A falta de calado debido ás mareas baixas provoca que o ferry non poida navegar. Ademais, a escaseza de chuvias das últimas semanas pode provocar que se produzan cancelacións no mesmo día. Por estas razóns, algunhas viaxes teñen que ser canceladas.

Cada semana confírmanse as saídas garantidas segundo a previsión das mareas. Os horarios poden ser consultados na oficina do ferry ou no teléfono 986 61 15 26.

Durante esta semana, dende o día 25 ao domingo 30 de abril os horarios previstos serán os seguintes:

Os horarios son definitivos excepto aquelas saídas con asterisco (*) que non están aseguradas. Ata o mesmo día o patrón do ferry non sabe se terá o suficiente calado. Por isto recoméndase sempre asegurarse chamando ao número de télefono antes citado.

Tras varios anos levando a cabo andainas cunha gran acollida, foron numerosos os participantes das mesmas que amosaron o seu interese por organizar unha saída máis longa, que durase unha fin de semana e na que puideran coñecer novos recunchos galegos.

Finalmente este ano foi posible e vén de realizarse unha saída ao interior da nosa comunidade. Os días 22 e 23 de abril, 53 guardeses, guardesas e veciños da comarca puideron desfrutar dos grandes atractivos cos que conta a Serra Luguesa do Courel. Nunha saída organizada grazas a Eroski Viajes, a proposta do Concello da Guarda, todos aqueles que acudiron volveron máis que satisfeitos tras unha experiencia que incluía a viaxe de ida e volta e pensión completa nun aloxamento rural. Por isto, só tiñan que preocuparse de gozar e espremer ao máximo unha visita nunha paraxe natural incomparable e coa sorte de ter unha fin de semana de tempo estival.

Para mais información sobre as andainas organizadas polo Concello ou para anotarse nas rutas de agosto, setembro e outubro poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Os alumnos e alumnas da clase de 3º da ESO do Instituto A Sangriña están traballando na realización dun mural situado xunto a Alameda, na Rúa Galicia, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes quixeron achegarse este xoves pola mañá ata o lugar.

Esta actividade forma parte de Urban Art Project, un proxecto interdisciplinar da Sección Bilingüe de 3º da ESO do IES A Sangriña, coordinado polos profesores Beatriz Núñez (Plástica), Alfredo Garrido (Música) e Rosana Moreira (Inglés) e que ten como obxectivo implicar á xuventude na vida económico-social da súa vila a través da arte.

Este proxecto comprende a elaboración dun mural-grafitti de benvida á Guarda e un video promocional da localidade destinada ao turismo estranxeiro, para o cal o centro conta coa axuda de Brais Martínez Villa. O resultado final, ese vídeo que se está a realizar, estará colgado na web do concello e de Turismo da Guarda.

A iniciativa, organizada dende o propio centro educativo en colaboración co Concello da Guarda, supón unha oportunidade para que o alumnado participe nun interesante proxecto multidisciplinar que ademais axuda a poñer en valor a riqueza da Guarda e a implicación da súa comunidade educativa.

A Casa dos Alonso foi o escenario escollido pola Deputación de Pontevedra para realizar unha sesión informativa dirixida principalmente ao sector turístico da comarca do Baixo Miño, que tivo lugar este xoves 20 de abril pola mañá.

Nesta reunión, á que acudiron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Turismo, Montse Magallanes, asistiron representantes de empresas turísticas e negocios do sector tanto da vila como das localidades veciñas. Ante eles o deputado de Turismo, Santos Héctor e Tania Abalde, a consultora que implanta o SICTED, presentaron o proxecto que está a impulsar a Deputación de Pontevedra de asesoramento gratuíto para implantar o distintivo de calidade turística SICTED.

Hai unhas semanas que comezou unha campaña informativa e de captación de novas empresas, e o deputado destacou que máis de 50 empresas xa solicitaron a súa adhesión para acadar este distintivo. Tras a reunión foron moitos os empresarios da zona que tamén se interesaron en ser incluídos no mesmo, xa que as empresas que acaden o distintivo poderán mellorar o seu funcionamento e certificarán que o servizo que prestan é de calidade. O prazo para adherirse ao proxecto da Deputación estará aberto ata o 14 de setembro e todo o que o desexe pode informarse directamente na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Unha vez finalizado este prazo virá a formación e o asesoramento coas empresas e rematarase cunha avaliación. En última instancia será a Secretaría General de Turismo quen valore cales son as propostas que deban ser recoñecidas co distintivo SICTED.

En total existen 203 empresas que contan co distintivo de calidade turística no Destino Rías Baixas da provincia de Pontevedra e, grazas a esta iniciativa poderase mellorar aínda máis a prestación de servizos en lugares tan turísticos como A Guarda, que cada día máis son un referente para o sector.

Este mércores día 19 de abril tivo lugar, no Concello da Guarda, a realización do sorteo de agasallos entre os participantes da Ruta do pincho da lamprea do Miño 2017 e o previo reconto do Concurso ao mellor pincho da ruta. Esta iniciativa celebrouse na Guarda as dúas primeiras fin de semanas deste mes de abril e tivo unha gran acollida.

A ruta, que naceu por iniciativa dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar este produto, contou con 8 establecementos que ofreceron pinchos coa lamprea como protagonista a un prezo único de 2 euros. Ademais de degustar a lamprea, esta ruta permitiu aos clientes valoralos e ser xurado do concurso cos votos depositados nas urnas dos establecementos, puntuando do 1 ao 6 cada pincho.

Tras facer o reconto, o resultado foi a elección do restaurante Bitadorna como o establecemento que ofreceu o mellor pincho nesta edición. Ademais, o reconto de papeletas tamén achega un número estimado de pinchos servidos, que nesta edición rondou os 500. As procedencias foron do máis diversas, dende os que viñan da Guarda ou localidades veciñas como O Rosal ou Oia; pasando por xente de concellos de toda a provincia como O Porriño, Nigrán ou Redondela e ata doutras provincias de Galicia ou de fóra, como Madrid ou a vila portuguesa de Braga.

Entre todos os participantes que cubriron e entregaron as papeletas sorteouse esta mañá tres lotes de viño, que serán entregados o vindeiro mércores 26 de abril, ás 12 horas, no Concello da Guarda. Os gañadores foron:

1º- Felipe Vicente González (A Guarda): 3 botellas Rectoral de Umia (Albariño).

2º- Benedicto Sousa Álvarez (O Rosal): 3 botellas Rectoral de Amandi (Mencía).

3º- Rafael Pablo Rodríguez Amenedo (A Guarda): 3 botellas de Alanís (Ribeiro).

Con este sorteo dáse por rematada unha ruta que tivo unha gran acollida e que esperase poder repetir o vindeiro ano, xa que deixou unha gran satisfacción e un bo sabor de boca tanto aos establecementos como aos clientes que participaron e permitiu que moita xente puidera descubrir ou volver a desfrutar dun recoñecido produto local como é a lamprea.

