A Guarda promove dúas Barferencias ata fin de ano

O vindeiro xoves día 28 de novembro terá lugar a primeira Barferencia do ciclo finais 2019 que terá lugar ás 20:30h no bar «Bugus Zentral» da Guarda.

Esta primeira Barferencia versará sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e que correrá a cargo de Silvia Cernadas.

María Vinyals (1875-1940?) foi unha das grandes e polifacéticas mulleres que naceron na Galicia do século XIX. Coñecida como a “Marquesa roja” polas súas ideas sociais e políticas, destacou como escritora e feminista pero acabou morrendo na miseria e no esquecemento. Nesta Barferencia falarase desta muller tan vencellada ó castelo de Soutomaior e cuxa vida ben podería ser levada ó mundo do cine ou a televisión.

A ponente encargada deste primeira Barferencia é Silvia Cernadas Martínez, nada en Soutomaior no ano 1988, é investigadora e Guía oficial de Turismo, Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.

Entre as súas principais liñas de investigación destacan a historia da nobreza e os castelos, especialmente o de Soutomaior, sobre o que versa o seu proxecto de tese de doutoramento; a historia da fronteira con Portugal na Idade Media, que comezou a estudar no seu Traballo de Fin de Máster, e a historia das mulleres na Galicia contemporánea, centrándose na figura de María Vinyals. Ten publicado artigos e participado en varios congresos en relación a todos estes temas.

A segunda Barferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro xoves día 26 de decembro ás 20:30h na «Cervexería La Bodega» e versará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador local Joaquín Miguel Villa.

Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.

Comentarios

Leave a Reply