• Con motivo do aprazamento ábrese un prazo de dous días para recibir inscricións de novas carrozas, comparsas e grupos que puideran concorrer na nova data

Ante a chegada da choiva o desfile previsto para tarde de hoxe, martes 1 de marzo foi aprazado para a tarde do domingo 6 de marzo, respectando o mesmo horario e percorrido: saída ás 17:30h. da Esquina Famosa (Rúa Porto Rico), Rúa Galicia e Rosalía de Castro (Alameda)

Tal e como estaba previsto nas bases do desfile para tal caso, este aprazamento orixinou un novo prazo de inscrición para que grupos, comparsas ou carrozas que non puideran concorrer o martes pero si tiveran dispoñibilidade para o domingo 6 de marzo presenten a súa solicitude xunto coa documentación correspondente. Así mesmo os participantes que estando anotados non puideran acudir na nova data deberán comunicalo neste mesmo prazo, de tal xeito que o venres 4 de marzo publicarase unha nova relación de participantes na que se teñan en conta as baixas resultantes e as novas solicitudes e se faga saber cantos participantes terían opción a compensación económica, xa que esta segue o criterio de orde na anotación.

Este novo prazo de anotación estará aberto durante os días 2 e 3 de marzo, as solicitudes están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica (https://aguarda.sedelectronica.gal/info.0) e os participantes deben coñecer as bases e condicións de participación. Non se admitirán aquelas solicitudes que veñan incompletas ou sen a documentación necesaria.

A vista das previsións meteorolóxicas desfavorables con choivas para a tarde do martes de Entroido, o desfile de Entroido previsto para esta xornada aprázase para o vindeiro domingo día 6 de marzo. Mantense o horario e o percorrido, saíndo as 17.30h. da Esquina Famosa (rúa Porto Rico).
Mañá martes día 1 de marzo farase público un novo prazo de inscrición de dous días para que poidan anotarse novas carrozas, comparsas e grupos e aquelas que xa estaban anotadas e non poidan participar así o notifiquen.

• Neste 2022 retómase o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos para o Martes e se propón unha programación dende o sábado pensada para as crianzas e as familias que non queiran perderse a festa característica destas datas

Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retoma este ano a programación de Entroido, que comezará o sábado 26 de febreiro e rematará o martes 1 de marzo coa celebración do Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.
Na Alameda da Guarda sucederanse cada día actividades de corte sinxelo, que buscan fuxir de aglomeracións sen deixar de achegarnos a música e o humor como ingredientes principais do Entroido.
Se ben os principais destinatarios das actividades son as nenas e nenos, reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fará un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo coa única pretensión de poñer á todalas ao público guardés a bailar e gozar do Entroido, sen importar a súa idade.

SÁBADO E LUNS, PÚBLICO INFANTIL

O sábado ás 17:30h. o polifacético Brais das Hortas presentará o seu último traballo musical “CONSERTASSO NA HORTA”, un feixe de personaxes e cancións de músicas diversas (reggae, ska, punk, hip-hop…) para reivindicar con alegría e amor a vida e alegría da nosa horta: A Santa Compaña cantando un trap, unha avalancha de kiwis, unha pulga punk da praia de Liméns, un soulman cantando cunha escobilla do váter ou un astronauta que vai á lúa cun queixo de Arzúa…

O Luns será Peter Punk o encargado de amenizar a tarde. Un vello coñecido das crianzas guardesas que chega nesta ocasión co seu espectáculo a Chungatrona. Un aparello pensado por un pallaso que manterá ao público en tensión ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e a cara cuberta de tarta. Todo isto, para desatar a risa, a diversión e a tolemia do público: nenas, nenos e maiores.

Mais como a esencia do Entroido se define además do humor, pola música, tralo espectáculo, a Charanga Vaya Panda continuará amenizando a festa polo entorno da Alameda

DOMINGO, DANZAS DO ENTROIDO

O domingo chegará ata a Alameda a compañía de música e baile Pesdelán, que leva mais dunha década buscando ser mais que un grupo de música, eles conseguen a través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Desta volta o reto ven da man de ENTROIDANZAS, un percorrido musical polos diferentes Entroidos do planeta, co que pretenden poñernos a bailar como os folións de Ourense, os paraugas do Frevo de Pernambuco ou os corcovados do centro de Italia.

