Costas do Estado remata a escollera provisional de protección da praia Lamiña-Forte

Esta actuación evitará o dano irreversible que suporía, previsiblemente neste próximo inverno, a inundación da cova da areeira, a depresión que se atopa tras o punto crítico da duna que estaba sufrindo a erosión.

Despois de case dous anos de xestións por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e cando a situación, no punto máis crítico da praia, facía prever que a duna non aguantaría un inverno máis, e se produciría a inundación da depresión existente tras ela; Costas do Estado acometeu unha escollera provisional que permitirá frear a erosión do litoral mentres se traballa no proxecto definitivo de Estabilización da Marxe do Río na súa Desembocadura.

Dende o concello da Guarda, dende o primeiro momento, observando o deterioro acelerado do litoral da Lamiña nestes últimos anos, se demandou unha actuación urxente por parte de Costas do Estado. Esta demanda contou sempre co apoio de moitas persoas, a nivel particular ou de forma colectiva, que fixeron chegar as súas queixas ao concello, sobre todo veciños e veciñas de Camposancos.

A competencia para actuar no litoral do río Miño no seu tramo internacional, Pertence a Costas do estado, que a súa vez depende da “Dirección General de Sostenibilidade de la Costa y del Mar” que está integrada no “Ministerio para la Transición Ecológica”. Dado o carácter internacional do Esteiro do Miño calquera actuación debe contar co visto bo do Ministerio de Administración Interna de Portugal, e, por pertencer a rede Natura 2000, debe ter informe favorable da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, dado que ten que cumprir co plan director da rede Natura 2000. Neste caso, por tratarse dunha actuación urxente, puntual, de pouca lonxitude e de carácter provisional non é preceptivo o estudo de avaliación ambiental segundo indica a “Ley de Evaluación Ambiental”.

Dende o concello da Guarda coincidimos plenamente coa Consellería de Medio Ambiente cando expoñen no seu informe que: “é necesario realizar estudos, xestións e avaliacións ambientais a escala internacional, contemplando todo o río e as súas marxes, que permitan propoñer unha solución global aos problemas erosivos”. Pero, “dado que o devandito proceso pode precisar prazos non inferiores a dous anos, parece urxente realizar unha actuación local e temporal no tramo crítico, onde a duna está máis afectada, cara a evitar o dano irreversible que suporía a inundación da depresión que existe tras ela”.

De feito as recomendacións que a Consellería de Medio Ambiente fai no seu informe son as que se seguiron a hora de acometer a actuación da escollera provisional que se acaba de rematar. Poñendo sempre por diante a protección do entorno para evitar danos irreversibles no ecosistema dunar. Entendemos tamén, dende o concello da Guarda, que a solución definitiva que se propoña para o problema de erosión no litoral galego do esteiro, que está afectando a centos de metros de praia e dunas, debe ter as garantías medioambientais precisas as que fai mención tamén o informe da Consellería.

Na actualidade, dende o concello, estamos a espera de que remate a redacción do proxecto definitivo de estabilización. Esperamos que este proxecto contemple a construción do dique-escollera proposto no informe técnico do CEDEX (Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas) como alternativa 5. Esta foi dende o principio a que entendíamos como solución de futuro a longo prazo que permitiría a protección e rexeneración da praia e o entorno dunar.

Foron moitas as persoas e as institucións que nos axudaron e fixeron posible acometer esta actuación antes de que os efectos da erosión foran irreversibles. Dende o concello da Guarda queremos agradecer a preocupación e o apoio recibido por todas elas, ben axilizando os permisos para a actuación ou colaborando na busca de financiamento. En particular queremos mencionar a colaboración directa de: o Delegado do Goberno en Galicia, a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, o Xefe de Costas de Pontevedra, o Xefe Provincial da Consellería de Medio Ambiente, o Presidente da Cámara de Caminha, O Comandante Naval do Miño, o Ministro de Administración Interna de Portugal, Os Deputados Socialistas do Parlamento Galego e Español e a Comisión Internacional do Río Miño. Gracias a todos.

Comentarios

Leave a Reply