.
A Federación Española de Clubs Campistas (FECC) xa organizou con éxito no Camping de Santa Tecla a 60 Acampada Nacional dos Clubes Campistas e Caravanista en 2018.
A pesar das dificultades consecuencia da situación sanitaria participa unhas 200 persoas procedentes de España e de 14 paises como Portugal, Francia, Suecia, Polonia, Eslovaquia, entre outros europeos, destacando aos participantes chegados dende Corea.
Durante estes días de convivencia, os participantes poderán desfrutar de degustacións, demostracións de produtos locais, actuacións musicais e tamén de excursións ao Monte Santa Trega e roteiros pola desembocadura do Miño.
Entre as actividades programadas, terá lugar o domingo 5 de setembro a inauguración oficial do 90 Encontro Rally Internacional coa presenza das autoridades e os representantes das Federacións de cada país asistentes.

Tralo éxito das representacións “A Viaxe de Exeria ao Castro” e tendo en conta que dúas datas deberon ser suspendidas no mes de xullo por mor dos protocolos COVID-19, as funcións teatrais que se repetiron cada mércores do verán prorrogarán a súa programación por dúas semanas mais, adaptando, iso si, os horarios ás xornadas mais curtas que estamos a ter xa no mes de setembro. Deste xeito as novas representacións quedan para o mércores 1 e 8 de setembro, en dous pases diferenciados, o primeiro ás 18:00h. e o segundo ás 19:30h. Ao igual que nas sesións de verán o aforo é limitado e con reserva previa no mail: centrocultural@aguarda.es (indicando o nome e apelidos dos asistentes e un número de teléfono), o punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.

A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os
Lugares santos… Entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tecla en Seleúcida, sendo está unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.

Esta actividade conta coa subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

• Todas as actividades contan con protocolo COVID-19 asegurando o aforo reducido, a distancia de seguridade e sendo precisa a inscrición previa

A vindeira semana comeza o mes de agosto e con el unha variada e completa programación cultural acompañada de todas as limitacións e precaucións para garantir que a cultura sexa un espazo seguro.
Os eventos programados foron escollidos pensando en satisfacer as inquedanzas dos diferentes tipos de público da nosa localidade e dos visitantes que se acheguen ata a nosa vila. Concertos para a xente nova e non tan nova, folclore, espectáculos infantís, exposición de fotografía, mostra literaria e o peche da xira de Guadi Galego son os ingredientes principais que compoñen esta axenda de agosto.
O mes arranca cunha nova edición de Música nos Xardíns, un programa de concertos nos Xardíns do Centro Cultural apoiando a música local e da nosa comarca. Este primeiro concerto contará coas actuacións de Bruce Grinn e o grupo miñorano The Mirror, banda na que se mesturan influencias do rock, funk e o soul. O programa de Música nos Xardíns continuarán cara a final do mes de agosto e setembro con outras dúas citas de concertos, apadriñadas polos festivais locais que non puideron celebrarse neste ano: Rock Guardés e Galifornia Beat. Os interesados en asistir a estes concertos poderán reservar as súas entradas no seguinte enlace(https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda).
Continua ese mesmo fin de semana co festival de baile e música folclórica de Fiadeiro, o sábado 7 de agosto, e que foi suspendido o pasado 17 de xullo. A xente que xa estaba anotada mantén garantida a súa praza e aqueles que queiran sumarse a iniciativa deberán escribir un correo a centrocultural@aguarda.es indicando o número de asistentes convivintes (máximo 4), o nome e apelidos de todos eles e un número de teléfono.

E tras estas citas musicais chega o momento da diversión en familia con dúas propostas que chegan dentro da programación do Xacobeo 2021 “Cultura no Camiño” e que son o concerto de Música para nenos “Estamos no verán” un concerto con temas divertidos e refrescantes baseados no disco-libro homónimo de Gala interpretados pola Banda do Verán que lidera o músico e compositor Xoán Curiel. Este concerto será o martes 10 de agosto ás 20:30h. no Auditorio de San Benito e nesa mesma semana, o xoves 12 de agosto ás 20:30h. en San Benito os mais cativos e as súas familiar teñen garantido un novo momento de diversión sen límites coa Gran Gala de Circo de Pistacatro, un espectáculo cheo de humor, acrobacias e a maxia do circo cunha das mellores compañías de novo circo da nosa localidade. Os interesados en asistir a calquera dos dous eventos poderán reservar as súas entradas dende unha semana antes no seguinte enlace(https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda).
Xa na segunda metade do mes chega a fotografía e a literatura, a primeira coa exposición de fotografía “Facedoras do Baixo Miño” de Mar Caldas, artista visual que recopilou o traballo en feminino da nosa comarca. A exposición estará na sede do concello entre o 19 de agosto e o 1 de setembro, sendo a inauguración o mércores 18 de agosto ás 19h.
Nesa mesma semana a Feira do Libro luso Galaico da Ribeira do Miño, repetirá a boa acollida acadada o ano anterior nun evento no que as presentacións de libros, relatorios históricos, contacontos e un concerto do grupo “Xardín Desordenado” acompañarán a exhibición e venda de libros editados en ambas marxes da fronteira.
E por último, o mes se pechará co gran concerto de Guadi Galego no Porto da Guarda o 28 de agosto ás 21:30h. Un concerto enmarcado dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra. O Concerto será un dos últimos concertos da xira de presentación do disco “Costuras”, no cal poderemos deleitarnos co saber acumulado neste intenso verán asegurando un espectáculo único para os seus seguidores e aqueles que queiran achegarse a coñecela. Aqueles que queiran asistir poderán reservar a súa entrada a partir do 16 de agosto no seguinte enlace(https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda).
Todas estas actividades culturais serán acompañadas pola programación regular no Monte Santa Trega coas teatralizacións a cargo dos Quinquilláns e as visitas ao patrimonio cultural do Monte.