A ruta gastronómica Tapearte xa superou o ecuador pero aínda quedan dous fins de semana para gozar das 23 tapas tan variadas que ofrecen os establecementos participantes.

Durante os tres primeiros fins de semana a acollida foi excelente e o número de participantes está a ser moi numeroso.

Esta quinta edición de TAPEARTE que naceu en 2013 está vinculada á elaboración das Alfombras florais do Santísimo. Os veciños xa comezaron cos preparativos das alfombras e levan semanas traballando para elaborar estes tapices durante a sábado 17 de xuño e que se poderá observar en todo o seu esplendor a mañá do domingo 18 de xuño.

A ruta arrincou o venres 19 de maio e celebrarase durante 5 fins de semana por tanto aínda queda a recta final: os venres, sábados e domingos ata o domingo 18 de xuño. Este ano ampliouse o horario atendendo as suxestións dos participantes en edicións pasadas e foi un acerto xa que moitos poden gozar tranquilamente das tapas de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.

Na ruta participan 23 restaurantes e bares do Concello da Guarda e cada un ofrece a súa proposta a un prezo unitario de 2 €. A consumición non está incluída neste prezo. Ademais búscase potenciar o concepto de ruta polo que os participantes dispoñen dun pasaporte coa listaxe dos establecementos adheridos.

Para fomentar a elaboración de tapas de calidade entre os establecementos adheridos organízase o Concurso da Mellor Tapa de TAPEARTE 2017. Os participantes serán os responsables de valorar as tapas e coas súas puntuacións serán os que escollan ao establecemento que elabore a mellor tapa. As tapas valoraranse de 1 a 6, sendo 6 a maior puntuación. Tamén se recoñecerá ao establecementos que ofreza o maior número de tapas.

E os participantes tamén poderán optar a agasallos por participar na ruta. Haberá un premio directo a quen entregue o pasaporte cun mínimo de 15 selos, o premio é un lote de reloxo e bolígrafo do deseñador Antonio Mirou e terán que recollelo na Oficina de Turismo. Tamén haberá un sorteo de 9 mochilas e 9 altovoces inalámbricos entre os pasaporte entregados nas urnas e que conteñan os datos de contacto completos e un mínimo de 7 selos. Haberá urnas para depositar os pasaporte nos establecementos adheridos e na Oficina de Turismo do Concello.

Organiza Concello A Guarda coa colaboración dos 23 restaurantes e bares da Guarda. Patrocina: DISRAMO

 

Hoxe presentouse na Casa dos Alonso a quinta edición da ruta “Tapearte” que naceu en 2013 vinculada a elaboración das Alfombras florais do Santísimo.

A esta presentación asistiron o alcalde Antonio Lomba Baz, a Concelleira de Turismo Montserrat Magallanes e a maior parte dos hosteleiros que amosaron as súas propostas nunha gran mesa. O Alcalde na súa intervención destacou a calidade das tapas que é a mostra do bo facer da nosa hosteleria. Tamén indicou que aumentou o número de establecementos e nesta edición son 23 restaurantes e bares os que ofrecerán a tapa a 2 € (sen consumición).

Pola súa banda, a Concelleira de Turismo resaltou a importancia do traballo dos hosteleiros para que esta iniciativa se leve a cabo un ano máis. Ademais dende a primeira edición a ruta foi crecendo tanto nas datas como no seu formato grazas a boa acollida desta ruta. Para rematar indicou que nesta edición se adiantou o comezo para o peche coincidise coa celebración das Alfombras florais do Santísimo o domingo 18 de xuño.

Polo tanto, a ruta celebrarase durante 5 fins de semana: os venres, sábados e domingos dende o venres 19 de maio ata o domingo 18 de xuño. Atendendo as suxestións dos participantes en edicións pasados amplíase o horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.

Na ruta participan 23 restaurantes e bares do Concello da Guarda e cada un ofrecerá a súa proposta a un prezo unitario de 2 €. A consumición non está incluída neste prezo. Ademais buscase potenciar o concepto de ruta polo que os participantes disporán dun pasaporte co relatorio dos establecementos adheridos.

