O Plan de Sostibilidade Turística en Destino do concello da Guarda inclúe 12 actuacións de gran impacto que repercutirán na modernización e na imaxe turística da Vila.
- O concello da Guarda informa dos pormenores do PSTD as entidades e asociacións que asinaron as cartas de apoio.
O concello da Guarda consegue sacar adiante o “Plan de Sostibilidade Turística en Destino” (PSTD) presentado á convocatoria extraordinaria do ano 2022 que xiraba en torno a enogastronomía.
A candidatura presentada inclúe 12 actuacións de gran impacto no Monte Santa Trega, praia do Muíño, mobilidade, dixitalización do turismo e outras máis especificas como gastronomía, fío condutor do programa desta convocatoria.
Para a elaboración desta candidatura organizouse unha mesa de traballo e realizáronse enquisas, accións necesarias para definir unha candidatura completa, realista e o máis axustada aos criterios marcados polo propio programa.
Na mesa de traballo participaron 12 representantes do tecido empresarial e social da Guarda como empresas de aloxamento, hostalaría, asociacións culturais e deportivas, comunidades de montes,… A candidatura contou cunha memoria de participación que incluía tamén as cartas de apoio destas entidades. A diversidade na participación foi valorada positivamente polo comité do programa.
O alcalde, Antonio Lomba, xunto co departamento de turismo, convocou á mesa para informar e agradecer o apoio das asociacións e entidades participantes a este proxecto. Expuxo o PSTD definitivo que obtivo a aprobación das administracións autonómica e central.
Nesta breve reunión informouse que o orzamento da candidatura superaba os 1,7 millóns de € pero a Xunta de Galicia trasladou que o proxecto tiña que ser reducido a 1 millón de € para ser valorado polo Comité. Esta redución supuxo que certas actuacións fosen reducidas ou alteradas do proxecto inicial.
A pesar da redución do orzamento, o proxecto aprobado mantén actuacións ambiciosas que suporán unha transformación para a nosa vila. Estes fondos europeos deben executarse en tres anos rematando o prazo no 2025.
En definitiva, esta reunión tiña o obxectivo de informar das modificacións sufridas polo proxecto orixinal e tamén de seguir facendo partícipes do proxecto as asociacións e entidades que lle deron o seu apoio.
Comentarios