Outubro remata na Guarda cunha ampla e variada programación cultural e lúdica

A programación cultural e lúdica de cara á fin de semana comeza esta mesma tarde coa homenaxe aos asasinados en Camposancos, organizada polo Sindicato de Pensionistas de Comisións Obreiras (CC.OO.) da comarca de Vigo.

O acto comezará ás 17:30 horas na fosa común do cemiterio de Sestás, onde os asistentes realizarán unha ofrenda floral na honra das vítimas do franquismo. Chegadas as 19:00 horas, a celebración continuará no Centro Cultural, onde o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, presentará a charla titulada «Os consellos de Guerra: a xustiza do revés», que posteriormente guiará o investigador e historiador vigués, Bernardo Vázquez.

Mañá, 27 de outubro, a psicóloga e traballadora do centro San Xerome Emiliani, Joana L. Pereira, será a encargada de dar comezo á terceira edición do ciclo de charlas  «Diálogos en Educación». O faladoiro, titulado «Educación consciente, baseada en ‘mindfulness’» terá lugar na Casa dos Alonso a partir das 20:30 horas. Esta pretende ser unha actividade aberta ao público e participativa, de interese para persoas de diferentes perfís.

A promoción da saúde física e mental das mulleres, pola súa parte, será a temática do ciclo de charlas «Coidate, muller!», organizada pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda e que arrinca mañá co faladoiro «O exercicio físico e a prevención de lesións musculares». A licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Ana González Portela, será a encargada de dirixir este primeiro encontro, que se celebrará no Centro Cultural da Guarda a partir das 20:00 horas.

O sábado, a lectura e o audiovisual serán as protagonistas da xornada. Para os cativos e cativas, a Biblioteca Municipal organiza unha sesión especial da actividade «Contos contados» dedicada ao Samaín, a partir das 11:30 horas. Así, «Andrés cabeza abaixo» será a lectura do día e, deseguido, os participantes poderán elaborar un ‘marcapáxinas terrorífico’ no obradoiro de manualidades.  Ademais, ata o próximo 7 de novembro celebraranse as xornadas tituladas «Biblioteca solidaria», nas que aquelas persoas que se acheguen ao espazo de ocio e lectura municipal poderán escoller un libro descatalogado a cambio de aportar unha unidade de alimentos non perecedoiros.

Por outra parte, a segunda edición do «Ciclo Camposancos de Cine» retornará este sábado á parroquia guardesa. A partir das 20:30 horas terá lugar na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, organizadora do evento, o encontro  titulado «Tódolos segredos de ‘Era Visto!’. Unha serie da TVG distinta, nun mercado cambiante» no que participará o coordinador creativo da TVG e post-productor da serie, Daniel González.

Celebrando o Samaín

A xornada do martes, previo á celebración do Día de Todos os Santos, estará caracterizada pola temática do medo. Nesta liña, os comerciantes do Mercado do Relo organizan unha serie de actividades dirixidas a todos os públicos, comezando  ás 17:30 horas con «Obradoiros de Samaín»  na rúa Pacífico Rodríguez.  As 19:00 horas, o grupo Perseide ofrecerá un concerto no local Kanella’s Café e, xa pasada a media noite, a celebración continuará coa actuación de Punkiereteiras no local As Pozas Disco-Tasca, onde tamén se realizará unha queimada.

A programación complétase coa celebración dunha «Andaina Nocturna do Terror», que dará comezo ás 21:00 horas dende a rúa Pacífico Rodríguez e rematará preto das 00:30 horas no mesmo punto, cunha chocolatada con churros de balde para os camiñantes. Para participar na actividade é preciso inscribirse previamente, chamando aos teléfonos 986 611 601 ou 647 368 933.

A Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos tamén acollerá unha  «Festa de Samaín», que comezará ás 17:00 horas cun obradoiro de cabazas e continuará cunha merendola e un obradoiro de maquillaxe. Deseguido, a celebración na parroquia guardesa tamén rematará cunha «Andaina terrorífica» polas rúas de Camposancos.

A asociación de empresarios AGUDE, pola súa parte, xa encheu os escaparates das tendas e as rúas de meigas, que permanecerán entre nós ata o próximo 1 de novembro.

Comentarios

Leave a Reply