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a Concelleira de Turismo e Comercio, Montse Magallanes foron os encargados de presentar a ‘Ruta do pincho da lamprea do Miño 2017’, que volve este ano á Guarda, este venres ás 10 horas na Casa dos Alonsos.

Esta ruta, que tivo a súa primeira edición en 2014, orixinouse pola inquietude dos pescadores e viveirista da vila por promocionar e dar a coñecer o sabor dun produto da zona como é a lamprea. Este ano, a pesar da escaseza de capturas, volven a organizar unha nova edición, en colaboración co Concello, para mostrar ao público que a lamprea pode estar ao alcance de todos. Con esta finalidade, 8 locais guardeses ofrecerán pinchos coa lamprea como protagonista, a un prezo único de 2 euros, durante as dúas primeiras fin de semanas de abril.

O alcalde e a Concelleira estiveron acompañados neste acto por unha representación dos establecementos participantes, que amosaron aos presentes os pinchos que se poderán degustar durante os días 1, 2, 8 e 9 de abril en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas. Entre estes había hamburguesas de lamprea, fideuá e outras creacións.

O alcalde iniciou a presentación falando do orgullo guardés que sinte cando representa á vila en eventos como FITUR ou a Gala de Turismo Rías Baixas que tivo lugar onte e na que A Guarda recibiu 3 diplomas de Calidade Turística. A sensación é que o bo facer do departamento de turismo é moi apreciado fóra da vila e que é grazas a iniciativas como esta ruta que se da a coñecer todo o que pode ofrecer A Guarda, que é moito.

Pola súa banda a Concelleira quixo agradecer aos establecementos que participan da ruta e aos pescadores e viveirista que orixinaron unha iniciativa moi importante para promocionar un produto da zona que para moitas persoas aínda é un descoñecido e para por en valor a gran calidade da gastronomía guardesa. Tamén agradeceu ós pescadores que impartiron aos escolares da vila as xornadas didácticas ‘Coñeces a lamprea?’ que despertaron un gran interese dos rapaces. O recibimento foi espectacular e os debuxos da lamprea que realizaron nos centros estarán expostos nos locais participantes.

Recordouse que todos aqueles que acudan a estes locais a probar os pinchos serán tamén os xuíces do Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño, puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais, premiarase a fidelidade dos participantes cun sorteo de 3 lotes de vino entre todas as papeletas depositadas nas urnas.

Non queda máis que convidar aos veciños, veciñas e visitantes a desfrutar duns pinchos de gran calidade a un módico prezo, e aproveitar a oportunidade para acompañar esta experiencia gastronómica dunha boa compañía nun lugar tan fermoso como A Guarda.

O mes de abril, que está a piques de comezar, é un dos meses máis destacados dentro da cultura e da literatura con dúas celebracións importantes como son o Día do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, e o Día Internacional do Libro, o día 23.

Con motivo destas celebracións, o Concello da Guarda adicaralle ao libro diversas actividades durante todo o mes, encadradas na campaña “Abril Mes do Libro” que acollerá a Biblioteca Municipal da Guarda. A primeira iniciativa terá lugar esta fin de semana cunha nova cita dos Contos Contados para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, con “Contos de Andersen”. Ademais tamén contará cun posterior obradoiro chamado “O meu libro favorito”, onde se fará un mural utilizando o enxeño e a pintura.

A segunda das actividades da campaña é o “Certame de Microrrelatos”, que está aberto a toda a cidadanía sen límite de idade. Os traballos poden presentarse, do 1 ao 18 de abril, tanto no Departamento de Cultura do Concello de 9 a 14 horas, como na Biblioteca Municipal das 17 a 20 horas ou sábados de 11 a 13 horas.

Os libros tamén serán protagonistas da Semana Santa coa iniciativa “Mochilas viaxeiras de Semana Santa”. E xa nas xornadas previas á celebración do Día Internacional do Libro temos 3 citas coa literatura e a cultura por esta data. O venres 21 de abril o cinema volve ao Centro Cultural, ás 21 horas coa proxección do filme “Al encuentro de Mr. Banks”. E a campaña polo mes do libro remata o sábado día 22, con dúas actividades no Centro Cultural. Pola mañá volven os Contos Contados polo Día Internacional do Libro co espectáculo “As historias de Kamishibai”. E por último, ás 17’30 horas, proxectarase unha nova película relacionada co mundo da literatura: ‘Cenicienta’.

Coa campaña “Abril Mes do Libro” a concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal da Guarda buscan celebrar dúas datas tan sinaladas, como son o Día do Libro e o Día do Libro Infantil e Xuvenil, e tamén aproveitar esta ocasión para promover o hábito da lectura entre os guardeses e guardesas de tódalas idades.

Nos próximas días o Concello da Guarda executará a obra de peatonalización parcial da Praza do Reló. Con esta obra eliminarase o tráfico e aparcamento na maioría da superficie da praza.

O concello informa aos veciños e veciñas que cando estea rematada a obra só poderán circular vehículos dende a rúa Bernardo Alonso a Cervantes, e dende a rúa Colón tamén a Cervantes.

Nesta nova disposición facilitarase un aparcamento para minusválidos e unha zona de carga e descarga. Os carrís de circulación estarán limitados por bolardos extraíbles de aceiro inoxidable e dotarase de mobiliario ao resto da praza.

A intención do Concello con esta actuación é por en valor a Praza do Reló como espazo de convivencia tranquila para todos os veciños e veciñas, dende os máis pequenos ata os avós.

A vindeira fin de semana, na que se da a benvida ao mes de abril, chega á Guarda cunha axenda repleta de citas musicais, culturais e gastronómicas para ofrecer a veciños, veciñas e visitantes dous intensos día de lecer.

No apartado cultural este sábado, 1 de abril, destaca a celebración dunha nova edición dos Contos Contados para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil, con “Contos de Andersen” e o posterior obradoiro “O meu libro favorito”, onde os asistentes realizarán un mural utilizando o enxeño e a pintura. Esta iniciativa é a primeira da Campaña ‘O Mes do Libro’, en conmemoración do Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril. Ademais, nesta senda o sábado ábrese o prazo, que pecha o día 18, para entregar os traballos que queiran participar no “Certame de Microrrelatos 2017” da Biblioteca Municipal. Tamén ese mesmo sábado pola tarde hai celebración no Centro Cultural, neste caso do décimo Aniversario do grupo Coiro Vello, ás 20’30 horas.

