Os cinco gañadores do sorteo da Ruta Petiscos con Arte recolleron esta mañá os lotes de viño albariño Gran Novás da man do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e o xerente da Adega Gran Novás, Arturo Conde.

Os rosaleiros Carmen María Martínez e Ricardo Martínez, o tudense Víctor Manuel González Souto (Tui), e os guardeses Eva Martínez Trigo (A Guarda) e Daniel Baz Vicente (A Guarda) resultaron ser os premiados entre as máis de 1.400 persoas participantes no sorteo da ruta, para cuxa participación debían entregar o boleto cuberto cos seus datos tras a cata dun dos petisco.

Preto dun 60% das persoas participantes no sorteo son veciños e veciñas da Guarda, namentres a porcentaxe restante complétase principalmente con persoas procedentes da comarca (Tui, O Rosal e Oia) e localidades como Vigo, Salvaterra e Marín, ademais doutros visitantes procedentes de Ourense ou Madrid.

O rexedor local aproveitou o acto de entrega dos lotes para agradecer o apoio prestado nesta primeira edición da ruta tanto polos establecementos como polos artistas, así como polas persoas participantes en calidade de ruteiros e ruteiras. Arturo Conde, xerente da Adega Gran Novás, presente no acto, tamén recibiu o agradecemento por parte dos organizadores, pola súa colaboración nesta iniciativa coa cesión dos 5 lotes de viño.

Dada a boa acollida da iniciativa, ámbolos dous representantes incidiron na vontade de repetir anualmente o evento gastronómica, contribuíndo á promoción da tradición culinaria e os artistas da Guarda e a súa contorna.