Tralo éxito das representacións “A Viaxe de Exeria ao Castro” e tendo en conta que dúas datas deberon ser suspendidas no mes de xullo por mor dos protocolos COVID-19, as funcións teatrais que se repetiron cada mércores do verán prorrogarán a súa programación por dúas semanas mais, adaptando, iso si, os horarios ás xornadas mais curtas que estamos a ter xa no mes de setembro. Deste xeito as novas representacións quedan para o mércores 1 e 8 de setembro, en dous pases diferenciados, o primeiro ás 18:00h. e o segundo ás 19:30h. Ao igual que nas sesións de verán o aforo é limitado e con reserva previa no mail: centrocultural@aguarda.es (indicando o nome e apelidos dos asistentes e un número de teléfono), o punto de encontro é a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega.

A viaxe de Exeria ao Castro é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os
Lugares santos… Entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tecla en Seleúcida, sendo está unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.

Esta actividade conta coa subvención do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

• Visitas guiadas ao casco urbano, ao Monte Santa Trega, deporte, cinema na rúa e teatro compoñen a programación para esta semana.

O Concello da Guarda continúa apostando por unha programación de actividades para todos os gustos e idades, tendo sempre en conta as medidas de hixiene e seguridade motivadas pola pandemia do covid-19.

Nesta semana e pechando xa o mes de agosto a programación, recollida na Axenda de verán 2020, conta coas visitas regulares ó Monte Santa Trega (de venres a domingo), as visitas de natureza que se sucederán cada domingo e as Visitas polo casco urbano os mércores e xoves de agosto. As inscricións se poden realizar a través da Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com.

Os venres, sábados e domingos proseguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega. Inscrición previa no MASAT 986610504 ou no enderezo electrónico masat@aguarda.es

Tamén continúan esta semana as visitas teatralizadas no Monte Santa Trega, cun notable éxito e que xa colga novamente o cartaz de aforo completo para esta semana.

O xoves 27 terá lugar unha actividade deportiva consistente nunha ruta en kaiak polo Río Tamuxe, as prazas están xa cubertas.

PROGRAMACIÓN

Venres 28:

Cinema na rúa coa proxección de “Mr.Link” ás 22:00h. na Praza do Reló. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)

Cunha duración de 93 minutos “Mr. Link” conta a historia de Sir Lionel Frost, quen se considera coma o maior investigador de mitos, monstros e lendas. Estes cualificativos teñen sido cuestionados polo seu círculo mais preto, o que lle anima a comezar unha investigación polo noroeste americano na busca do Eslabón Perdido, unha misteriosa criatura metade humano e metade besta.

Sábado 29
Sesión de Teatro coa posta en escena de “Pelos na lingua” ás 20:00h no Auditorio de San Benito. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es). Cunha duración de 70 minutos Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo (e non esaxeramos), independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua. Unha comedia, que dalgún xeito, podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto.

Domingo 30

Nova cita con “Domingos de natureza e auga” ás 10:00h. con diversos percorridos polo litoral guardés. Información e inscricións na Oficina de turismo 986614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com

A Guarda conta esta fin de semana con varias actividades nas que destacan a Feira de Emprego “Ecoimaxín”, a representación teatral de Raclette e a derradeira actividade das celebracións do Día da Biblioteca.

VENRES 25:

Dende este xoves día 24 de outubro, a Casa dos Alonso da Guarda acolle a Feira de Emprego «Ecoimaxín».

Na xornada do venres 25 terán lugar dúas cápsulas formativas a cargo de Sandra Fernández Prado, Consultora e Auditora interna en sistemas integrados de xestión (calidade, medio ambiente, prevención riscos laborais e responsabilidade social empresarial) sobre «Novos perfís profesionais para un mundo sostible». Sandra Fernández é Especialista de Desarrollo de RSE en pymes, cunha experiencia de más de 3 años en asistencia técnica a programas de la Consellería de Economía, Emprego e Industria de la Xunta de Galicia.

