Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 29 de outubro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

A programación cultural e deportiva da fin de semana comezará esta noitiña cun achegamento literario á represión franquista e continuará o venres coa proxección do filme inglés “La chica danesa”. O sábado poderemos realizar un percorrido guiado por Salcidos e celebrarase a proba “Vellas Glorias do Ciclismo” coa participación de grandes veteranos da disciplina deportiva, namentres o o caso histórico da Guarda será a protagonista da ruta guiada do domingo.

Esta noitiña presentarase na Casa dos Alonso o libro “Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron”. No acto de presentación, que comezará ás 20:30 horas, participarán a escritora e membro do consello de administración de Sermos Galiza Marga Romero, o coautor do libro e especialista na represión franquista Xosé Álvarez, o autor e coordinador da obra Xoán C. Garrido, e o mestre e membro da Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo-Miño, Xosé M. Méndez.

O volume recolle un extenso estudo sobre os represores na provincia de Pontevedra, facendo especial referencia ao papel desenvolto polos actores do operativo represivo recollidos en diversos testemuños tanto documentais como orais.

A noite do venres teremos ocasión de gozar do mellor cine no Centro Cultural. Alí proxectarase “La chica danesa”, unha película dramática que narra a historia real unha parella de artistas cuxa vida marital da un xiro cando o home adopta unha aparencia feminina. Esta será unha boa ocasión para reflexionar sobre a identidade de xénero e a ruptura dos estándares sociais respecto do estrito binomio home-muller.

A Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda, pola súa parte, organiza este sábado, 21 de outubro, unha visita guiada pola parroquia de Salcidos. O percorrido comezará na Igrexa Parroquial ás 17:00 horas, e estará dirixida polo historiador Manuel Álvarez. Da súa man coñeceremos a historia do pazo e os seus moradores, así coma dos lavadoiros públicos e outros lugares emblemáticos da parroquia.

O deporte tamén terá cabida na xornada do sábado coa celebración da proba “Vellas Glorias do Ciclismo”. Os participantes -entre os que se atopan Ezequiel Mosquera, Álvaro Pino, José Ángel Vidal, Oscar Pereiro, Isidro Araujo e Gustavo Otero, entre moitos outros veteranos do ciclismo- realizarán un circuíto urbano que dará comezo ás 17:30 horas na Alameda e finalizará no Monte Santa Trega.

Xa o domingo, gozar do entorno será o obxectivo principal da andaina organizada pola Asociación Veciñal e Cultural das Parroquias da Guarda. Ás 16:30 horas comezará unha ruta guiada polo casco histórico con saída dende o Castelo de Santa cruz. O percorrido pasará polas murallas, a atalaia, a cetaria e outros puntos de interese da nosa vila, contando coas explicacións do funcionario de Patrimonio da Xunta de Galicia, Miguel Reboredo.

Exposición “Proxecto táctil”

Dende esta mañá, pódese visitar no Centro Cultural “Proxecto táctil”, unha mostra composta por unha ducia de obras artísticas pensadas para ser percibidas mediante o tacto. Os visitantes poderán facer uso dun anteface e das súas mans para coñecer as pezas escultóricas elaboradas por actuais e antigas alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

A exposición estará aberta ao público ata o próximo 4 de novembro no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10 a 13 e de 17 a 20 horas de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.

 

O Concello da Guarda promoverá este outono unha nova ruta gastronómica na que se mesturarán as exposicións de arte coa gastronomía guardesa en pequeno formato.

“Petiscos con arte” será o nome da ruta, que se celebrará os venres, sábados e domingos das dúas últimas fins de semana do mes de novembro. A súa finalidade é promocionar a gastronomía e a creación artística na na nosa vila, de xeito que os participantes poderán degustar petiscos mentres contemplan as obras de artistas locais ou con vinculación ao noso Concello expostas nos locais durante a celebración da ruta.