Para fomentar a elaboración de tapas de calidade entre os establecementos adheridos organízase o Concurso da Mellor Tapa de TAPEARTE 2017. Os participantes serán os responsables de valorar as tapas e coas súas puntuacións serán os que escollen o establecemento que elabore a mellor tapa. As tapas valoraranse de 1 a 6, sendo 6 a maior puntuación. Tamén se recoñecerá ao establecementos que ofreza o maior número de tapas.

E os participantes tamén poderán optar a agasallos por participar na ruta. Haberá un premio directo aos entreguen o pasaporte con un mínimo de 15 selos, o premio é un pack de reloxo e bolígrafo do deseñador Antonio Miró e terán que recollelo na Oficina de Turismo. Tamén haberá un sorteo de 9 mochilas e 9 altavoces inalámbricos entre os pasaporte entregados nas urnas e que conteñan os datos de contacto completos e un mínimo de 7 selos. Haberá urnas para depositar os pasaporte nos establecementos adheridos e na Oficina de Turismo do Concello.

O evento de hoxe permite promocionar a ruta nos medios de comunicación e nas redes sociais. Ademais nesta edición fíxose un esforzo na campaña de difusión con cuñas publicitarias en varias emisoras de radio e colocáronse dúas vallas publicitarias en Tui e Vigo.

Unha vez presentadas as tapas agora tan só hai que decidir cal é o primeiro establecemento onde comezar a ruta.

Organiza Concello A Guarda coa colaboración dos 23 restaurantes e bares da Guarda. Patrocina: Disramo

.

 

 
   

 

O próximo xoves 18 de maio celébrase o Día dos Museos polo que se organizan diferentes obradoiros na Rede de Museos da Guarda para conmemorar esta data.

Durante a fin de semana do 20 e 21 de maio terán lugar os tres obradoiros gratuítos e dirixidos ao público en xeral e nenos a partir dos 7 anos. As prazas para cada obradoiro son limitadas polo que se establece unha inscrición previa 30 minutos antes do comezo do mesmo. Deste xeito, asegúrase que os interesados asistan a actividade en concreto.

O obradoiro de “CERÁMICA CASTREXA” será o primeiro e realizarase o sábado 20 ás 12.30 h no entorno da Ermida de Santa Trega. A inscrición realizarase a partir das 12.00 no MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega, e en caso de choiva farase no interior deste museo. Neste obradoiro os participantes coñecerán as diferentes técnicas de modelado, a transformación do barro en cerámica ou as súas utilidades na vida dun castro. Ademais, empregarán as mans e as ferramentas necesarias para crear a súa peza de cerámica.

O sábado ás 17.00h está previsto o segundo obradoiro “ELABORACIÓN DE NUDOS MARIÑEIROS” no Museo do Mar. A inscrición farase no mesmo museo 30 minutos antes. Os protagonistas deste obradoiro serán os participantes que aprenderán a realizar os nudos mariñeiros das mans expertas de Luis Lomba Martinez, mariñeiro da Guarda xa retirado. Polo que poderán coñecer a importancia dos nudos mariñeiros no traballo dun mariñeiro.

O terceiro obradoiro terá lugar o domingo 21 ás 17.00h no Castelo de Santa Cruz. Ao igual que nos demais obradoiros, a inscrición farase 30 minutos antes no Centro de Interpretación das Fortalezas Fronteirizas. O obradoiro de “HERÁLDICA. DEBUXA O TEU ESCUDO” permitirá aos nenos coñecer a historia da Guarda e debuxar en láminas o seu escudo cunha técnica diferente.

Estas actividades están dentro do marco do Centenario do Museo Arqueolóxico de Santa Trega. Organiza Concello da Guarda coa colaboración do Padroado Municipal do Monte Santa Trega e a Deputación de Pontevedra.

Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público hoxe o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.

A praia de Area Grande e do Muíño obteñen este distintivo como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comezará co arranque estival.

