Aventura, historia e cultura mesturaranse para mergullarse no pasado mariñeiro da Guarda nun novo desafío de ‘Eureka Reto Rural’, unha iniciativa posta en marcha por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través da que se están a realizar xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital e para todos os públicos. Un proxecto que permite ir percorrendo o territorio para descubrir a riqueza dos 14 concellos do territorio dun xeito ameno, divertido e orixinal.
Este sábado 15 de xuño A Guarda acolle un novo encontro no que as persoas participantes terán a oportunidade de explorar a Casa do Pescador, un lugar emblemático que revela moitos aspectos da vida dunha vila mariñeira. A historia dos diques, fundamentais na protección da vila; a atalaia dende onde os vixiantes protexías as costas; a importancia da xente do mar ou das cetáreas e a rica gastronomía guardesa serán outros aspectos que o público irá descubrindo durante o percorrido.
O escape room partirá ás 20.00 horas do Auditorio de San Benito nunha ruta circular de dificultade moderada e accesible. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.
Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, convidou a todas as persoas a participar nestes xogos de escapismo ao aire libre, “unha oportunidade única para conectar co noso patrimonio, fomentar un turismo sostible e promover o coñecemento do noso territorio dunha forma orixinal e entretida. As persoas que participan non só viven unha emocionante aventura, senón que ao rematar levan consigo un anaco da nosa cultura e tradicións”.
Como sinala o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, “esta iniciativa pon en valor o noso patrimonio mariñeiro mediante un xogo que permitirá a veciñanza e visitantes descubrir con maior profundidade a cultura mariñeira, que é a esencia de como se formou a nosa vila. As rúas, as casas e a economía xiraron arredor ao porto”. “Esta actividade será moi interesante e divertida, percorrendo rúas e recunchos do noso porto pesqueiro, polo que convidamos a todas as persoas interesadas a inscribirse para este sábado”, anima o rexedor.
O equipo que consiga superar a proba no menor tempo posible gañará unha experiencia para descubrir a paisaxe natural de Prado, en Gondomar, con cea degustación e aloxamento na Lonquexa do Gañán. Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello da Guarda sorteará un lote de produtos de degustación do mar valorado en 150 euros.
É importante lembrar que será unha fin de semana chea de escape rooms no territorio. Xunto coa cita na Guarda o sábado 15, o domingo 16 de xuño temos outro encontro en Mos para descubrir os segredos da Festa da Rosa tras adiarse a data inicial prevista por mor da choiva. O escape room de Mos sairá ás 11.00 horas do Pazo de Mos.
As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras A Guarda serán:
• 16 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
• 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
• 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
• 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
• 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
• 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
• 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
• 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
• 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
• 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.
Comentarios