Con todo, o Concello da Guarda convida aos artistas da localidade e dos arredores a expor a súa arte nalgún dos establecementos que participarán na ruta. As persoas que desexen participar deberán contactar coa Oficina de Turismo Municipal no teléfono 986 614 546 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es, indicando o seu interese na mostra ata este venres 20 de outubro.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 22 de outubro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Esta semana as saídas do transbordador veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 15 de outubro coas saídas confirmadas, namentres aquelas que sofren algunha variación aparecen marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Este sábado, 7 de outubro, celebrarase a derradeira das seis andainas que conforman o calendario organizado polo Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha para este ano. Nesta ocasión, os participantes poderán gozar dun percorrido polo municipio portugués de Ponte de Lima a través da coñecida ruta das Lagoas de Bertiandos e São Pedro de Arcos.

O autocar sairá da explanada da Sangriña ás 8:00 horas en dirección Caminha, onde os participantes guardeses se xuntarán cos portugueses e, xa reunidos, continuarán a viaxe cara Ponte de Lima.

A andaina comezará na Serra d´Arga (Cerquido) e terminará en Ponte de Lima, cun percorrido total de 20 km e baixa dificultade. Durante a camiñada, baixaremos pola ladeira da Serra d´Arga dende Cerquido ata Bertiandos, atravesando áreas incluídas na Rede Natura.

 

Así, poderemos visitar o río Lima, lugar de importancia comunitaria e principal punto de interese de paisaxe e os valores naturais asociados aos recursos hídricos, ás áreas e actividades agrícolas e a varios elementos do patrimonio histórico-cultural do que son exemplos os muíños e pontes. Percorrendo a Área de Paisaxe Protexida das Lagoas de Bertiandos e San Pedro de Arcos, atravesaremos o Río Estorãos a través da ecovía das Lagoas ata Ponte de Lima.

Faremos unha parada xunto ao Solar de Bertiandos despois do paseo na zona das lagoas. Ao remate, xa en Ponte de Lima, teremos tempo para visitar a vila. O regreso dos participantes á Guarda está previsto a partir das 19:00 horas.

O custe de participación por persoa é de 14 euros, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo situada na Casa do Concello, no teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 8 de outubro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Este mércores, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo coa temática, establecida pola Organización Mundial do Turismo (OMT), “Turismo sustentable: un instrumento de desenvolvemento”, cuxa finalidade pasa por concienciar e potenciar o respecto polo rico patrimonio dos diferentes pobos que conforman o mundo.

O Concello da Guarda únese á iniciativa e amosará o seu patrimonio coa apertura dos tres recintos visitables que conforman a Rede de Museos da nosa vila:

  • O Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega (MASAT): permanecerá aberto de 10:00 a 20:00 horas.
  • O Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz: poderá visitarse entre as  11.00 e as 14.00 horas.
  • O Museo do Mar: estará aberto de 11:00 a 14:00 horas.

Ademais, o transbordador que une A Guarda e Caminha será gratuíto durante toda a xornada.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 1 de outubro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00.

A programación cultural do que queda de semana virá marcada polos actos en homenaxe do Pai Merino, con motivo do centenario do falecemento deste botánico e meteorólogo burgalés que durante tres décadas residiu e traballou na nosa vila. Pola súa parte, as Festas na honra da Virxe das Mercedes e a Romaría de Santa Trega mesturarán tradición, gastronomía e música para ofrecernos uns días con entretemento e actividades para todos os públicos.

A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU) será a encargada de acoller na súa sede o primeiro acto en homenaxe ao Pai Baltasar Merino. A xornada, co título “Evolución da previsión meteorolóxica e a súa repercusión na seguridade marítima”, celebrarase mañá a partir das 10:00 horas tras a presentación a cargo do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e contará con relatorios de expertos, entre os que se atopan o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, e o director xeral de Salvamento e Seguridade Marítima, Juan Luís Pedrosa.

Amais das disertacións, durante o acto presentarase a obra do Pai Merino “Estudo sobre as Borrascas da Costa Occidental de Galicia” e, xa ás 12:00 h, descubrirase a placa conmemorativa do centenario do seu falecemento, no barómetro situado no exterior da Igrexa do Convento de San Bieito.

Festas parroquiais e populares
A XXXI Festa da Zorza será a encargada de dar comezo, tamén este venres, festividade na honra da Virxe das Mercedes, organizada pola Comisión de Festas das Mercedes en colaboración co Concello da Guarda. A xornada gastronómica comezará ás 18:00 horas a servir as racións de zorza a prezos populares e, chegada a media noite, o grupo de gaitas a Boalheira amenizará o evento, que rematará cunha queimada.