O domingo día 2 terá lugar un dos pratos fortes da fin de semana e da tempada, na Guarda: o concerto que dará na vila a cantante Ses. Esta iniciativa, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) dentro do programa “Artellando en Igualdade” e subvencionada pola Deputación de Pontevedra, achegará unha actuación marcada pola linguaxe fresca e directa da artista coa que avoga pola defensa dos valores femininos e a visibilización da desigualdade. As entradas, de balde, están xa esgotadas debido á gran expectación e o bo recibimento da proposta e espérase un cheo completo para o concerto que terá lugar o domingo ás 18 horas no Centro cultural.

E esta fin de semana da comezo a ‘Ruta do Pincho da Lamprea do Miño’ 2017, que organizan pescadores e viveirista da Guarda, en colaboración co Concello, durante as dúas primeiras fin de semanas do mes de abril. O sábado 1 e o domingo 2, e o sábado 8 e o domingo 9, poderanse degustar en 8 establecementos da vila pinchos de lamprea a un prezo único de 2 euros. Esta ruta gastronómica preséntase este venres, 31 de marzo ás 10 horas na Casa dos Alonsos.

Con esta variedade de actividades o Concello da Guarda prepárase para dar comezo ao mes de abril e á súa primeira fin de semana, esperando que a proposta sexa do interese dos guardeses, guardesas e visitantes e convidándoos a participar en todas elas.

Como vén sendo habitual, un ano máis o Concello da Guarda organiza diversas andainas coas que se busca ofrecer aos veciños e veciñas alternativas saudables de lecer para desfrutar ao aire libre. Esta actividade volve a estar organizada conxuntamente coa localidade portuguesa de Caminha e nela se ofertan 6 andainas programadas dende a Concellería de Deporte e Patrimonio para este ano 2017.

A primeira das andainas realizouse esta fin de semana, o sábado 25 de marzo, cunha ruta de 17 quilómetros que saíu dende San Xián (O Rosal) para percorrer o Camiño dos Burros pola Serra da Groba ata rematar na Guarda. Esta primeira andaina, que foi gratuíta e para a cal o Concello da Guarda dispuxo dous autocares para trasladar aos participantes ata o comezo da mesma, tivo unha gran acollida con máis de 140 participantes, contando o grupo chegado dende Caminha, que desfrutaron das fermosas vistas e paraxes que ofrecía o camiño.

Para as dúas andainas seguintes, organizadas antes do descanso de verán, o prazo de inscrición pechará o 19 de abril. A segunda andaina será o sábado día 6 de maio. Trátase dunha ruta entre Allariz e Augas Santas, cunha distancia total de 15 quilómetros; e a terceira realizarase o sábado 3 de xuño, nunha ruta de tamén 15 quilómetros, pola Illa de Arousa. En agosto, o luns 28, está programada unha andaina á Romaría de Arga de San Joao en Caminha, na que se poderán inscribir ata o 21 do mesmo mes. Tras o verán, seguirán as andainas con novas rutas en setembro e outubro.

Todos os interesados en realizar as inscricións, consultar calquera dúbida ou obter máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

O pasado venres día 24 de marzo pechouse na Guarda a tempada de barferencias celebradas na vila durante estes meses de inverno. Durante os pasados cinco meses diversos locais da vila acolleron estas barferencias nas que expertos, profesores e investigadores de recoñecido prestixio realizaron ponencias sobre diversos temas.

A última das barferencias, que tivo como ponente á investigadora posdoctoral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Martín Seijo, versou sobre “A xestión do bosque e do monte polas comunidades da Idade de Ferro”. Ante os asistentes que se achegaron ata o Restaurante O Forte, a arqueóloga e especialista en arqueobotánica expuxo e compartiu os seus amplos coñecementos da temática sobre a cal versou tamén a súa tese pola que obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento. Para isto realizou un breve percorrido pola Idade do Ferro e a relación destas comunidades co bosque a partir da xestión dos recursos forestais, fundamentalmente da madeira. Tras a charla os presentes amosaron o seu interese, debatendo os distintos aspectos tratados e realizando preguntas sobre o tema.

Deste xeito péchase o programa de barferencias 2016/17 co que o Concello da Guarda ofreceu aos veciños e veciñas cinco ponencias nas que se trataron temas tan interesantes e diversos como a minería de ouro ou a historia do Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), que este ano celebra o seu centenario, entre outros.

Dende o Concello agárdase que estas barferencias resultaran interesantes e foran desfrutadas polos guardeses e guardesas e poder así seguir, a vindeira tempada, organizando novas barferencias coas que debater e descubrir novos coñecementos nun ambiente distendido.

No pleno do padroado celebrado este mércores 22 de marzo debateuse a proposta de remodelación do espazo de recepción de visitantes e caseta de cobro de acceso ao Trega. Esta actuación, que xa recibira os parabéns da Comisión permanente, formada polas Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos e polo Concello, foi aprobada por unanimidade dos membros presentes do pleno do padroado.

Fai uns meses a Comisión permanente decidiu encargar a redacción desta proposta ao arquitecto guardés Mauro Lomba, proposta que el mesmo tivo a oportunidade de presentar a todos os membros do padroado.

Basicamente a proposta do arquitecto consiste na construción dunha nova caseta de cobro cos espazos adecuados para o desenvolvemento do traballo que controlará os tres carrís da estrada que sube ao monte; un para o control de visitantes, un carril de servizo para as persoas que suban a desenvolver o seu traballo e profesionais de reparto e un carril de baixada. Na zona do “atallo” peonil máis próxima á caseta proponse a instalación de dúas pequenas edificacións: unha que sirva de zona de recepción e información ás persoas que soben a pé ao Trega e a outra para servizo do encargado da caseta.

Estas edificacións, que distan algo máis de 100 metros, irán unidas por unha lámina que quedará perfectamente integrada no bosque e que simboliza a porta de entrada a unha das iconas da paisaxe e do patrimonio máis importantes de Galicia. A obra deberá contemplar a rexeneración forestal con especies autóctonas do ámbito de actuación.

A partir de agora comeza a fase de redacción deste proxecto que está financiado pola Dirección Xeral de Turismo que ten unha reserva de 200.000€ para invertir no Trega este ano 2017.

A “Ruta do pincho da lamprea do Miño” xurdiu en 2014 da inquietude dos viveiristas e pescadores da lamprea da Guarda para dar a coñecer e promocionar a Lamprea do Miño entre o público como un pincho a un prezo alcanzable.

Moitos só conciben a lamprea como o prato principal nunha celebración especial polo que esta ruta é unha excelente oportunidade para degustar a lamprea como un aperitivo que acompañe ó viño e á boa compañía. Ademais a ruta tamén facilita que proben a lamprea aqueles interesados en coñecer o seu sabor.

Esta ruta tivo unha excelente acollida nas primeiras edicións polo que este ano volvese a organizar a pesar de que no comezo desta temporada houbo poucas capturas. Por esta razón o viveirista e os pescadores do Miño da Guarda seguen apostando pola promoción da lamprea coa colaboración dos restaurantes e bares.