A segunda cápsula formativa será a cargo de Sandra Touza, Xerente de «Ponle cara al turismo» e CEO de imalocal.es (consultoría, plans estratéxicos, dinamización territorial, promoción turística e formación en turismo creativo, comunitario e industrial). sobre «Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local», ámbalas cápsulas, os dous días en horario de 10:00h a 12:00h. Sandra Touza defínese coma unha muller emprendedora incansable de espírito libre, e forte. Caracterizase pola súa transparencia, gañas de mellorar cada día ante os obstáculos con perseverancia e positividade.

Esta é a terceira edición da Feira do Emprego e Formación da Guarda, o primeiro ano estivo enfocada no emprendemento a nivel local, a segunda edición na tecnoloxía como motor xerador de emprego e esta edición na sustentabilidade.

O Centro Cultural da Guarda acolle o vindeiro venres día 25 de outubro ás 21:00h a representación teatral de «Raclette» a cargo da Compañía Ibuprofeno Teatro.

«Raclette» é unha xeira de Ibuprofeno Teatro, na que a compañía asume producións dun formato superior con elencos máis numerosos, caracterizadas polo rigor na posta en escena, no traballo interpretativo e na concepción dos textos e dos procesos de creación, baseados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.

O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto. O peso da función recae no que transmiten os personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na trascendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas…

SÁBADO 26:

Dende este xoves día 24 de outubro, a Casa dos Alonso da Guarda acolle a Feira de Emprego «Ecoimaxín».

Para pechar esta edición da Feira do Emprego e Formación, a xornada do sábado día 26 de outubro estará adicada a unha Feira de Empresas, que terá lugar de 10:00h a 14:00h e na que se presentará o portal de Emprego da Guarda e de 12:00- 13:00 horas presentaranse empresas eco da contorna.

Esta é a terceira edición da Feira do Emprego e Formación da Guarda, o primeiro ano estivo enfocada no emprendemento a nivel local, a segunda edición na tecnoloxía como motor xerador de emprego e esta edición na sustentabilidade.

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda remata esta semana as actividades para conmemorar o día da Biblioteca 2019, que se celebra cada ano o 24 de outubro. O obxectivo destas actividades é a animación á lectura durante o mes de outubro.

Xa para rematar a programación deste ano o sábado día 26 de outubro ás 11:30h terá lugar a derradeira actividade co Obradoiro de creación de teatros de papel: O obxectivo do obradoiro é fomentar a lectura como vehículo para xerar historias e potenciar a creatividade. Ensinamos a construír a maqueta dun teatro clásico e a crear escenarios e personaxes a partir de lecturas existentes ou inventando narrativas novas. O obradoiro promove destrezas motrices, o contacto coas artes plásticas, a convivencia e a colaboración entre os participantes. Público recomendado: Nenas e nenos entre 6 e 12 anos.

A Guarda recibe a primeira fin de semana do mes de abril cunha intensa programación de actividades entre as que destacan a celebración dun showcooking sobre a lamprea, enmarcado nos fins de semana gastronómicos, a representación teatral de «Bernarda», o Concerto do grupo folk Na Revolta, a Proba deportiva Baixo Miño Enduro Experience e o Concerto da Orquestra KV2211.

Programación por días:

Venres 5 de abril:

Este venres día 5 de abril a Praza de Abastos da Guarda será o escenario para a realización dun Showcooking no que un restaurador da vila cociñará a lamprea do Río Miño elaborada coa receita tradicional “Á bordalesa”. Tamén se elaborará outra receita especial coa lamprea para que os asistentes a degusten gratuitamente.

Esta actividade gastronómica terá lugar entre as 11:00h e as 12:30h da mañá na pranta baixa da Praza de Abastos da localidade, onde todos e todas que así o desexen poderán coñecer como elaborar este manxar do Río Miño, seguindo as instrucións dun profesional da hostalaría guardesa.

Este Showcooking está enmarcado nas fins de semana gastronómicas que se estenden ata o 14 de abril e no que se pode degustar a lamprea do Miño na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€ nos restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.

Tamén na xornada deste venres día 5 de abril o Centro Cultural da Guarda será o escenario para a representación teatral de «Bernarda» a cargo da Compañía Malasombra Producións, ás 21:00h da noite, as entradas para este espectáculo están xa esgotadas.