As Festas das Mercedes terán ao deporte como protagonista na tarde do sábado, cando se celebrará a XVII Carreira Pedestre Julia Vaquero, con saída dende a praza dos Seixiños ás 18:00 horas. Chegada a noite, as orquestras Nevada e Ritmo tomarán o testemuño das celebracións, enchendo de música e baile o lugar.

Os actos relixiosos comezarán na xornada do sábado, coa celebración da Romaría de Santa Trega. A ermida acollerá misas en honor á Santa ás 8:00, 9:00 e 10:00 horas, namentres o sermón se celebrará ás 11:00 h. A este seguirá a solemne procesión e, unha vez rematados os actos relixiosos, terán lugar as tradicionais poxas e o xantar popular no monte.

No marco das Festas das Mercedes, pola súa parte, a celebración da Misa Solemne e a procesión na honra da Virxe levaranse a cabo o domingo a partir das 12:00 horas e, xa pola tarde, os veciños e veciñas da parroquia de Salcidos poderán participar nos xogos populares a partir das 17:00 horas, durante os que a organización anuncia algunha “sorpresa”.

Camposancos homenaxea ao Pai Merino
O Pai Merino contará cunha homenaxe tamén o domingo. Nesta ocasión, a Comunidade de Montes de Camposancos recoñecerá o labor do “maior coñecedor da flora galega e innovador meteorólogo” -e residente no Colexio dos Pais Xesuitas da Pasaxe durante preto de trinta anos-, dedicándolle unha escultura situada no Parque de Chans.

O acto comezará ás 12:00 horas no couto do Monte Santa Trega, ao que rebautizarán como Parque do Pai Baltasar Merino, e contará coas intervencións do presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel A. Ríos, o catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela, Ermelindo Portela, o arquitecto encargado da elaboración da escultura, Mauro Lomba, e o director do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, Iván Mirón.

 

Non debemos esquecer, con todo, que as visitas guiadas gratuítas ao Monte Santa Trega continua durante esta fin de semana. Con saídas ás 12:30 e 17:00 horas e unha duración de 90 minutos, as visitas inclúen un percorrido polo Museo e polo Castro de Santa Trega. Paralelamente, realizaranse visitas guiadas centradas unicamente no Castro, cunha duración de 30 minutos e con saída ás 16:00 horas dende o asentamento castrexo. A actividade non precisa de inscrición previa, de xeito que aquelas persoas que desexen participar deberán presentarse no punto de encontro sinalado para cada percorrido.

 

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 24 de setembro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Os Concellos da Guarda e Caminha organizan para este sábado 16 de setembro unha nova andaina no marco das iniciativas conxuntas para a candidatura do estuario do río Miño a Paisaxe Cultural da UNESCO.

Co nome “Fortalezas do Miño”, a andaina consiste nunha ruta interpretativa polas fortalezas dos marxes do río, incluíndo os fortes de San Lourenzo de Goián (Tomiño), San Francisco de Lovelhe, Caminha e o Castelo de Santa Cruz, todos eles construídos durante a Guerra de Restauración portuguesa, no século XVII.

 

O percorrido será de 22 quilómetros e dificultade baixa. Un autobús sairá do Castelo de Santa Cruz (rúa da República Dominicana) ás 8:30 horas para levar aos participantes ata Goián. Na parroquia tomiñesa comezará o percorrido que chegará ata A Guarda, pasando por Vila Nova de Cerveira e Caminha, localidades onde será posible apreciar e visitar as fortalezas existes cunha breve explicación da importancia de cada unha delas.

Castelo de Santa Cruz (A Guarda)

Unha vez en Caminha, e tras a parada para o almorzo, os participantes tomarán o transbordador das 15:00 horas ata A Guarda, onde visitarán o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz. A hora aproximada de remate é ás 16:00 horas.

O custe de participación é de 5 euros por persoa, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo situada na Casa do Concello, no teléfono 986 614 546 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 17 de setembro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recomendase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Dende esta tardiña e ata o domingo, A Guarda acollerá diversas actividades culturais para gozar ao aire libre en diferentes puntos da vila. Ademais, contamos cunha variedade de exposicións -pintura, fotografía ou filatelia- que permanecerán abertas durante a fin de semana.