Antes do peche da temporada da captura da lamprea celebrarase esta ruta durante catro días repartidos durante o próximos fines de semana: o sábado 1 e domingo 2 e o sábado 8 e domingo 9 de abril. Polo que veciños da Guarda, visitantes e turistas poderán degustar do pincho da Lamprea do Miño de 11.00 a 13.30 horas e de 19.00 a 20.30 horas a un prezo único de 2 €.

Cada restaurador ten liberdade na creación da súa proposta tendo en conta que o sabor da lamprea dominará nun pincho de calidade e para fomentar esta calidade este ano volvese a organizar o Concurso do Mellor Pincho da Lamprea do Miño entre os restaurantes e bares adheridos. Os responsables de escoller o establecemento co mellor pincho serán os participantes puntuando cada pincho mediante unha papeleta que cumprimentarán e depositarán nas urnas dispoñibles en cada establecemento da ruta. Ademais de coñecer as valoracións dos restaurantes, as papeletas permitirán coñecer un número aproximado de pinchos servidos.

Para premiar a fidelidade dos participantes haberá un sorteo de agasallos entre todas as papeletas depositadas nas urnas. Os 8 restaurantes e bares disporán de papeletas e urnas para facilitar a participación na elección do Mellor Pincho de Lamprea do Miño 2017.

Coñecedes a lamprea?

Neste 2017 a novidade foi achegar a pesca da lamprea aos escolares da Guarda. Polo que dende a Concelleria de Turismo organizouse a actividade didáctica de “Coñecedes a lamprea?” dirixida aos alumnos de 6º de primaria. Durante unha hora os nenos atenderon ás explicación de dous expertos pero xoves pescadores do río Miño, Héctor Morais López e Ismael Sousa Alfonso que amosaron aos nenos a pesca no río Miño e, en especial, da lamprea que agora mesmo atópase en temporada. Máis de 50 nenos e nenas do CEIP Plurilingüe “As Solanas Nicolas Guiterrez Campo, CEIP Manuel Rodríguez Sinde e do CPR San José que pecharon esta xornada asistiron a unha actividade que resultou un éxito debido ao interese mostrado polos escolares. Ademais puideron observar as diferentes redes empregan no Miño, as medidas de seguridade esixidas e para coñecer mellor a lamprea houbo unha réplica de lamprea e unha lamprea viva nun viveiro.

Despois da xornada que tivo lugar no Centro Cultural os nenos elaborarán na aula un debuxo coa temática “Desembocadura do Miño e a lamprea”. Estes debuxos exporanse nos restaurantes e cafeterías que participan na Ruta do Pincho da Lamprea do Miño”.

Despois de permanecer pechado durante os pasados meses de inverno por razóns de mantemento, esta semana o Museo do Mar da Guarda volve a abrir as súas portas aos visitantes, coincidindo co final da estación e co comezo da primavera.

O horario no que os veciños, veciñas e turistas poderán acceder ao museo será de 11 a 14 horas pola mañá e de 16 a 19 horas na quenda da tarde tanto os sábados, domingos e festivos. O acceso ao museo ten un prezo de 1€, pero as visitas son de balde o primeiro sábado de cada mes.

Dende o Concello da Guarda anímase aos veciños e visitantes a coñecer e redescubrir este museo situado nunha contorna tan especial e que forma parte da Rede de Museos da localidade, que completa o Museo Arqueolóxico de Santa Trega e o Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas do Castelo de Santa Cruz.

Tras as boas experiencias dos pasados anos coas andainas impulsadas dende o Concello da Guarda, para o vindeiro mes de abril este organiza conxuntamente con Eroski Viajes unha saída de fin de semana ao Courel na que se poderá desfrutar da gran riqueza natural e paisaxística desta Serra luguesa.

A saída será os días 22 e 23 de abril, unha vez pasada a Semana Santa e xa metidos de cheo na primavera, e nela realizaranse dous percorridos pola Serra. A saída inclúe desprazamento de ida e volta en autocar e pensión completa en aloxamento rural por un prezo estimado de 89 € por persoa.

A saída será o sábado 22 ás 8’30 horas e o regreso o domingo día 23 a partir das 18 horas.

Esta actividade conta con prazas limitadas e os interesados teñen de prazo para realizar a inscrición ata o mércores 29 de marzo. Tanto para realizar estas inscricións como para consultar máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Este pasado mércores 8 de marzo celebrouse en todo o mundo o Día Internacional da Muller. En conmemoración deste día de celebración pero tamén de reivindicación pola igualdade de xénero, o Concello da Guarda programa para esta fin de semana dúas destacadas actividades coa muller como protagonista.

A primeira cita da fin de semana será co cinema este venres 10 de marzo. No Centro Cultural, ás 20’30 horas, proxectarase o filme Visións, que forma parte do programa Cinema e Muller, dirixido por Xisela Franco, producido pola guardesa Beli Martínez e subvencionado pola Deputación de Pontevedra.

Trátase dunha película que consta de dez curtametraxes realizadas por cineastas da provincia de Pontevedra e que son dez olladas xenuínas onde cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica. Nesta mostra de cinema experimental galego xuntáronse dez directoras galegas: Eva Calvar, Olaia Sendón, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Claudia Brenlla, Lara Bacelo, Begoña M. Santiago, Carme Nogueira, Diana Toucedo, Carla Andrade. Deste modo deron a luz unha película de curtametraxes tecida coa inevitable influencia de todas e nun xénero audiovisual que as une e que explora as posibilidades artísticas, xeralmente dentro dun discurso documental e en moitas ocasións autobiográfico.

Tras o filme a directora do mesmo, Xisela Franco, falará de como foi a experiencia creativa e de produción deste proxecto colaborativo e do talento feminino que existe no cinema galego.

A segunda das actividades organizadas dende o Concello da Guarda nesta fin de semana adicada á muller é unha nova cita de Contos Contados. O sábado 11 de marzo ás 11’30 horas, na Biblioteca da Guarda, todos os nenos e nenas que se acheguen poderán participar nunha mañá centrada na Muller Poeta e na que se realizará unha lectura de poemas e un obradoiro de marcapáxinas.

O Concello da Guarda convida a tódolos veciños e veciñas a unirse a unha fin de semana de diversas actividades adicadas á Muller e o seu papel na cultura.

Dende o venres 24 de febreiro as rúas da Guarda enchéronse de cores, disfraces, música e moita troula. A saída do Entroido 2017 a puxo o “Entroido dos coles” o venres pola mañá, cos alumnos e alumnas dos centros escolares da vila como protagonistas.