A praia “Area Grande” luciu por primeira vez este distintivo no ano 2009, e dende esa data, todas as tempadas o conseguiu. Pola súa banda, o areal “O Muíño”, renovou a bandeira azul no 2010. Ademais da bandeira azul esta praia fluvial tamén contará co distintivo “Ecoplayas”.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente hoxe, publicouse o resultado.

A Casa dos Alonso foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para realizar unha sesión informativa dirixida principalmente ao sector turístico da comarca do Baixo Miño, que tivo lugar este xoves 20 de abril pola mañá.

Nesta reunión, á que acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes, asistiron representantes de empresas turísticas e negocios do sector tanto da vila como das localidades veciñas. Ante eles o deputado de Turismo, Santos Héctor e Tania Abalde, a consultora que implanta o SICTED, presentaron o proxecto que está a impulsar a Deputación de Pontevedra de asesoramento gratuíto para implantar o distintivo de calidade turística SICTED.

Hai unhas semanas que comezou unha campaña informativa e de captación de novas empresas, e o deputado destacou que máis de 50 empresas xa solicitaron a súa adhesión para acadar este distintivo. Tras a reunión foron moitos os empresarios da zona que tamén se interesaron en ser incluídos no mesmo, xa que as empresas que acaden o distintivo poderán mellorar o seu funcionamento e certificarán que o servizo que prestan é de calidade. O prazo para adherirse ao proxecto da Deputación estará aberto ata o 14 de setembro e todo o que o desexe pode informarse directamente na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Unha vez finalizado este prazo virá a formación e o asesoramento coas empresas e rematarase cunha avaliación. En última instancia será a Secretaría General de Turismo quen valore cales son as propostas que deban ser recoñecidas co distintivo SICTED.

En total existen 203 empresas que contan co distintivo de calidade turística no Destino Rías Baixas da provincia de Pontevedra e, grazas a esta iniciativa poderase mellorar aínda máis a prestación de servizos en lugares tan turísticos como A Guarda, que cada día máis son un referente para o sector.

Como vén sendo habitual, un ano máis o Concello da Guarda organiza diversas andainas coas que se busca ofrecer aos veciños e veciñas alternativas saudables de lecer para desfrutar ao aire libre. Esta actividade volve a estar organizada conxuntamente coa localidade portuguesa de Caminha e nela se ofertan 6 andainas programadas dende a Concellería de Deporte e Patrimonio para este ano 2017.

A primeira das andainas realizouse esta fin de semana, o sábado 25 de marzo, cunha ruta de 17 quilómetros que saíu dende San Xián (O Rosal) para percorrer o Camiño dos Burros pola Serra da Groba ata rematar na Guarda. Esta primeira andaina, que foi gratuíta e para a cal o Concello da Guarda dispuxo dous autocares para trasladar aos participantes ata o comezo da mesma, tivo unha gran acollida con máis de 140 participantes, contando o grupo chegado dende Caminha, que desfrutaron das fermosas vistas e paraxes que ofrecía o camiño.

Para as dúas andainas seguintes, organizadas antes do descanso de verán, o prazo de inscrición pechará o 19 de abril. A segunda andaina será o sábado día 6 de maio. Trátase dunha ruta entre Allariz e Augas Santas, cunha distancia total de 15 quilómetros; e a terceira realizarase o sábado 3 de xuño, nunha ruta de tamén 15 quilómetros, pola Illa de Arousa. En agosto, o luns 28, está programada unha andaina á Romaría de Arga de San Joao en Caminha, na que se poderán inscribir ata o 21 do mesmo mes. Tras o verán, seguirán as andainas con novas rutas en setembro e outubro.

Todos os interesados en realizar as inscricións, consultar calquera dúbida ou obter máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Un ano máis, o Concello da Guarda estará presente na Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 18 ao 22 de xaneiro, a súa 37ª edición.

A Guarda promocionarase no stand de Turismo de Galicia; e a súa participación será destacada como consecuencia da elección este ano, por parte de Turismo Rías Baixas, do Camiño Portugués da Costa como produto turístico para promocionar en FITUR. Este será presentado como tal o xoves ás 12 horas da mañá.

Así, A Guarda terá un protagonismo especial por ser a primeira vila galega da que parte esta ruta do Camiño de Santiago.