Os veciños, veciñas e visitantes que non desfrutaron aínda das visitas teatralizadas polo casco histórico da nosa localidade, teñen esta tarde a súa última oportunidade. Da man dos actores da compañía Os Quinquilláns, A Guarda realizará por última vez unha viaxe a 1930, na a señorita Rosario e o señor Mariñas guiarán aos participantes polos monumentos e lugares emblemáticos do centro da vila, partindo da praza da Igrexa ás 21 h. Ao final do percorrido, xa no porto guardés, poderemos gozar da actuación de Paco Nogueiras.

A oferta musical desta noite complétase con concertos da Festa do Comercio, organizada pola Comisión de Festas da Guía. A praza de Avelino Vicente acollerá as actuacións da Aretha Franklim Tribute Band, cos mellores temas da lexendaria raíña do soul, e o grupo de música tradicional Abóbriga. Ademais, haberá unha exhibición deportiva de Dani Comesaña.

As Festas na honra da Virxe da Guía continuarán mañá no barrio de Ribadavila coa Misa Solemne ás 11:30 horas, cantada polo Coro Parroquial. Deseguido, celebrarase a procesión, que contará coas actuacións dos grupo A Boalheira e Terceira Idade.

A fin de semana rematará cunha nova entrega de “Música nas prazas”. Nesta ocasión, a praza de San Marcos será o escenario do concerto que o grupo de pop-rock guardés Perseide ofrecerá a partir das 20 h. En caso de chuvia, a actuación trasladarase ás instalacións do Centro Cultural. Lembrade que a programación de “Música nas prazas” rematará o próximo venres 15 de setembro coa actuación de Argonat Band, na praza da Gándara ás 21 h.

 

Cinco exposicións para visitar
Ata este sábado poderedes visitar no Centro Cultural a exposición fotográfica “De Pontevedra a Río 2016”, unha homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos dos Xogos de Río celebrados o pasado ano.

Pola súa parte, a exposición “20 anos a Fondo coa solidariedade” estará ata o domingo na Praza do Reló, ofrecendo un repaso das accións emprendidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante os seus 20 anos de actividade. Tamén ata o domingo, permanecerá na Casa dos Alonso a XXI Exposición Filatélica “Exfimiño 2017”. Organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, a mostra permanecerá aberta de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Máis tempo teremos para visitar a exposición de pintura ao óleo “Catro médicos polo Baixo Miño”, que estará ata o 24 de setembro no Centro Cultural cunha colección de creacións artísticas elaboradas por médicos da comarca apaixonados da pintura.

Lembramos que o horario do Centro Cultural ata o 15 de setembro será de 9 a 14 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados. A partir do 16 de setembro, comezará o horario de inverno: de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábado.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 10 de setembro coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recomendase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Como xa ven sendo habitual no verán, o Concello da Guarda celebra unha campaña informativa medioambiental nas praias con Bandeira Azul coincidindo co final do mes de agosto.

Este verán celebraranse dúas actividades dirixidas ao público infantil. A primeira delas será o xoves 31 de agosto na praia de Area Grande a partir das 16:00 horas. Os cativos participantes realizarán unha actividade de sensibilización medioambiental centrada na identificacións dos residuos que se poden atopar nas praias e onde deben depositarse para evitar a contaminación dos nosos espazos naturais.

Trátase, por tanto, de dar unha perspectiva de responsabilidade aplicable ao noso día a día, para concienciar sobre as consecuencias de desbotar os lixo no chan, podendo rematar no mar e na nosa costa. Cun sinxelo xogo, o nenos e nenas poderán adquirir o compromiso de non botar ao chan os refugallos e os coñecementos necesarios para realizar unha correcta reciclaxe dos mesmos.

Para completar as actividades medioambientais, este venres 1 de setembro celebrarase un obradoiro de cometas. A cita, que tivo que ser reprogramada por mor das malas condicións meteorolóxicas, terá lugar na praia do Muíño ás 16:00 horas, onde os cativos aprenderán a elaborar unha cometa con materiais reciclados.