Estes realizaron un desfile polas rúas da Guarda para amosar os seus disfraces a tódolos veciños e veciñas. O desfile comezou na Alameda e percorreu a rúa de Galicia ata chegar á Esquina do Galo. Puidéronse ver traxes en homenaxe a diferentes artistas como Dalí ou Velázquez, pescadoras/os cos seus produtos do mar, disfraces inspirados en ‘Charlie e a fábrica de chocolate’ e unha gran variedade de froitos da horta como millo, patacas, cenorias, tomates, etc. xunto aos granxeiros e granxeiras, entre outros.

Ó día seguinte, sábado 25, celebrouse o “Sábado da mocidade”. Este incluíu a proxección do filme Vicky El Vikingo pola tarde no centro Cultural e pola noite, na Carpa da Alameda tivo lugar unha velada moi especial. Primeiro co concerto do grupo pontevedrés Gold and Colt, tras o cal chegou pasadas a 1 da madrugada a gran novidade deste ano: o primeiro Concurso Drag Queen Guardés. En total houbo dez participantes e os gañadores foron: La Paca de Fornelos y sus secuaces, Pedroches II e Mikaela. Ó rematar o concurso, seguiu a troula coa “Festa hortera” a cargo de DJ Celig.

Tamén o domingo 26 houbo moita música polo “Día das familias” a cargo da orquestra Carambola na Carpa da Alameda ás 18 horas. Xa o luns de carnaval os nenos e nenas guardeses volveron a ser o centro da festa con varias actividades adicados a eles. Pola mañá, na Biblioteca Municipal realizouse un Obradoiro de Máscaras e Pintacaras. Pola tarde, ás 18 horas na Carpa da Alameda, puideron desfrutar da divertida actuación do Trío Refugallo, comprobando como se pode facer música con calquera obxecto. A partir das 19 horas a festa continuou da man do Grupo La Tingana.

E para rematar o entroido guardés por todo o alto, o martes 28 estaba programada a celebración do Desfile-concurso de carrozas e comparsas. O mal tempo fixo que fora aprazado ata o sábado 4 de marzo día no que, esta vez si, os participantes puideron tomar as rúas da Guarda e enchelas de monxas, vikingos, artistas de circo, bolboretas e decenas de traballados disfraces. Tras o desfile foron anunciados os gañadores dos premios do Concurso. O primeiro premio da categoría de carrozas, dotado con 250 €, foi para a carroza ‘África’ de Ana Pereira Castro. O segundo posto, cun premio de 150€, foi para ‘O xardín encantado’ da Asociación STUDIO 88.

Na categoría de comparsas o primeiro e segundo posto, cun premio da mesma contía que na categoría de carrozas, foron a parar a ‘Duendeoiavai’ do Club As Lebre de Oia e a ‘Felicidade dos maiores’ do Club da 3ª Idade, respectivamente. A categoría de grupos quedou deserta.

No apartado individual, na categoría xuvenil-adulto, o primeiro premio de 90€ foi para o disfraz ‘La última guerrera’. En segundo posto quedou Publio Quintili Varo, cun premio de 70 €, e en terceiro lugar, con 50€, ‘GO – GO’. Na categoría infantil o primeiro premio, de 90€, foi para ‘El pirata y su tesoro’. En segundo lugar, os 70€ foron ás mans do disfraz ‘Arabia Saudí’ e os 50€ do terceiro os recibiu ‘Chino Taxi’. En cuarto posto, con 30€, quedou a ‘Bailarina rusa’ e coa mesma dotación económica recibiron o quinto premio ‘Os piratas da Cunchada’ e o sexto ‘Alicia e a Reina de corazóns’.

Coa celebración do desfile e da festa do Sábado de Piñata a partir da medianoite, rematou o sábado 4 de marzo un entroido cargado de actividades e festa do que os veciños e veciñas conseguiron despedirse por todo o alto, vencendo incluso á choiva.

A técnico de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde, asistiu o 21 de febreiro en Madrid a unha reunión convocada pola Secretaría de Estado de Turismo, co obxectivo de coordinar actuacións e propostas para a promoción dos destinos turísticos da Rede EDEN.

A reunión comezou coa intervención de Antonio Nieto, Subdirector General de Cooperación y Competitividad Turística da Secretaría de Estado de Turismo, e asistiron técnicos de turismo doutros destinos EDEN, persoal de TURESPAÑA e de SEGITTUR.

Nesta reunión abordáronse cuestións como a visibilidade dos destinos EDEN nas actuacións de promoción estatais e en mercados internacionais, elaboración dun plan de marketing, xestión de contidos nos portais turísticos de TURESPAÑA, etc.

Un dos temas claves da reunión foi a posibilidade de constituír a “Asociación Española de Destinos de Excelencia (EDEN)” que facilitará a coordinación coa Secretaría de Estado de Turismo e permitirá un contacto máis fluído coa Rede Europea de Destinos EDEN, e as posibles actuacións de promoción conxuntas.

Como cada ano, dende o Concello da Guarda organízanse diversas andainas coas que se busca ofrecer aos veciños e veciñas alternativas de lecer saudable e ao aire libre. A primeira destas andainas terá lugar o sábado 25 de marzo, cun percorrido de 17 quilómetros. A saída realizarase dende o Camiño dos Burros en San Xián (O Rosal) ata chegar á Guarda. Esta andaina é gratuíta e as inscricións poderán realizarse ata o 20 de marzo xa que se emprega un autocar para o traslado dos participantes ata o inicio da ruta.

Este ano volveuse a organizar esta actividade conxuntamente coa localidade portuguesa de Caminha e na que se ofertarán 6 andainas programadas dende a Concellería de Deporte e Patrimonio para este 2017.

Para as dúas andainas organizadas antes do descanso de verán o prazo de inscrición pechará o 19 de abril. A segunda andaina será o sábado día 6 de maio. Trátase dunha ruta entre Allariz e Augas Santas, cunha distancia total de 15 quilómetros; e a terceira realizarase o sábado 3 de xuño, nunha ruta de tamén 15 quilómetros, pola Illa de Arousa.

En agosto, o luns 28, está programada unha andaina á Romaría de Arga de San Joao en Caminha, na que se poderán inscribir ata o 21 do mesmo mes.

A seguinte será en setembro, o sábado día 16, e proponse unha ruta de 22 quilómetros polas Fortalezas do Baixo Miño. A última terá lugar o sábado 7 de outubro, cunha ruta polas Lagoas de Bertiandos e S. Pedro (Ponte de Lima). O prazo de inscrición para estas dúas andainas estará aberto ata o 30 de agosto.

Todos os interesados en realizar as inscricións, consultar calquera dúbida ou obter máis información poden poñerse en contacto coa Oficina de Turismo da Guarda de maneira presencial de 9 a 14 horas de luns a venres, no teléfono 986 61 45 46 ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

.

O servizo do ferry que une A Guarda e a localidade portuguesa de Caminha verá interrompida temporalmente a súa actividade, por mor dos traballos de revisión obrigatorios, o 2 de marzo a partir das 13’30 horas.

