O vindeiro 4 de xullo o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolle a entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos, na que A Guarda e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi galardoada co «Premio ao Destino Gastronómico», acto que contará cunha representación guardesa encabezada polo Alcalde da vila, Antonio Lomba.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómica de referencia a nivel comarcal e autonómico, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.

Declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a Langosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetareas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a «Capital da Langosta».

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira nace no ano 1991 e co paso dos anos a festa foi crecendo en días de celebración e a variedade de produtos do mar e doces que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos. Deste xeito conseguiuse revalorizar a festa e situala no mapa das festividades gastronómicas de Galicia.

No porto instálase unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente da lagosta e demais pratos. Cada ano a oferta de animación e entretemento para adultos e pequenos multiplícase cun amplo e variado programa con actuacións de música, eventos deportivos e culturais, animación infantil, etc.

A Guarda é unha vila mariñeira, dende os seus comezos o mar e a pesca foi o seu principal motor económico, e este factor se pode apreciar en diferentes facetas da súa paisaxe e das súas xentes, as típicas casas mariñeiras, o seu paseo marítimo, o Porto Pesqueiro, a Lonxa, a Praza de Abastos, entre outros.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira atrae cada ano a visitantes de toda a península ibérica, atraídos por unha oferta gastronómica, na que ademais da afamada e exquisita Langosta, tamén se inclúen outros pratos da Cociña Mariñeira como os percebes, as zamburiñas, os mexillóns, os calamares e tamén elaboracións como a paella, fideuá ou empanadas. Destaca tamén o apartado de doces, onde a Rosca de Xema da Guarda é a protagonista da sobremesa, un doce típico da vila, sempre acompañada dos bos caldos da D.O. Rías Baixas.

Na pasada edición de 2018 foron preto de 20.000 persoas as que se achegaron ata a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Guarda, unha afluencia que superou todas as espectativas e que confirman e consolidan un evento no que a Langosta é a raíña da mesa.

O martes día 19 de xuño a Casa dos Alonso da Guarda acolleu a entrega de premios da Ruta Tapearte 2018, un evento gastronómico celebrado entre o 18 de maio e o 3 de xuño, que contou coa participación de 19 establecementos de hostalaría do municipio.

Compareceron ante os medios de comunicación o Alcalde, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, destacado unha vez máis a importancia que este evento ten á hora de atraer comensais e «ruteiros» que, co pasaporte na man, gozaron da gastronomía local, dinamizando un sector tan importante para a vila como o é a hostalaría.

Nesta edición 2018 de Tapearte, o Restaurante Camping Santa Tecla foi o elixido polos «ruteiros» acadando a mellor puntuación cunha tapa de Zamburiñas en alioli de allo negro con puré de piña con crocante de xamón, recolleu este galardón á Mellor Tapa Tapearte 2018 Diana Carrera Sousa, xerente deste establecemento.

Por outra banda os «ruteiros» tamén destacaron o restaurante Bitadorna, sendo este o que máis tapas vendeu, cunha media de 40 tapas por xornada, recibindo a mención especial como a Tapa máis degustada. Por parte deste establecemento recibiu o galardón Antonio Martínez Alonso, cociñeiro do Bitadorna A Guarda.

Entre os premios e agasallos de Tapearte 2018, realizouse o sorteo dun smartphone Samsung J7, a persoa premiada, Fina Peniza Baz, tamén recibiu neste acto o seu agasallo, que foi recollido pola súa irmá. Outros 44 participantes acadaron o premio directo dun Estuche de dúas botellas de Albariño Pazo de Seane da Adega Lagar de Fornelos por depositar o pasaporte con, alomenos, 10 selos.

A Ruta Tapearte 2018 recibiu unha gran acollida, depositándose, para participar do sorteo e os agasallos un total de 95 pasaportes.