26/04/2023 Ampliación do prazo da subvención a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego

No DOG de hoxe publicouse o acordo para ampliar o prazo da subvención a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego debido a complexidade dos proxectos a presentar.

A Axencia de Turismo de Galicia publicou no DOG do 27/03/2023 a resolución das bases reguladoras da Subvención para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración. Esta subvención xa se pode solicitar dende a Sede electrónica da Xunta co código de procedemento TU503F

A finalidade é conceder as axudas a establecementos turísticos para actuacións que contribúan a unha maior integración coa paisaxe e respecto dos valores ambientais, así como a mellora da fachada e a corrección de impactos paisaxísticos en zonas costeiras, de xeito que contribúan ao embelecemento do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia e a un turismo sustentable.

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

  1. Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
  2. As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

• Prazo de solicitudes ampliado: remata o 26 de maio de 2023.

• Investimentos iniciados a partir do 1 de xaneiro de 2023.

• Prazo xustificar o investimento: do 31 de outubro de 2023

• A Axencia de Turismo de Galicia tramita a presente axuda. Para dúbidas en fomento.turismo@xunta.gal

• Investimento neto admitido ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase a persoa solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.

• A cuantía da axuda por liña:

  • A intensidade da axuda para a liña 1, tecnoloxías ambientais, será ata un 90 % do custo total subvencionable do proxecto. O importe máximo da axuda por proxecto será de 60.000 €.
  • A intensidade da axuda para a liña 2, mellora da fachada turística do litoral, será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto. O importe máximo da axuda por proxecto será de 55.000 €.

Actuacións subvencionables por liña:

a) Liña 1: tecnoloxías ambientais.

  • Creación de contornas que prioricen a luz natural. Inclúe a remodelación das fachadas mellorando a súa orientación, substitución de paredes por cristaleiras, instalación de ventás nas cubertas, instalación de túneles solares e instalación de cortinas finas ou translúcidas, contribuíndo a unha menor utilización de fontes de enerxía para a xeración de luz artificial.
  • Instalación de láminas de control solar nas fiestras para evitar a incidencia excesiva dos raios solares no interior e a perda calorífica no inverno, contribuíndo á mellora do comportamento enerxético do edificio.
  • Construción de invernadoiros acaroados e de azoteas e terrazas verdes para crear un «efecto toldo», de maneira que permita resgardar o edificio da choiva e mellorar o illamento, contribuíndo a unha redución no uso dos sistemas de calefacción e climatización e a mellora ambiental.
  • Instalación de sistemas de aproveitamento da auga. Inclúe a instalación de tanques soterrados modulares, que permiten recoller tanto a auga da choiva coma filtrar a auga procedente do terreo, a instalación de filtros de auga nas baixantes para aproveitar a auga da choiva, así como outros sistemas de aproveitamento de augas residuais ou que reduzan as verteduras ao ambiente.

b) Liña 2: mellora da fachada turística do litoral.

  • Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, como fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, formigón ou morteiro de cemento.
  • Renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.
  • Considerarase como deficiente estado de conservación aquel en que estean os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascado, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntamento.
  • Remate ou renovación do acabamento exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atopárense nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico. Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
  • Revestimento dos muros de cerramento da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizados con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir. Inclúe a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda, así como o que produce o seu mal estado de conservación. Neste caso as actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos.
  • Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Esta subvención regúlase en réxime de NON concorrencia competitiva, é decir, que se regula polo prazo de presentación ata esgotar o crédito

Comentarios

Leave a Reply