Este xoves 2 de marzo, pola tarde, o ferry será levado ao astelario para realizar as correspondentes tarefas de revisión obrigatorias co fin de renovar os certificados de navegabilidade necesarios para continuar a súa actividade.

As travesías quedarán, por tanto, suspendidas ata novo aviso. En canto se teña coñecemento, informarase do día e hora no que o ferry retome o seu servizo.

O pasado luns 20 de febreiro tivo lugar a mesa de traballo entre o Concello da Guarda e os establecementos adheridos á campaña de atención ao peregrino que se porá en marcha nas próximas semanas.

A esta mesa de traballo asistiu o Alcalde, os concelleiros de Turismo e de Patrimonio e unha representación dos establecementos adheridos. A reunión permitiu informar dos pasos que se foron dando dende o 2009 co recoñecemento deste camiño ata acadar a súa oficialidade en 2016. Deuse conta das accións que o Concello da Guarda puxo en marcha para mellorar o Camiño do Portugués da Costa como a sinalización, apertura do albergue e diversas iniciativas de divulgación e coñecemento do camiño. Ademais informouse da promoción en FITUR do Camiño Portugués da Costa e se proxectou o novo vídeo promocional do camiño elaborado pola Deputación de Pontevedra

O Camiño Portugués da Costa non deixa de crecer en número de peregrinos e xa é habitual a imaxe destes percorrendo as rúas da Guarda. Moitos continúan cara O Rosal e Oia despois de cruzar o río Miño e outros escollen o albergue ou os establecementos hoteleiros da Guarda para pernoctar.

En 2016 duplicouse o número de peregrinos que pernoctaron no Albergue da Guarda. Consultados outros concellos e albergues do camiño como Esposende, Oia e Baiona nos trasladaron que tamén duplicaron os seus rexistros polo que se confirma esta tendencia.

Co paso dos anos, por tanto, o volume de peregrinos foi aumentando e imos coñecendo mellor as súas necesidades. Por isto en 2016 comezouse a traballar consultando ao sector hostaleiro e comercial da Guarda e, despois destes primeiros contactos, son 32 os establecementos adheridos á mencionada campaña. Restaurantes, empresas de aloxamento, cafeterías, pastelerías, panaderías e comercio artesán estarán nun folleto informativo que será distribuído aos peregrinos e onde se informará dos horarios dos almorzos, menús especiais ou descontos para peregrinos.

A finalidade desta campaña é facilitar a estancia dos peregrinos ofrecendo os horarios e promocións dirixidas aos peregrinos para que gocen dunha experiencia de calidade na Guarda.

Arruaz, Brisamar, Camping Santa Tecla, La Pizzicata, Novo Funil, Xantar e Xeito son os sete restaurantes da Guarda que neste Entroido propoñen desfrutar dun dos pratos por excelencia da gastronomía galega: o lacón con grelos.

O Menú do Entroido repite na Guarda trala boa acollida do pasado ano e organízase novamente ampliando datas. Dende o venres 24 ata o martes 28 de febreiro, tanto para o xantar como para a cea, poderemos degustar o Menú de Entroido nos restaurantes adheridos.

Os sete restaurantes participantes ofrecerán este menú por un prezo de 15 € por persoa, que estará composto por un primeiro prato de caldo, un segundo de lacón con grelos e unha sobremesa tamén típica nestas festas: filloas ou orellas de Entroido. Incluídos viño e café.

Os veciños, veciñas e visitantes, coñecedores da relevancia da cociña tradicional no noso pobo e da súa calidade, teñen nestas datas a posibilidade de saborear este prato típico a prezos populares que pode ser a escusa perfecta para organizar esa comida ou cea de Entroido cos nosos familiares e amigos.

Recoméndase a reserva previa cos propios restaurantes para que o servizo ofrecido sexa o mellor posible.

O vindeiro 24 de febreiro cúmprense 180 anos dende o nacemento da escritora máis recoñecida e ilustre da literatura galega: Rosalía de Castro. Con motivo deste aniversario tan especial, dende a Concellería de Cultura da Guarda celebrarán a data coa “Semana por Rosalía”, cinco días de actividades adicados a ensalzar e coñecer máis unha figura clave da cultura galega.

Unha das actividades programadas é “Rosalía na Escola” e desenvolverase do luns ao mércores, entre os días 20 e 22 de febreiro. Durante eses tres días Maruxo ofrecerá un recital de poemas nos centros de primaria da vila.

Tamén os días 20 e 21 de febreiro os alumnos e alumnas dos centros de secundaria da Guarda realizarán un “Mural por Rosalía”, cun deseño para render homenaxe á autora.

Ademais, ese xoves 23 de febreiro o concello da Guarda organiza o “Festival por Rosalía”, no Centro cultural ás 20’30 horas. Nesta celebración da vida e obra da ilustre escritora haberá un recital de poemas de Rosalía a cargo de Maruxo e de rapaces da vila, ademais das actuacións de Coro Fuscalheiro, Son’Godins e o grupo de baile Xamaraina.

Para rematar esta semana adicada a Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro terá lugar unha nova sesión de Contos Contados, ás 11’30 horas na Biblioteca Municipal, na que os máis cativos da vila tamén aprenderán a importancia dunha poetisa que marcou un antes e un despois na cultura e na literatura galega e española.

Unha fin de semana máis, A Guarda ofrece diversas posibilidades de ocio aos seus veciños, veciñas e aos visitantes que se achegan á localidade.

A primeira cita desta fin de semana será cunha nova barferencia da programación do Inverno 2016/17 que está a ter lugar estes meses na vila. Nesta ocasión a ponencia terá como tema “A Cidade dos nenos” e correrá a cargo de Mónica Martínez Baleirón. Esta profesora e tradutora falará na Cervecería The Celtic Harp, a partir das 20’30 horas, acerca do libro do pedagogo Francesco Tonucci que ela traduciu ao galego. Exporá, por tanto, un modelo e xeito de entender a cidade creado polo italiano e que xa se está a levar a moitas urbes europeas, como Pontevedra. Ten como base a idea de que unha cidade á medida da infancia redunda nunha mellor calidade de vida para todos.

O sábado 18 de febreiro a compañía A Tropa Trapalleira estreará, ás 17’30 horas no Centro Cultural, o espectáculo familiar “Pequena trapallada e algunha que outra batalla”. Tal e como eles o definen, este será un espectáculo para nenos e nenas de 6 a 99 anos que fará reflexionar ao público asistente sobre o absurdo da guerra e as súas consecuencias. A través do traballo corporal dos actores e apoiándose na música e na videocreación, constrúen un universo de diversión no que se poñen en valor cousas tan importantes como a amizade, o respecto, o compañeirismo e o humor. Trátase dun catálogo de trapalladas bélicas que, a través do humor, pretende invocar a tolerancia e a solución pacífica dos conflitos como bálsamo necesario nestes inquedantes tempos armados.