Sábado 6 de abril:

Na xornada do sábado día 6 de abril o Auditorio do Centro Cultural da Guarda acolle ás 20:30h o Concerto e gravación do Grupo Folk local Na Revolta para a posterior edición e lanzamento do seu segundo traballo discográfico que levará por nome «Dale al ON».

Esta gravación realizase despois de que o ano pasado celebrara o seu 15+2 aniversario(17 anos) cun Concerto no mesmo lugar. A iniciativa de gravar este segundo disco-concerto xurde das demandas dos propios seguidores de Na Revolta. Ademais, sendo un grupo de amizade, estas gravacións quedan no recordo dos seus integrantes para sempre. O Grupo Na Revolta sempre estivo formado por antigos integrantes do Grupo de Baile e Gaitas Semente Nova e posteriormente Trullada, ambos levados a cabo e dirixidos por María Asunción. A ela lle deben a unión de amizade e música xa que Iván Gómez, María Elena Baz, Miguel Rodríguez e Xurxo Ameal foron compoñentes de ditos grupos, uníndose despois tamén as parexas Silvia Castro e Diego González. Durante uns anos formou parte de Na Revolta tamén Eduardo Rodríguez, integrante ademais dos grupos citados. Na Revolta leva 18 anos ensaiando, creando e tocando música tradicional-folk galega, tendo nestes anos moitas actuacións, tanto no eido local, como galego, acudindo a programas de televisión e festas de diferentes puntos de Galicia. As actuacións mais memorables de Na Revolta foron no Festival Interceltique de Lorient e a actuación no Festival As Penizas Folk, compartindo escenario con Berroguetto, unha das súas maiores inspiracións.

Domingo 7 de abril:

Este domingo A Guarda acolle a “Baixo Miño Enduro Experience”, unha proba puntuable no Open de Galicia de Enduro, na que se agarda a participación duns 200 ciclistas, e que ten a particularidade de ter 5 tramos cronometrados cun percorrido que se realiza nun entorno idílico para a práctica da disciplina de Enduro, cunhas paisaxes espectaculares co río Miño, a Costa e o Porto da Guarda, os Castros de Santa Trega, o Rosal e os seus viñedos e a desembocadura do Miño.

Os participantes sairán ás 8:30h dende a Alameda da Guarda para dirixirse ata o Monte Terroso, onde realizarán os primeiros catro tramos cronometrados, dende alí desprazaranse ata o Monte Santa Trega, onde realizará o tramo cronometrado final, rematando este na rúa de Circunvalación ao Monte Santa Trega e dirixíndose despois á Alameda da Guarda, onde terá lugar a entrega de premios.

Por outra banda o Centro Cultural da Guarda será o escenario da celebración dun concerto da Orquestra Infantil e Xuvenil Kv2211 de Vigo, programado para as 12:00h, con entrada de balde ata completar aforo.

Este xoves, 13 de xullo, comeza na vila da Guarda a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente durante todo o verán ata o vindeiro 7 de setembro.

Esta actividade pretende amosar a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado. As visitas realizadas pola compañía Os Quinquilláns, percorrerán o centro histórico, comezando ás 21.30h. na Praza da Igrexa, para continuar o itinerario pola Praza do Reló, rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ó Porto da Guarda.

Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous personaxes influentes da Guarda de 1930. Nese momento, coincidindo coa celebración da chegada do primeiro guardés a Porto Rico, deciden congregar á poboación no centro da vila para gravar unha película que remitirán á sociedade guardesa en América. A través deste fío condutor, a compañía fai unha intensa labor de amosar os diferentes monumentos e lugares emblemáticos do centro da Guarda. Pero por se isto fora pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais coa intervención de músicos destacados como Paco Nogueiras ou o dúo Barahunda.

Todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que promete ser participativa. É por iso que dende o Concello da Guarda esperamos que guste tanto á poboación local como ós visitantes que se achegan nesta época.  Sen máis, convocamos a asistir á poboació do mesmo xeito que se facía en 1930.