MARTES DE ENTROIDO, DESFILE E BAILE FIN DE FESTA

Para pechar a programación chegará o desfile de MARTES DE ENTROIDO ás 17:30h., que repetindo o formato que tan bo resultado dera no 2020 contempla unha compensación económica fixa para os dezaseis primeiros participantes, que poderán facelo nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos. As bases xa publicadas na páxina web do concello da Guarda regulan a participación e categorías.
O desfile mantén o habitual percorrido por Rúa Porto Rico, Rúa Galicia e Alameda e contará coa animación do grupo AXÉ BAHÍA que ao final do mesmo ambientarán na Alameda para pechar o gran baile de despedida ata o vindeiro Entroido.

NOTA: cumprindo os protocolos COVID-19 este ano non se contará con carpa para a programación, polo que en caso de choiva as actividades infantís trasladaranse ao Centro Cultural, respectando data e hora, mentres que o espectáculo de Pesdelán ou o Desfile de Entroido serían aprazados a unha nova data.

PROGRAMACIÓN
DO 26 DE FEBREIRO AO 1 DE MARZO

SÁBADO 26 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“CONSERTASSO NA HORTA”, divertido concerto para toda a familia da man de Brais das Hortas.(*)
DOMINGO 27 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“ENTROIDANZAS”, con Pesdelán. Achégate a bailar danzas tradicionais de tódolos entroidos (**)
LUNS 28 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“A CHUNGATRONA” con Peter Punk. Risas aseguradas para cativas, cativos e non tanto (*)
18:30h. Charanga Vaya Panda (**).
MARTES 1 MARZO
17:30 Tradicional desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos. Amenizado por Batucada Axé Bahía, con remate Final na Alameda(**)

NOTA:
*En caso de choiva trasladase ao Centro Cultural
**En caso de choiva cambiarían de data

 

A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades e que arranca xa na xornada deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila.

A programación inclúe, ademais das citas obrigatorias do Desfile dos Colexios(venres 21 de febreiro) e do desfile de Entroido(martes 25), diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras.

A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos da vila cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.

Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:30h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada “Bailongo session” a cargo de “Furry Destroyer”.

O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o “Domingo das Familias” a partir das 18:00h co Concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.

Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil “Abordaxe Pirata” e “Minidisco” de Barafunda e un “Obradoiro de máscaras” de Manunú, a partir das 17:30h na Alameda da Guarda. A “Abordaxe Pirata” é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. “Minidisco” continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.

Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o “Desfile de Entroido” ás 17:30h, con saída dende a “Esquina Famosa” e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada “Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3000€, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.

Menú de Entroido

Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2020

VENRES 21 DE FEBREIRO
DESFILE DOS COLES COA CHARANGA VAIA PANDA
Pola Mañá
Organizan: Colexios da Guarda

SÁBADO 22 DE FEBREIRO,
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto do Grupo Quedequé
E despois: pinchada con “Furry Destroyer”
Alameda da Guarda a partir das 23:30

DOMINGO 23 DE FEBREIRO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Concerto da Gramola Ye Ye
Pintacaras para nenos e nenas con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

LUNS 24 DE FEBREIRO
LUNS DOS NENOS
Espectáculo infantil “Abordaxe pirata” e “Minidisco” con Barafunda
Obradoiro de máscaras con Manunú
Alameda da Guarda a partir das 17:30h.

MARTES 25 DE FEBREIRO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile de comparsas carrozas e grupos acompañados da batucada “Bate no Cobre”
Consulta as bases en www.aguarda.es.
Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda

A Guarda da a benvida ao Entroido 2019 cunha ampla programación de actividades para todas as idades nas que se inclúen o tradicional desfile infantil do venres e o desfile-concurso do martes de entroido, oferta gastronómica especial en establecementos de hostalaría da vila, así coma actuacións musicais, que nesta edición correrán a cargo de «Monk Blues Band», «DJ Guille», «Orquestra D´Moda» e «CÉ Orquestra Pantasma»

Dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía a participar nesta variada e animada programación para gozar do Entroido Guardés que terá inicio o venres 1 de marzo co Desfile dos Coles a partires das 12:00h dende a Alameda da Guarda ata a Esquina do Galo, baixo a organización dos Colexios da Guarda.