Estas actividades non precisan de inscrición previa, de xeito que as nenas e nenos interesados en participar soamente deberán achegarse ás praias. Como complemento a estas dúas xornadas de sensibilización medioambiental, exporanse carteis e folletos informativos de concienciación medioambiental, amais de información sobre o sendeiro azul que une as dúas praias guardesas con Bandeira Azul.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 3 de setembro coas saídas confirmadas, namentres aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recomendase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Dende hoxe e ata este domingo, poderemos desfrutar na Guarda dos diferentes eventos musicais, gastronómicos, comerciais e deportivos organizados para aproveitar ó máximo esta última fin de semana de agosto.

Esta noite  gozaremos dun novo concerto da programación “Música nas Prazas”. Esta vez, tócalle a quenda á formación guardesa Indomables Coverband e as súas propostas de rock. A cita é na Praza da Guía ás 23 h.

A partir das 9 da noite, tamén hoxe, comeza a VI Festa do Percebe na Alameda. Ata o domingo, os/as que se acheguen poderán degustar os distintos produtos da terra e do mar que se ofertan, así como visitar a Feira de Artesanía, namentres os máis cativos poderán gozar dos inchables. Todo isto amenizado con música e charangas.

Este sábado, a Asociación de Empresarios da Guarda (ACIGU) organiza unha nova Feira de Oportunidades durante todo o día na Praza Nova e na rúa Vicente Sobrino. E, xa pola noite (22:30 h), a Asociación Folclórica Vento Mareiro ten preparado o VIII Serán da Guía, coa actuación de grupos tradicionais que participan nesta actividade enmarcada nas Festas da Virxe da Guía.

As tradicionais carreiras pedestres da Virxe da Guía celebraranse o domingo, co seu percorrido habitual, dando comezo ás 19 h. Para aquelas persoas interesadas en participar, compre ter en conta que a proba precisa de inscrición previa na sede social da Comisión ou ata as 18:30 h do mesmo domingo. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

Este domingo 27 de agosto será o derradeiro día para visitar a exposición “Viaxando pola historia, cen do MASAT”, conmemorativa do centenario do Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega. Lembramos que, ata o sábado, permanecerá aberto en horario de mañá (12 a 14h) e tarde (19 a 22h), namentres o domingo poderá visitarse en horario de mañá.

Para rematar a fin de semana, o domingo a partir das 20:15 h terá lugar no Auditorio de San Bieito a firma de autógrafos das campionas do Mecalia Atlético Guardés, seguido do acto de presentación do novo equipo da man do xornalista Vicente Muño ás 21h.

O próximo luns 28 de agosto retomaranse as populares andainas organizadas polo Concello da Guarda en colaboración coa Cámara Municipal de Caminha, cunha actividade especial: a Romaría de São João d’Arga.

Organizada pola Unión de Parroquias de Caminha e Vilarelho, co apoio do Concello de Caminha, a romaría consistirá nun percorrido de 20km, cunha dificultade media-alta, dende Caminha ata Arga de São João, situada na Serra d’Arga. Este é o percorrido que os peregrinos adoitaban facer na véspera da festa.

Os participantes inscritos sairán da explanada da Sangriña ás 12.30h en autocar ata Caminha, para xuntarse cos demais participantes portugueses na praza do Torreiro ás 13.30h. No camiño pasaremos polas parroquias de Vilarelho, Venade, Azevedo e Dem. Haberá pausas durante a ruta, para descansar e agrupar aos participantes. En Dem, a organización ten programado un descanso máis longo para un breve avituallamento e, ao remate da camiñada, os participantes poderán compartir o xantar que leven como marca a tradición.

A chegada ao mosteiro de Arga de São João está programada para as 19.00h. O autobús de regreso á Guarda agardará aos participantes en Santo Aginha (Arga de São João), a uns 2km do mosteiro, sobre as 21.30h, polo que a chegada á localidade da Guarda está prevista a partir das 22.00h, despois de gozar da tradicional romaría de Sao Joao d’ Arga.

Aquelas persoas interesadas en asistir a esta emblemática festa de Caminha poden contactar coa Oficina de Turismo da Guarda no teléfono 986 614 546, ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 27 de agosto coas saídas confirmadas, namentres aquelas que sofren algunha variación aparecen marcadas.

