Os cinco gañadores do sorteo da Ruta Petiscos con Arte recolleron esta mañá os lotes de viño albariño Gran Novás da man do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e o xerente da Adega Gran Novás, Arturo Conde.

Os rosaleiros Carmen María Martínez e Ricardo Martínez, o tudense Víctor Manuel González Souto (Tui), e os guardeses Eva Martínez Trigo (A Guarda) e Daniel Baz Vicente (A Guarda) resultaron ser os premiados entre as máis de 1.400 persoas participantes no sorteo da ruta, para cuxa participación debían entregar o boleto cuberto cos seus datos tras a cata dun dos petisco.

Preto dun 60% das persoas participantes no sorteo son veciños e veciñas da Guarda, namentres a porcentaxe restante complétase principalmente con persoas procedentes da comarca (Tui, O Rosal e Oia) e localidades como Vigo, Salvaterra e Marín, ademais doutros visitantes procedentes de Ourense ou Madrid.

O rexedor local aproveitou o acto de entrega dos lotes para agradecer o apoio prestado nesta primeira edición da ruta tanto polos establecementos como polos artistas, así como polas persoas participantes en calidade de ruteiros e ruteiras. Arturo Conde, xerente da Adega Gran Novás, presente no acto, tamén recibiu o agradecemento por parte dos organizadores, pola súa colaboración nesta iniciativa coa cesión dos 5 lotes de viño.

Dada a boa acollida da iniciativa, ámbolos dous representantes incidiron na vontade de repetir anualmente o evento gastronómica, contribuíndo á promoción da tradición culinaria e os artistas da Guarda e a súa contorna.

 

O Concello da Guarda acollerá esta semana a inauguración de dúas destacadas exposicións: a de “Exfimiño 2016” e a da mostra “Escenarios da Prehistoria”.

O mércores 12 de outubro, ás 18:00 horas inaugurase a Exposición Filatélica “Exfimiño 2016” na Casa dos Alonsos. Esta mostra, organizada pola Sociedade Filatélica e Numismática xa pode visitarse na planta baixa da Casa dos Alonsos ata o 16 de outubro con entrada libre. O horario pola mañá é de 11 a 14 horas, e pola tarde de 17 a 20h.

Trátase da XX edición da mostra EXFIMIÑO adicada ao coleccionismo na que se poderán ver as tradicionais mostras de filatelia. Como nas anteriores edicións, adícase o evento a un personaxe local destacado. Neste ano será Alfonso Martínez Peniza, primeiro vicepresidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.

Por outro banda, o vindeiro venres 14 de outubro terá lugar a inauguración da exposición fotográfica “Escenarios da Prehistoria” no Centro Cultural da Guarda, ás 20.30 horas. Chega así ó concello da Guarda, tras estar en Marín, Mos e Cuntis, unha mostra organizada polo Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra e enmarcada dentro da programación cultural do Ano Castelao.

Esta iniciativa xorde coa idea de percorrer as mámoas, castros e petróglifos máis singulares da provincia a través das fotografías de Federico de la Peña. Ademais, tamén busca reflexar a preocupación que Castelao sempre mostrou polo noso patrimonio arqueolóxico e artístico. A mostra estará aberta ó público dende o venres 14 ata o luns 31 de outubro no Centro Cultural da Guarda. O horario, de luns a venres, será das 10 ás 13 horas pola mañá e de 17 a 20 horas pola tarde; os sábados só en horario de mañá das 10 ás 13 horas.