29/11/2023 Subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia publicou esta convocatoria de axudas que teñen como obxectivo a posta en marcha de proxectos tractores no sector turístico que promovan a creación de oferta de aloxamento turístico e de restauración na contorna do Camiño de Santiago, priorizando aqueles que teñan un efecto transformador no sector turístico galego en canto á creación de emprego e a posta en valor de elementos patrimoniais senlleiros e de interese cultural de Galicia, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Prazo de presentación das solicitudes ata o 18/03/2024 ou ata esgotar o crédito.

Entidades beneficiarias: Pequenas e medianas empresas e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico nos concellos galegos polos que transcorren os camiños a Santiago.

Tramitación: Axencia de Turismo de Galicia no tels. 981 54 74 05 e 981 54 63 60 ou en fomento.turismo@xunta.gal
Sede electrónica da Xunta (código de procedemento TU503H)

ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES: Creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración en base as seguintes tipoloxías:
– Establecementos hoteleiros.
– Apartamentos.
– Vivendas turísticas.
– Establecementos de turismo rural.
– Albergues turísticos.
– Establecementos de restauración (restaurantes, cafetarías, bares).

Pódense diferenciar dúas tipoloxías de proxecto:

A. Proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística.

Son proxectos tractores con efectos a longo prazo, que contribúan á transición verde e á creación de emprego na contorna do Camiño de Santiago. Os beneficios da actuación non se limitarán á empresa en cuestión, senón ao sector turístico e á sociedade en xeral a través de efectos indirectos positivos.

Os novos establecementos turísticos deberán situarse en infraestruturas emblemáticas do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico de Galicia, segundo as tipoloxías incluídas nos artigos 88 e 91 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Deberán cumprir como mínimo con dúas das seguintes condicións:

• Creación de, polo menos, 5 postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.

• Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.

• Creación dun novo establecemento turístico que promova o turismo sustentable, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe…) ou programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución á sustentabilidade turística.

B. Proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural.

Son proxectos tractores con efectos a longo prazo que compatibilicen a creación de oferta de aloxamento ou de restauración coa posta en marcha dun proxecto cultural dinamizador do turismo na rexión. Os proxectos deberán cumprir a totalidade dos seguintes requisitos:

• A creación do establecemento turístico debe ir unida á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun ben de interese cultural (BIC).

• Polo menos un 80 % da capacidade temporal ou espacial anual destinarase a fins culturais. O requisito de dedicar o 80 % da capacidade temporal a fins culturais deberá acreditarse mediante a achega do programa de actividades anual e/ou do calendario co réxime de visitas, apertura e peche. Este cómputo realizarase en días, de xeito que o BIC poida ser visitable ou se realicen actividades culturais polo menos un 80 % do tempo que o establecemento estea en funcionamento no período do ano natural. Os días en que o BIC sexa visitable, o horario de visitas non poderá ser inferior a 4 horas diarias. Alternativamente, o cumprimento da dedicación a fins culturais poderá complementarse co desenvolvemento de actividades culturais, coa duración que se considere oportuna pola entidade beneficiaria, o que deberá xustificar coa achega do programa de actividades anuais.

No caso de que o 80 % da capacidade espacial se dedique a fins culturais deberá xustificarse o cumprimento do dito requisito mediante a achega dos planos da infraestrutura e acreditación dos metros cadrados visitables ou de desenvolvemento de actividades culturais vinculadas á posta en valor do ben, co réxime e horarios de visitas que estableza a entidade beneficiaria. Os días en que o BIC sexa visitable, a duración das visitas non deberá ser inferior a 4 horas diarias.

Para os efectos de determinar a capacidade espacial do establecemento dedicada a fins culturais poderá incluírse a edificación principal e outras edificacións anexas, así como zonas axardinadas, sempre e cando estean incluídas no proxecto e teñan a categoría de ben de interese cultural.

Diferencianse tres liñas de gasto subvencionable para cada proxecto:

• Liña 1: rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas emblemáticas para a posta en marcha dun novo establecemento turístico (proxectos de reforma e rehabilitación sustentable de edificacións).

• Liña 2: medidas de eficiencia enerxética en edificios emblemáticos para a posta en marcha dun novo establecemento turístico.

• Liña 3: mellora da accesibilidade en edificios emblemáticos para a posta en marcha dun novo establecemento turístico.

Contía da axuda

A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable do proxecto polas intensidades de axuda previstas para cada tipoloxía proxecto.

Os proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística poderán optar ás seguintes contías por categoría de empresa:

– 35 %, no caso das pequenas empresas.

– 25 %, no caso das medianas empresas.

– 15 %, no caso de grandes empresas.

Os proxectos tractores dinamizadores do turismo cultural poderán optar a unha axuda máxima dun 80 % dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2.200.000 euros por proxecto.

DOGA 17/11/2023 Bases reguladoras das subvencións a proxectos tractores para o turismo na contorna do Camiño de Santiago, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503H)

Extrato do 17/11/2023

Corrección de errores 20/11/2023

Comentarios

Leave a Reply