A programación continúa o sábado 2 de marzo co «Sábado de Guateque» a partires das 23:30h na Alameda da Guarda, onde os asistentes poderán gozar da música co concerto de «Monk Blues Band» e posterior pinchada retro a cargo de «DJ Guille».

Para a xornada do Domingo día 3 de marzo está programado o «Domingo das Familias», cando a Alameda da Guarda acollerá unha actuación musical da Orquestra «D´Moda» a partires das 18:00h.

O Luns día 4 de marzo os nenos e nenas da vila terán unha actividade moi especial coa «CÉ Orquestra Pantasma», con obradoiros e festa infantil da man de Matrácala a partires das 18:00h na Alameda da Guarda.

Xa para rematar a programación do Entroido Guardés 2019, o Martes día 5 de marzo ás 17:30h celebraráse o Desfile-Concurso de Entroido co acompañamento de «Aviadores Tolos e da Charanga «Vaia Panda», saída dende a Esquina Famosa e chegada á Alameda da Guarda. As inscricións para participar no Desfile-Concurso estarán abertas do 19 ao 26 de febreiro, máis información na web www.aguarda.es.

Menú de Entroido

Ao longo de 4 días 6 establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería – Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2019

VENRES 1 DE MARZO, ás 12:00
DESFILE DOS COLES
Dende a Alameda da Guarda ata Esquina do Galo
Organizan: Colexios da Guarda

SÁBADO 2 DE MARZO,
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto de “Monk Blues Band”
E despois: pinchada retro con “DJ Guille”
Alameda da Guarda a partir das 23:30

DOMINGO 3 DE MARZO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Actuación da Orquesta D’moda
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

LUNS 4 DE MARZO,
LUNS DOS NENOS
Actuación de “CÉ Orquesta Pantasma”, obradoiros e festa infantil da dan de Matrácala
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.

MARTES 5 DE MARZO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile-concurso de Entroido co acompañamento de “Aviadores Tolos” e a charanga “Vaia Panda”
Ínformate en www.aguarda.es e participa en algunha das categorías. Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda

A 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que este ano se celebra na Guarda, celebrou esta mañá a súa inauguración oficial cun desfile de traxes rexionais polas rúas guardesas.

O desfile comezou pouco despois das 11.00 da Alameda e continuou por Concepción Arenal para dirixirse á Praza do Reló baixo a ameaza de choiva que case respectou o percorrido xa que fixo aparición xusto ao chegar á Casa dos Alonso.

Nenos da Guarda abriron o desfile coa bandeira da Federación Española de Clubs Campistas xunto co Grupo Trebón dos Xidos que aportaron o son tradicional galego e que sorprendeu a moitos campistas. No desfile participaron máis de 100 campistas cos seus traxes rexionais, caracterizado pola variedade de cores e elementos propios da vestimenta tradicional de cada unhas das Comunidades Autónomas participantes.

Durante o desfile, veciñas, veciños e visitantes puideron gozar dunha viva mostra da riqueza patrimonial das distintas rexións españolas: desde os característicos lunares e volantes andaluces ata os zocos de madeira asturianos e cántabros, pasando polos chulapos e chulapas madrileñas e as falleras típicamente valencianas.

Xa no interior da Casa dos Alonso e ateigado de campistas e veciños da Guarda deuse comezo ao acto de inauguración da Acampada. O Presidente del Camping Caravaning Club de Galicia, D. Juan Cividanes, organizador desta acampada foi quen de comezar o acto de inauguración emocionado e agradecendo a confianza depositada no seu Club para a organización desta acampada sen esquecerse aos compañeiros que colaboraron para o bo funcionamento desta acampada.

Dona Montserrat Magallanes, Deputada provincial, agradeceu o bo facer do club organizador e convidou a todos os campistas a coñecer en profundidade o noso patrimonio e gastronomía, ¨porque Pontevedra é pedra e auga, pedra do noso importante patrimonio cultural e auga dos nosos ríos e do mar e tamén da choiva que permite esta paisaxe”.

Na intervención do alcalde da Guarda, D. Antonio Lomba, indicou que os campistas gozan dun espazo excepcional no Esteiro do Miño e convidou aos centos de campistas a coñecer en detalle a nosa vila e as nosas xentes ¨contamos con dous BIC o Monte Santa Trega e o seu xacemento arqueolóxico e o Castelo de Santa Cruz, lugares de grande interese¨ e rematou desexando que este encontro sexa un éxito para todos.

