A Guarda celebrará o Entroido con programación na Alameda e o tradicional Desfile do Martes de Entroido.

• Neste 2022 retómase o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos para o Martes e se propón unha programación dende o sábado pensada para as crianzas e as familias que non queiran perderse a festa característica destas datas

Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retoma este ano a programación de Entroido, que comezará o sábado 26 de febreiro e rematará o martes 1 de marzo coa celebración do Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.
Na Alameda da Guarda sucederanse cada día actividades de corte sinxelo, que buscan fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.
Se ben os principais destinatarios das actividades son as nenas e nenos, reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fará un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo coa única pretensión de poñer á todalas ao público guardés a bailar e gozar do Entroido, sen importar a súa idade.

SÁBADO E LUNS, PÚBLICO INFANTIL

O sábado ás 17:30h. o polifacético Brais das Hortas presentará o seu último traballo musical “CONSERTASSO NA HORTA”, un feixe de personaxes e cancións de músicas diversas (reggae, ska, punk, hip-hop…) para reivindicar con alegría e amor a vida e alegría da nosa horta: A Santa Compaña cantando un trap, unha avalancha de kiwis, unha pulga punk da praia de Liméns, un soulman cantando cunha escobilla do váter ou un astronauta que vai á lúa cun queixo de Arzúa…

O Luns será Peter Punk o encargado de amenizar a tarde. Un vello coñecido das crianzas guardesas que chega nesta ocasión co seu espectáculo a Chungatrona. Un aparello pensado por un pallaso que manterá ao público en tensión ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e a cara cuberta de tarta. Todo isto, para desatar a risa, a diversión e a tolemia do público: nenas, nenos e maiores.

Mais como a esencia do Entroido se define además do humor, pola música, tralo espectáculo, a Charanga Vaya Panda continuará amenizando a festa polo entorno da Alameda

DOMINGO, DANZAS DO ENTROIDO

O domingo chegará ata a Alameda a compañía de música e baile Pesdelán, que leva mais dunha década buscando ser mais que un grupo de música, eles conseguen a través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Desta volta o reto ven da man de ENTROIDANZAS, un percorrido musical polos diferentes Entroidos do planeta, co que pretenden poñernos a bailar como os folións de Ourense, os paraugas do Frevo de Pernambuco ou os corcovados do centro de Italia.

MARTES DE ENTROIDO, DESFILE E BAILE FIN DE FESTA

Para pechar a programación chegará o desfile de MARTES DE ENTROIDO ás 17:30h., que repetindo o formato que tan bo resultado dera no 2020 contempla unha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes, que poderán facelo nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos. As bases xa publicadas na páxina web do concello da Guarda regulan a participación e categorías.
O desfile mantén o habitual percorrido por Rúa Porto Rico, Rúa Galicia e Alameda e contará coa animación do grupo AXÉ BAHÍA que ao final do mesmo ambientarán na Alameda para pechar o gran baile de despedida ata o vindeiro Entroido.

NOTA: cumprindo os protocolos COVID-19 este ano non se contará con carpa para a programación, polo que en caso de choiva as actividades infantís trasladaranse ao Centro Cultural, respectando data e hora, mentres que o espectáculo de Pesdelán ou o Desfile de Entroido serían aprazados a unha nova data.

PROGRAMACIÓN
DO 26 DE FEBREIRO AO 1 DE MARZO

SÁBADO 26 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“CONSERTASSO NA HORTA”, divertido concerto para toda a familia da man de Brais das Hortas.(*)
DOMINGO 27 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“ENTROIDANZAS”, con Pesdelán. Achégate a bailar danzas tradicionais de tódolos entroidos (**)
LUNS 28 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“A CHUNGATRONA” con Peter Punk. Risas aseguradas para cativas, cativos e non tanto (*)
18:30h. Charanga Vaya Panda (**).
MARTES 1 MARZO
17:30 Tradicional desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos. Amenizado por Batucada Axé Bahía, con remate Final na Alameda(**)

NOTA:
*En caso de choiva trasladase ao Centro Cultural
**En caso de choiva cambiarían de data

 

Comentarios

Leave a Reply