Fin de semana deportiva e cultural na Guarda

A Guarda congrega esta fin de semana varias actividades entre as que destacan a VI edición do Trail do Trega, a Carreira de Ciclismo de Vellas Glorias, a obra de teatro en conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha xornada de micoloxía, o Concerto de Santa Icía da Agrupación Musical da Guarda e o Concerto de Gli Appassionati.

​VENRES 22

O venres día 22 de novembro o Centro Cultural acolle ás 21:00h a obra de teatro «Anatomía dunha serea», unha peza de teatro autobiográfica e testemuñal que conta a historia e a experiencia persoal da propia actriz coma unha muller, madre e vítima da violencia obstétrica. Entrada de balde previa retirada de tickets, dispoñibles dende o día 21 de novembro no Centro Cultural, de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h e no CIM de 9:00h a 14:30h. Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra e está enmarcada nas actividades organizadas para as conmemoracións do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

SÁBADO 23

As actividades programadas para este sábado arrancan coa Carreira das vellas glorias do ciclismo galego, un evento que xa se celebrara na Guarda uns anos atrás e contará coa presenza de máis de 80 deportistas ex – profesionais do mundo do ciclismo galego coma Veloso ou Márques.

A proba terá lugar ás 16:30h da tarde dende a Alameda da Guarda, facendo un percorrido de 20 voltas a un circuito urbano de 1,2km polas Rúas Galicia, Brasil e República Dominicana, con varios sprints especiais e rematando cunha subida ata o Monte Santa Trega.

Previa a esta proba contarase na Alameda da Guarda con actividades para os ciclistas da base do CC O Rosal, cunha proba de gymcana para os máis pequenos.

Este sábado tamén realizarase unha Xornada de Micoloxía organizada entre A Jalleira AFEA e o Concello da Guarda con saída ao monte pola mañá e pola tarde, contando con formación a cargo de Santi Corral. As prazas están xa cubertas.

A Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda organiza este sábado o tradicional Concerto de Santa Icía, que terá lugar ás 17:00h na Igrexa Parroquial da Guarda e que contará coas actuacións da Coral do Clube da Terceira Idade da Guarda e da Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda.

DOMINGO 24

Preto de 500 deportistas tomarán este domingo o Monte Santa Trega na VI edición do Trail do Trega

Nesta VI edición, que terá lugar este domingo día 24 de novembro a partires das 9:30h da mañá se conta con varias opcións competitivas coma a Experiencie 12k, Advance 18k e unha andaina popular de 12km.

A primeira en saír será a Andaina, cunha distancia total de 10kms e cun desnivel acumulado de 650m e que sairá ás 9:30h da mañá, seguido da proba Advance 18k cun desnivel acumulado de 1100m e que sairá ás 10:00h e a Experiencie 12k cun desnivel acumulado de 650m e que sairá ás 10:30h.

Todas as modalidades terán punto de saída e chegada dende a Alameda da Guarda, agardando unha asistencia de preto de 500 deportistas, estando inscritos xa máis de 360, destacando unha forte representación portuguesa e de persoas de máis de 12 provincias de toda España.

Xa para rematar a fin de semana o domingo ás 18:00h a Igrexa Parroquial da Guarda acolle o concerto do Coro Gli Appassionati, un coro integrado por xoves apaixonados onde o canto e a música os define como grupo. Unha formación musical moi activa a nivel nacional e que teñen participado en numerosos festivais, concertos e óperas musicais, contando cun amplo palmarés de recoñecementos.

Comentarios

Leave a Reply