Continúa a programación de verán na Guarda con cinema, visitas guiadas, actividades en familia e moito máis

O Concello da Guarda continúa esta semana co calendario de actividades recollido na Axenda de Verán 2020 e na que aparecen reflexadas todas as propostas culturais, formativas, turísticas, deportivas e de ocio que están a disposición de toda a cidadanía guardesa e visitantes ao longo dos meses de verán.

Estas actividades están xestionadas a través de diferentes departamentos municipais e xa se iniciaron a pasada semana con actividades programadas para todas as idades e gustos e que pretenden manter entretidos a veciños e visitantes, pero tendo en conta tamén as medidas de hixiene e seguridade polo COVID-19, polo que teñen lugar en espazos abertos e ao aire libre e cun aforo limitado.

Continúan deste xeito as visitas á embarcación O Piueiro que se repetirán os martes e xoves do verán (agás o 23 de xullo), as visitas regulares ó Monte Santa Trega (de venres a domingo) e as visitas de natureza que se sucederán cada domingo de xullo e agosto.

A programación continúa con novas propostas da Omix para a mocidade e as familias que se realizarán no Castelo de Santa Cruz, con horarios diferenciados en función das idades dos nenos. Información e inscricións na Omix (informacion@aguarda.es)

Destacan as novas propostas culturais para esta semana, entre elas o Cinema na Rúa, na Praza do Reló coa proxección o xoves día 23 de “La Gallina Turuleca” ás 22:30h e un espectáculo de Cabaret no Auditorio de San Benito o sábado 25 de xullo ás 20:30h. Inscrición previa para estas actividades culturais no Centro Cultural (986611850 – centrocultural@aguarda.es)

O venres 24 de xullo celebraráse a Visita de astronomía “Noite de estrelas” no Puntal ás 23:00h. Inscrición previa na Oficina da turismo (986 614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com)

O domingo 26 continúan os “Domingos de natureza e auga”, ás 10:00h. con diversos percorridos polo litoral guardés. Información e inscricións na Oficina de turismo 986614546 ou no enderezo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com

Comentarios

Leave a Reply