Durante estas xornadas a Delegación da Guarda, formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, manterá diversas reunión con maioristas e asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.

Ademais, a técnico de Turismo da Guarda, Rosalía Verde, asistirá á reunión anual no stand de TurEspaña cos destino EDEN (European Destinations of Excellence) para por en marcha os diferentes proxectos e accións para os próximos dous anos.

O concello da Guarda prepárase para as datas de Nadal cuns último días de novembro cheos de opcións e alternativas de lecer e tempo libre para todos os gustos e públicos.

Este xoves 24 de novembro, ás 20 horas, a Casa dos Alonsos acolle a última das Charlas sobre Igualdade organizadas pola Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda. Este ciclo de charlas rematará coa ponencia que leva por título “En busca dunha sociedade máis xusta”.

O venres 25 proxectarase no Centro Cultural, dentro da campaña Invernos de Cine, ás 21 horas, a película “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”. Esta é unha comedia sueca que narra as incribles aventuras dun home de cen anos que non quere deixar de vivir a súa vida ao máximo.

O sábado día 26 ven cargado de actividades para todos os públicos. Pola mañá o recinto do Cámping Santa Tecla acollerá a partir das 10’30 horas a proba de Campo a través na que participan alumnos de colexios e clubs deportivos do Baixo Miño.

Xa pola tarde se celebrará o Obradoiro de decoración “Un adorno para o Nadal Guardés” na Casa dos Alonsos, dende as 15’30 ás 18,30 horas. A cargo do obradoiro estará Maite Lomba, interiorista de Agarimo Interiores, que ensinará aos comerciantes e veciños que queiran acudir a realizar o seu adorno navideño para decorar as fachadas de comercios, casas e portais de veciños da vila. Todos os que desexen saber máis teñen á súa disposición dous vídeos titoriais colgados na páxina do Concello da Guarda e no Facebook de Cultura, tanto para saber que materiais necesitarán para o obradoiro como para poder realizar o adorno dende a casa.

Tamén o sábado temos outra sesión de cine no Centro Cultural da Guarda. Neste caso a película que se poderá ver é “Rango”, filme de animación que seguro fará as delicias de toda a familia o sábado ás 17,30 horas. Xa para rematar un día tan completo, non podía faltar a musica. A Igrexa Parroquial acolle ás 20’30 horas o Concerto de Santa Cecilia organizado pola Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda. Ademais da actuación da agrupación, tamén contará coa participación da Coral Polifónica da Guarda.

Por último, a fin de semana chega á súa fin o domingo 27, día no que se celebra a terceira edición do Trail do Trega que comeza ás 10 horas con saída no Centro Cultural.

Dende o concello agradécese a todas as persoas que fan posible ofertar tantas e tan variadas actividades e espérase que os veciños e veciñas da Guarda se animen a asistir ás alternativas que ofrece a vila para esta última semana do mes de novembro.

Dende o concello da Guarda séguese ofertando un amplo abano de actividades para estes meses de outono, xa en plena preparación das datas de Nadal. Para esta vindeira fin de semana, a última do mes de novembro, o cinema será o gran protagonista do tempo de lecer da vila do Baixo Miño.

A primeira das películas que será proxectada é, dentro da campaña Invernos de Cine: “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”. Esta comedia sueca, que narra as incribles aventuras dun home de cen anos que non quere deixar de vivir a súa vida ao máximo, pódese ver o venres 25 de novembro, ás 21 horas, no Centro Cultural.

Ó día seguinte, o sábado día 26, volvemos a ter unha cita co cinema no Centro Cultural da Guarda. Desta volta será unha película especialmente pensada para un público infantil, pero que pode desfrutar toda a familia e os veciños e veciñas de tódalas idades. Proxectarase, ás 17’30 horas, o filme de animación “Rango”, premiado co Oscar a mellor película de animación e que promove valores como o descubrimento da identidade propia ou o significado da amizade.

Dende a Concellería de Cultura da Guarda anímase a todos a acudir esta fin de semana ao Centro Cultural e desfrutar dunhas películas que prometen diversión e entretemento para todos os públicos.