Esta acampada é a nivel nacional pero tamén foron convidados clubs portugueses e o presidente da Federación Internacional de Clubs Campistas, D. Joao Alves, felicitou a organización e a vila da Guarda pola boa acollida que tiveron. Pechando o acto interviu o Presidente da Federación Española de Clubs Campistas, D. José Vicente Clemente, quen eloxiou a bo traballo realizado polo CCC Galicia – Vigo como organizadores desta acampada.

Despois das intervencións das autoridades e do intercambio correspondente de agasallos procedeuse á inauguración oficial desta 60ª Acampada Nacional onde todos os asistentes uniron as súas mans cantando o seu himno sendo unha mostra máis do compañeirismo e cariño amosaron os campistas durante a xornada.

Aproveitando a súa estadía na Guarda, a FECC celebrará a súa Asemblea Xeral o venres 30 de marzo, no Centro Cultural, contando coa presenza de representantes de un dos clubs adheridos.

Os preto de 690 campistas participantes nesta nova edición da Acampada Nacional da FECC comezarán a despedirse da nosa vila a partir do domingo, tras máis dunha semana gozando dos atractivos culturais e turísticos da Guarda.

O Entroido comezará na Guarda esta semana e prolongarase durante 5 días cunha ampla programación de actividades e o tradicional desfile-concurso aberto á participación de todos os veciños e veciñas da vila.

O inicio das festas será o vindeiro venres 9 de febreiro co «Entroido dos coles». Nel, o alumnado dos centros de educación infantil e primaria da Guarda amosarán os disfraces elaborados manualmente para a ocasión, cun desfile que partirá da Alameda ás 12 h e percorrerá a rúa Galicia ata a coñecida como «esquina do Galo».

O 10 de febreiro será o «sábado de güateque» co concerto de Rockin’ Gina & the Sentinels na Alameda a partir das 23:30 h. Deseguido, a música retro tomará o paseo, coa actuación de DJ Guille ata ben entrada a madrugada. A música e o baile continuarán o 11 de febreiro co denominado «domingo das familias», no que contaremos coa actuación da orquestra Abanico na Alameda a partir das 18 h.

As cativas e cativos serán os protagonistas do «luns dos nenos», a festa infantil na que poderán gozar dun obradoiro de maquillaxe, xogos xigantes, un baile de disfraces con concurso e un carriño larpeiro de filloas, todo amenizado por unha discoteca móbil na Alameda dende as 18 h.

Martes de Entroido

A gran festa dos disfraces chegará o Martes de Entroido, coa celebración do desfile-concurso no que poderán participar todos os veciños, veciñas e asociacións da vila. As bases contemplan ata cinco categorías diferentes de participación (carrozas, comparsas, grupos, individual-parellas tanto adulto coma infantil) na modalidade de concurso, cunha ampla variedade de premios.

Nesta liña, as 10 primeiras comparsas e carrozas que se inscriban recibirán unha axuda de 200€ como compensación polo traballo e esforzo realizado. As comparsas e carrozas concursarán por un primeiro e segundo premio (dotados de 250€ e 150€, respectivamente) e nas demais categorías repartiranse ata 18 recoñecementos entre os 6 mellor valorados en cada grupo, cun orzamento total de 1.070€. As persoas interesadas en participar poderán ampliar a información nas bases dispoñibles neste enlace  e realizar as inscricións entre o 30 de xaneiro e o 8 de febreiro.

O desfile partirá ás 17:30 h da coñecida como «esquina Famosa» na rúa San Bernardo, para despois percorrer as rúas Porto Rico e Galicia ata chegar á Alameda, onde se darán a coñecer os gañadores en cada categoría do concurso.

Saborear o Entroido

Como complemento ás festas, entre o sábado 10 e o martes 13 de febreiro ofertarase o popular «Menú de Entroido», cunha completa oferta de alimentos típicos dos que se poderá gozar en 7 restaurantes guardeses a un prezo único de 18€.

Os restaurantes adheridos á iniciativa son: Arruaz, Camping Santa Tecla, La Pizzicata. Novo Funil, O Cangrexal, Xantar e Xeito. Recoméndase, con todo, reservar mesa previamente nos restaurantes para asegurar a dispoñibilidade do menú, do que poderán gozar todas aquelas persoas que gusten dos pratos típicos.