Dende hai unhas semanas veciños da Guarda están traballando nos preparativos das alfombras florais, recollendo os materiais vexetais e flores e picando grandes cantidades que van acumulando en caixas. Comezarán coa elaboración das alfombras florais este sábado pola noite e continuarán durante a madrugada.
Os veciños están agrupados por tramos de rúa e as diferentes xeracións das familias traballan para continuar con esta tradición. A noite do sábado é moi especial para os nenos que se esforzan colocando os perfís dos debuxos ou colocando pétalos ou flores con moita paciencia. É importante que os rapaces participen na elaboración para desta maneira que a tradición continúe. Hai uns anos os responsables de cada tramo organizáronse e crearon a Asociación Cultural Alfombras da Guarda para por en valor esta tradicional festa.
A medida que avance a noite os deseños secretos de cada tramo de alfombras irase desvelando. Dende a mañá do domingo poderanse contemplar as alfombras decorativas rematadas incluída a alfombra de sal tinguida de cores, que dende hai décadas sorprende cos detalle dos seus deseños.
A praza do Reló, as rúas Oliva e Hernán Cortes, Praza de Jose María Lomba, rúa Malteses e Concepción Arenal é percorrido das alfombras florais. Ás 18:00 celebrase a Misa na Igrexa parroquial de Santa María en honra ao Santísimo e despois a Procesión, momento de especial emoción para todos os integrantes da Asociación e veciños da Guarda.
Comentarios