Para máis información, recomendase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención ao público de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

O verán continúa na Guarda cunha programación cultural para todos os públicos durante a fin de semana, coa celebración da tradicional Festa de San Roque e unha nova edición do Festival de Bandas “Vila da Guarda”. Ademais, esta noite continúan as visitas teatralizadas polo casco histórico da vila, namentres este sábado e domingo repetiranse as visitas guiadas ó Monte Santa Trega.

Esta noite dará comezo a Festa na honra de San Roque na parroquia de Salcidos, coa celebración dunha churrascada amenizada polo Dúo D3 a partir das 21.00 horas. A romaría continuará mañá, co pasacalles a cargo de Treboada Baixo Miño e, xa pola noite, a gran verbena coa actuación das orquestras Capitol e Yucatán.

Tamén o sábado, no Auditorio de San Bieito, terá lugar o XI Festival de Bandas “Vila da Guarda”. O concerto comezará as 20.00 horas e contará coa participación de dúas bandas galegas con moita tradición no noso país: a ourensá “A Lira de Ribadavia” e a Banda de Música de Chantada (Lugo), amais da Agrupación Musical da Guarda, organizadora do evento.

O domingo, derradeiro día das Festas de San Roque, celebrarase a misa na honra do santo, precedida pola presentación da Agrupación Musical de Taboexa na Praza do Coruto. Despois do acto relixioso, a agrupación ofrecerá un concerto no recinto das festas e, xa pola tarde, será a quenda das tradicionais poxas e a actuación dun grupo musical que porá fin aos tres días de celebración na parroquia guardesa.

Outras actividades semanais

As visitas guiadas ó Monte Santa Trega tamén se repetirán este sábado e domingo, con saídas dende o MASAT ás 12.30 e ás 17.00 horas. O percorrido, de 90 minutos de duración, inclúe unha visita ó Museo Arqueolóxico e ó Castro de Santa Trega. Tamén se realizan visitas centradas exclusivamente no Castro, con comezo ás 16.00 horas e 30 minutos de duración.

Para completar o coñecemento sobre o noso monte, a historia do primeiro museo arqueolóxico de Galicia e a importancia do legado da Sociedade Pro-Monte, compre visitar a exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, que permanecerá aberta en horario de mañá (12 a 14 horas) e tarde (19 a 22 horas) ata o sábado, namentres o domingo poderá visitarse en horario de mañá.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos do martes 15 ata o domingo 20 de agosto coas saídas confirmadas e aquelas que sofren algunha variación están marcadas.

Para máis información, recomendase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) no horario de atención de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.

Esta semana as saídas do ferry veranse afectadas pola marea baixa durante as mañás. Polo tanto, achégase a táboa cos horarios definitivos ata o domingo 13 de agosto coas saídas confirmadas, namentres aquelas que sofren algunha variación aparecen marcadas.

Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (986 61 15 26) dentro do seu horario de atención, de 10:00 a 13:00 horas e de 15:00 a 20:00 horas.

 

Festas na honra de San Caetano

O barrio da Cruzada celebra as Festas de San Caetano con unha sardiñada o venres a partir das 21.00 horas, seguida das actuación da orquestra Costa Blanca; e o sábado, coa gran verbena da man de Los Soprano e Ambar. Ámbolos dous días contarán co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas A Boalleira.

O domingo pola mañá será a quenda dos actos relixiosos, coa celebración da misa solemne ás 11.30 horas e a posterior procesión partindo da capela de San Caetano, acompañada polo grupo de gaitas A Boalleira e o coro parroquial. Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, realizaranse as tradicionais puxas e, tras delas, o grupo de pop-rock guardés Songodin’s ofertará un concerto.

Deporte e cultura urbana no porto

O sábado 5 de agosto será o gran día do deporte. Especialmente, daqueles relacionados coa cultura urbana no marco da terceira edición de Galifornia Beat, organizada por Skateboarding360 en colaboración co Concello da Guarda. O evento “multideportivo e multicultural”, segundo o definen os organizadores, terá lugar na atalaia do porto guardés a partir das 10.00 horas e contará con competicións en tres modalidades de skateboarding: Street skate ou patinaxe de rúa; miniramp, na que os skaters fan uso de pequenas ramplas; e S.K.A.T.E, unha modalidade de competición a dúo na que os contrincantes poñen a proba a destreza do outro na realizaciónde determinados trucos.