Os tickets para esta función son balde e poden recollerse durante toda a semana, ata agotarse, no Centro Cultural en horario de 10 a 13 e de 17 a 20 horas de luns a venres, e o propio sábado durante a mañá de 10 a 13 horas.

O día grande do “Entroido guardés 2017” terá lugar o martes 28 de febreiro coa celebración do Desfile de Entroido. Todos os interesados en participar poden consultar aquí as bases do Desfile-concurso así como a folla de inscrición que deben encher para participar.

Neste desfile-concurso os participantes percorrerán as rúas guardesas coas súas carrozas e comparsas. O prazo para anotarse nas diferentes categorías (carrozas, comparsas, grupos, individual e parellas infantil, individual e parellas xuvenil-adulto) estará aberto ata o 22 de febreiro. A saída do desfile será ás 17,30 horas da Esquina Famosa. Poden consultar o resto de información sobre o desfile nas propias bases.

BASES DESFILE-CONCURSO “ENTROIDO GUARDÉS 2017”

FOLLA DE INSCRICIÓN “ENTROIDO GUARDÉS 2017”

A Guarda estivo presente promocionando o seu turismo e a súa gastronomía na 18ª edición de Xantar, que acolleu o recinto Expourense, dende o 1 ao 5 de febreiro. Durante os cinco días nos que se celebrou o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que este ano recibiu a máis de 24.000 persoas, os visitantes achegábanse ao stand do Concello da Guarda con diversas consultas. Entre os temas de interese, a consulta máis común foi a data de celebración da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que este ano se celebra o primeiro fin de semana de xullo, os días 1 e 2; sendo o pregón o venres 30 de xuño.

No transcurso desta Feira, no stand do Concello da Guarda, ofreceuse unha degustación da Rosca de Xema, que tivo unha excelente acollida. Moitos xa coñecían este postre de anteriores visitas á Guarda, e aqueles que non o coñecían alabaron a súa dozura e mostraban interese en saber máis da súa elaboración. Ademais recoñecían que era un motivo máis para visitar proximamente A Guarda.

No marco das numerosas actividades organizadas en Xantar destacou o concurso de carteis de festas gastronómicas, no cal participaron carteis de Galicia e Portugal. O Concello da Guarda remitiu a este concurso o cartel da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira de 2016, que resultou gañador do segundo premio.

Deste xeito o domingo rematou unha feira de gran importancia, dado que é o único salón especializado en turismo gastronómico en España, que conta coa catalogación de Salón Internacional, e que ten como obxectivo impulsar o turismo de proximidade en Galicia. Nesta edición de Xantar o Concello da Guarda puido mostrar aos miles de visitantes, principalmente de toda a provincia de Ourense, así como do norte de Portugal, de León e da provincia de Lugo a súa riqueza paisaxística, cultural, gastronómica e turística, que fan da vila un dos principais destinos turísticos galegos.

Unha semana máis o Centro Cultural da Guarda acolleu un destacado evento cultural. A pesar do mal tempo da pasada fin de semana, numerosas persoas achegáronse o venres día 3 de febreiro á presentación da publicación “Camiños da Imaxe”.

Ante veciños e veciñas, representantes do goberno local e os deputados provinciais Montse Magallanes, Xosé Leal e Javier Dios, presentouse un libro que fala da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”. Trátase dunha obra que xa foi exposta ao público na exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

O acto foi inaugurado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, que agradeceu a tódolos asistentes a súa presenza e tivo un especial recoñecemento para a concelleira e a técnico de cultura pola paixón e esforzo postos neste proxecto. Ademais destacou que, fronte ás persoas que pensan que na Guarda non pasa nada, existen outras que crean e xeran espectáculo, como o homenaxeado Costiña. Tamén salientou a labor de Proxecto Socheo, responsables da exposición e da publicación, e por suposto, puxo en valor a figura de Costiña e da súa obra, entre a que se atopan uns filmes que levan aos guardeses e guardesas á súa infancia e á historia máis íntima da vila.

A seguinte intervención foi a de Ricardo Silva, portavoz da familia de Costiña, que agradeceu aos veciños, amigos, familia e autoridades pola súa presenza, así como as palabras do alcalde e o traballo de Proxecto Socheo. Expresou a satisfacción plena como familia por esta homenaxe, moito máis do que puidera soñar un fotógrafo como foi Costiña, un artesán da fotografía vencellado ás xentes máis humildes.

Pola súa banda o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, expresou a súa alegría por acudir á Guarda a un acto como este. Presentouse, afirmou, unha publicación que amosa un gran cariño polo eido e o patrimonial audiovisual da vila, de gran importancia para recordar o pasado e para que o podan desfrutar tódalas xeracións. Destacou a Costiña como unha persoa que apostou polo cinema, algo difícil hoxe, canto máis na súa época.

A continuación Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, realizaron unha detallada presentación do libro. Primeiro agradeceron o apoio do Departamento de Cultura do concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, que permitiu a materialización da publicación. Así como dos familiares de Costiña, en especial as súas netas, por facer posible o acceso ó arquivo do fotógrafo.

Todo isto permitiu realizar unha publicación que, afirmaron, conta con textos de grandes expertos do cinema, tanto locais como estatais, que acompañan á obra do fotógrafo. Tamén falaron dos capítulos da publicación, que inclúe diferentes temas como a propia figura de Costiña, A Guarda na época, a fotografía neses anos, etc. A Guarda, afirmaron, é terra de nacemento e paso de grandes fotógrafos.

Ademais, compartiron un vídeo-ensaio sobre os filmes de Costiña, uns filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés. Neste vídeo expuxeron datos sobre a vida do autor, as súas técnicas de filmación, a montaxe, os planos e secuencias, os movementos de cámaras, a experimentación coas luces e imaxes que marcaron a obra de Costiña, e os diversos valores do seu traballo, dos cales o principal é o seu valor documental.

Para concluír a velada, os presentes puideron desfrutar do visionado do filme de Costiña, acompañados dunha interpretación musical en directo do pianista Karolis Biveinis. Este foi un momento moi emotivo, no que se puido ver como os presentes se divertían antes as ocorrencias das fillas do fotógrafo, grandes protagonistas do filme. Tamén se viron imaxes de temporais da época na costa e dos mariñeiros, así como diversos paisaxes e lugares da vila, que o público recoñecía a pesar do paso dos anos. Deste xeito rematou unha noite moi especial de homenaxe a unha das figuras máis destacadas da historia e da cultura da Guarda.

