A Guarda despide o mes de agosto cunha chea de propostas para todas as idades

• Visitas guiadas ao casco urbano, ao Monte Santa Trega, deporte, cinema na rúa e teatro compoñen a programación para esta semana.

O Concello da Guarda continúa apostando por unha programación de actividades para todos os gustos e idades, tendo sempre en conta as medidas de hixiene e seguridade motivadas pola pandemia do covid-19.

Nesta semana e pechando xa o mes de agosto a programación, recollida na Axenda de verán 2020, conta coas visitas regulares ó Monte Santa Trega (de venres a domingo), as visitas de natureza que se sucederán cada domingo e as Visitas polo casco urbano os mércores e xoves de agosto. As inscricións se poden realizar a través da Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com.

Os venres, sábados e domingos proseguen as visitas guiadas ao Monte Santa Trega. Inscrición previa no MASAT 986610504 ou no enderezo electrónico masat@aguarda.es

Tamén continúan esta semana as visitas teatralizadas no Monte Santa Trega, cun notable éxito e que xa colga novamente o cartaz de aforo completo para esta semana.

O xoves 27 terá lugar unha actividade deportiva consistente nunha ruta en kaiak polo Río Tamuxe, as prazas están xa cubertas.

PROGRAMACIÓN

Venres 28:

Cinema na rúa coa proxección de “Mr.Link” ás 22:00h. na Praza do Reló. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es)

Cunha duración de 93 minutos “Mr. Link” conta a historia de Sir Lionel Frost, quen se considera coma o maior investigador de mitos, monstros e lendas. Estes cualificativos teñen sido cuestionados polo seu círculo mais preto, o que lle anima a comezar unha investigación polo noroeste americano na busca do Eslabón Perdido, unha misteriosa criatura metade humano e metade besta.

Sábado 29
Sesión de Teatro coa posta en escena de “Pelos na lingua” ás 20:00h no Auditorio de San Benito. Inscrición previa no Centro Cultural (986611850- centrocultural@aguarda.es). Cunha duración de 70 minutos Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo (e non esaxeramos), independentemente da súa posición respecto á lingua: aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non, aos que pensan que o galego debería ser a lingua universal, aos que pensan que debería ser o inglés a lingua universal, aos que cren que a maioría dos galegos falan castelán, aos que cren que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, a mestres, a alumnos, a actores, a actrices, a carpinteiros, a carpinteiras, a todos e a todas. Ao mundo enteiro, independentemente da súa lingua. Unha comedia, que dalgún xeito, podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua. Pero non se trata dunha segunda parte como unha continuación da liña argumental, senón que se está a traballar o mesmo tema coa mesma estrutura, aínda que desta vez tratando de darlle un enfoque distinto.

Domingo 30

Nova cita con “Domingos de natureza e auga” ás 10:00h. con diversos percorridos polo litoral guardés. Información e inscricións na Oficina de turismo 986614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com

Comentarios

Leave a Reply