As actividades deportivas complétanse coa oferta de clases de break dance e a práctica de flyboard e hoverboard, dúas modalidades acuáticas que permiten elevarse sobre a auga e para cuxo desfrute é preciso inscribirse previamente a través da páxina www.flyboardvigo.com. Amais destas, as persoas que se acheguen á atalaia -na que haberá postos de artesanía, comida, bebida e inchables para os cativos- poderán presenciar as pintadas de graffitis e os concertos, que se celebrarán a última hora da tarde.

Primeiras actividades da Festa do Monte

As primeiras actividades deportivas das Festas do Monte serán tamén o sábado, a partir das 18.00 horas. Por unha parte, no pavillón das Solanas disputarase o Trofeo Festas do Monte de Hóckey Liña, con categorías senior e amateur. Paralelamente, partirá da Alameda da Guarda a tradicional Carreira Pedestre Popular.

A Festa do Monte, con todo, arrincará oficialmente o próximo luns, 7 de agosto, co  pregón inaugural a cargo dun responsable do Real Club Celta de Vigo, precedido pola benvida do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba. As grandes festas guardesas continuarán durante toda a semana, cunha programación deportiva, cultural e lúdica intensiva ata o 15 de agosto.

O sábado e domingo tamén se ofrecen as <<Visitas guiadas ao Monte Santa Trega>> para os interesados en coñecer o monte con maior profundidade. A visita de 90 minutos comeza no Museo ás 12.30h e ás 17.00h. E a visita centrada no Castro de 30 minutos de duración e comeza ás 16.00h no Castro.

Ademais continúa a exposición <<Viaxando pola historia, cen anos do MASAT>> que conmemora o centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega e que se pode visitar na Casa dos Alonso ata o 27 de agosto. De martes a sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00. Os domingos e días festivos de 12.00 ás 14.00 horas.

A exposición mostrará a evolución do museo desde os seus inicios no ano 1917, fundado pola Sociedade Prol-Monte, ata os nosos días, e permitirá realizar unha viaxe ao pasado a través do patrimonio deixado polos nosos antepasados. Esta é unha excelente oportunidade para todas as persoas interesadas en coñecer de primeira man como eran os habitantes que moraban na cima do Monte Santa Trega e como os membros da Sociedade Prol-Monte dedicaron o tempo para coidar e difundir un dos xacementos máis emblemáticos de Galicia.

 

A oficina de turismo situada no porto guardés atendeu durante o mes de xullo a máis de 1.570 turistas dentro do seu horario de atención ó público (de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a a 19.30 horas durante toda a semana). Así, segundo os datos rexistrados pola propia oficina, os visitantes incrementaron o seu número en máis dun 23% en relación cos datos obtidos o pasado ano durante o mesmo período, cando foron preto de 1.200 as persoas atendidas.

Este servizo de información turística compleméntase co ofertado durante todo o ano pola oficina de turismo situada no Concello, onde se atenden unha media de 30 persoas ao día, sendo o seu horario de apertura de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres.Estas cifras confirman a tendencia ascendente das visitas turísticas á vila, xa que supón un espectacular aumento do 60% con respecto os datos obtidos durante o mes de xullo de 2015, cando non chegaban a 1.000 as persoas atendidas na oficina turística do porto.

Neste mesmo sentido apuntan os datos da caseta de cobro do Monte Santa Trega, polo que pasaron máis de 35.173 persoas, unha cifra sensiblemente superior á rexistrada durante o mes de xullo do pasado ano, cando foron 34.830 os visitantes que accederon ó monte.

Con todo, confírmase a inclinación cara o incremento que xa se produciu o pasado ano con respecto a 2015 e destaca, especialmente, o aumento de daquelas persoas que realizan a viaxe ó Monte Santa Trega de xeito particular, en detrimento das visitas con viaxes concertadas.O estudo destas cifras complétase cos facilitados polos establecementos hoteleiros, cuxos datos de ocupación confirman o incremento paulatino do interese turístico da vila durante o último ano.