Este venres, 3 de febreiro, o Centro Cultural da Guarda abrirá as portas do seu Salón de Actos para acoller a presentación da publicación “Camiños da Imaxe” a partir das 20’30 horas. Trátase dun libro que inclúe a obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido como “Costiña”, obra que xa foi exposta ao público nunha exposición do mesmo nome que estivo na Casa dos Alonsos o pasado verán, con gran éxito de asistencia.

Na presentación deste libro estará o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e Ricardo Silva como portavoz da familia de Costiña. Ademais a presentación estará ao cargo de Xurxo González Rodríguez e Beli Martínez, de Proxecto Socheo, comisariados da exposición do verán.

Neste evento presentarase unha publicación que recolle a obra do fotógrafo e filmógrafo guardés Costiña, pioneiro do cinema guardés, do que foron atopados e dixitalizados os seus filmes familiares realizados entre 1926 e 1929, que supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.

A presentación irá seguida da proxección destes filmes de Costiña, nos que se poden ver paisaxes locais como a costa, o monte, o Porto e incluso a chegada da flota pesqueira ó Berbés (Vigo); así como escenas da vida cotiá protagonizadas pola familia do fotógrafo, especialmente polas súas fillas Joaquina e Celia. A proxección estará acompañada por unha interpretación musical do pianista e compositor Karolis Biveinis.

Con este acto completarase unha completa semana de actividades realizadas en torno á obra de Costiña e que é resultado dunha inquedanza mostrada dende o concello da Guarda, tras a exposición que tivo lugar no verán, para realizar un esforzo por dar a coñecer a obra de Costiña a tódolos guardeses e guardesas. Con este obxectivo durante esta semana traballarase cos colexios de primaria da vila nos que Xurxo, de Proxecto Socheo, impartirá unha unidade didáctica aos alumnos dos colexios para que coñezan a obra de Costiña e a importancia do autor guardés. A vindeira semana tamén se continuará esta labor de difusión coa proxección das imaxes nas asociacións de Avelaíña e San Xerome, así como na Residencia da 3ª Idade e en Centros da E.S.O.

Ademais, o mesmo día da presentación do libro volverá a estar aberta ao público a exposición “Camiños da Imaxe”, que permanecerá no Centro cultural ata o sábado 18 de febreiro. Poderá ser visitada de luns a venres en horario de mañá, de 10 a 13 horas, ou de tarde, de 17 a 20 horas. Os sábados só en horario de mañá.

Deste xeito os guardeses e guardesas que non puideron acudir á exposición no verán teñen unha nova oportunidade de coñecer as fotografías e imaxes de Costiña e aqueles que xa a viron poderán volver a desfrutar da excepcional obra dun guardés ilustre.

Este ano 2017 conmemorase unha data moi sinalada para a vila da Guarda e a súa historia: o centenario do Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega (MASAT), e o sábado 28 de xaneiro tivo lugar a primeira das actividades programadas para celebralo.

Nun Centro Cultural completamente cheo, o historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez presentou o seu libro “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, 3ª parte”. Trátase da terceira e última parte da súa triloxía sobre a Sociedade Pro-Monte, creadora do propio MASAT, e que completa os dous anteriores volumes publicados en 2004 e 2014.

Ao acto acudiron numerosas autoridades locais e provinciais, así como veciños da Guarda e doutras vilas da contorna. Os encargados de inaugurar o evento foron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo.

O alcalde deu comezo á presentación agradecendo a tódolos asistentes por encher o Salón de Actos, demostrando así a gran importancia que esta data tiña para toda a Comarca do Baixo Miño. Ademais, puxo en valor o traballo de Villa e da propia Sociedade Pro-Monte, á que asegurou os guardeses e guardesas lle deben o traballo de dar a coñecer a riqueza da xoia que é o Monte Santa Trega e aos que se pode considerar como os fundadores do turismo da Guarda.

Pola súa banda o concelleiro de Patrimonio tamén destacou e agradeceu a asistencia dos presentes a unha presentación que se ofrece tras varios anos de traballo de investigación e documentación do historiador acerca da Sociedade Pro-Monte e do propio Monte Santa Trega. Ademais mostrou o seu agradecemento persoal a Villa por invitalo a presentar este libro, para o cal falou de xeito detallado do autor, do contexto histórico que abarca a obra (1939-1979) e do propio libro.

Tras a introdución do alcalde e do concelleiro, o autor realizou a presentación dunha obra coa que, afirmou, pecha unha triloxía que lle permitiu ter o pracer de estudar a Sociedade Pro-Monte. Para o autor a importancia desta sociedade, que considera unha das sociedades culturais máis importantes da Guarda e de Galicia, radica en que conseguiron que o Trega sexa a día de hoxe o segundo lugar máis visitado de toda Galicia, tras a Catedral de Santiago.

Esta terceira parte é a máis ampla e complexa das tres, xa que abarca un período de tempo máis amplo e recente. Isto supuxo para o autor vantaxes e inconvenientes. Por un lado, existen máis fontes documentais (unha das grandes fortalezas da súa obra) e testemuñas que podan aportar datos o acaecido durante o período. Pero por outro tamén hai máis versións contraditorias entre os que viviron eses anos, polo que é máis importante acudir a fontes documentais.

As palabras do autor, do concelleiro e do alcalde durante a presentación estiveron acompañados de documentos gráficos de gran valor que se podían ver na pantalla do escenario como vídeos de acontecementos históricos da época, fotografías dos seis presidentes que tivo a Sociedade Pro-Monte durante eses 40 anos, ou imaxes das diversas fontes e materiais documentais ás que tivo acceso o autor para realizar a obra.

Despois da presentación o autor asinou os libros que os asistentes adquiriran antes do evento, pois tanto antes como despois xa se puxeron á venta, dando por rematada así a que foi para todos unha velada histórica para a vila da Guarda e para os guardeses e guardesas.

O historiador e investigador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez presenta o seu último libro “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, 3ª parte” no Centro Cultural da Guarda este sábado 28 de xaneiro ás 20,30 h. Trátase do terceiro volume da súa serie de libros na que fala da historia desta sociedade pero tamén da propia sociedade e vida política da Guarda. Nesta nova obra, que abarca dende o ano 1939 ata o 1979 e leva por subtítulo “unha larga e fructífera permanencia”, continúa a afondar noutra etapa da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. O libro ven a completar os dous volumes anteriores: “La sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1ª parte: 1912-1928)” e “La sociedad Pro-Monte Santa Tecla (2ª parte: 1928-1939).

A presentación deste novo libro do historiador da Guarda forma parte das actividades encadradas na celebración do centenario do MASAT, o Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega, que foi creado pola propia Sociedade Pro-Monte no ano 1917. Ademais ten lugar unha semana despois da barferencia que Villa ofreceu o venres pasado, 20 de xaneiro, na Cafetería Alameda na que expuxo os seus amplos coñecementos sobre os “100 anos de Museo no Monte”.