A exposición <<Viaxando pola historia, cen anos do MASAT>> conmemora o centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega que se inaugura hoxe ás 27 de xullo ás 19.00 horas na Casa dos Alonso.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 27 de agosto, cun horario, de martes a sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00. Os domingos e días festivos será posible a súa visita entre as 12.00 e as 14.00 horas.

A exposición mostrará a evolución do museo desde os seus inicios no ano 1917, fundado pola Sociedade Prol-Monte, ata os nosos días, e permitirá realizar unha viaxe ao pasado a través do patrimonio deixado polos nosos antepasados. Esta é unha excelente oportunidade para todas as persoas interesadas en coñecer de primeira man como eran os habitantes que moraban na cima do Monte Santa Trega e como os membros da Sociedade Prol-Monte dedicaron o tempo para coidar e difundir un dos xacementos máis emblemáticos de Galicia.

Resumo da programación ata o domingo 30 de xullo:

Xoves, 27:

19:00h <<Inauguración da Exposición Viaxando pola Historia 100 anos do MASAT>> na Casa dos Alonso. Poderase visitar ata o 27 de agosto de martes a sábado 12 a 14h e de 19 a 22h. Os domingos e festivos de 12 a 14h.

21:30h << Visita teatralizada>> ao casco histórico cun recorrido ambientado en el año 1930 con los actores de Os Quinquillans Teatro. Empeza na Praza da Igrexa.

Do venres 28 ao 30 de xullo: <<FESTA DO PEIXE ESPADA>> na carpa do porto.

Dende as 19.00h do vernes poderase degustar o peixe espada na carpa da festa ademais de disfrutar dun completo programa de actividades.

Venres 28:

–23.00 <<Concerto Tributos Rock and Pop>> na carpa da porto. Organiza: Agrupación Musical da Guarda.

Sábado 29:

–Todo o día << V Mercado da Música>> con concertos, mercado e actividades nos xardíns do Centro Cultural. Organiza: Sopadesobre

Recordade que o sábado e domingo:

<<Visitas guiadas ao Monte Santa Trega>> Visita de 90 minutos con comezo ás 12.30h e 17.00h no Museo e visita de 30 minutos con comezo ás 16.00h no Castro.

A partir de hoxe xoves 20 de xullo A Guarda contará con variados eventos musicais, deportivos e culturais para o goce de veciños e visitantes. Tomen nota de cada actividade para non perderse ningunha delas.

Xoves, 20:

21:30h << Visita teatrelizada>> ao casco histórico cun percorrido ambientado no ano 1930 cos actores de Os Quinquillans Teatro. Comeza na Praza da Igrexa.

Venres, 21:

21:30h << I Mostra Centro Deportivo Baixo Miño de Judo>> no Estadio Municipal da Sangriña. Organiza: Centro Deportivo Baixo Miño.

Sábado 22 e domingo 23:

–<<Campionato Galego de Volley Praia>>. No Codesal durante todo o día. Organiza: Eventoglobal e Concello A Guarda

–<<Visitas guiadas ao Monte Santa Trega>> Visita de 90 minutos con comezo ás 12.30h e 17.00h no Museo e visita de 30 minutos con comezo ás 16.00h no Castro

Sábado, 22:
22:00h <<Noites no Castelo: concerto de Susana Seivane. Budiño e Mercedes Peón convidada especial>> no Castelo de Santa Cruz
.

Domingo, 23:

7:00h <<Xuntanza de pescadores deportivos>> na explanada do Porto con pesca con saída a pescar e xuntanza para xantar ás 14:30 h. Organiza: Agrupación de Pescadores O Buxeiro.

20:00h <<XXIV Encontro dos Pobos>> no Auditorio de San Benito. Organiza: Do Lusco ó Fusco.

Luns, 24:

20:30h << Encontro da Canción Mariñeira>> no Auditorio de San Benito. Intervirán: Orfeao de Vila Praia de Ancora e Coral Polifónica da Guarda. Organiza: Concello da Guarda e Coral Polifónica.

Martes, 25:

20:30h <<Pistactiva: con Circo Chosco e Isla Letriska>> Espectáculo infantil no Auditorio de San Benito. Organiza: Concello da Guarda.