O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, recibiron esta mañá aos responsables dos seis establecementos guardeses que veñen de conseguir o distintivo SICTED (Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos), un recoñecemento promovido polo Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) que da conta do seu «Compromiso de Calidade Turística».

Os representantes municipais destacaron o esforzo realizado polos establecementos, que xa contan cun recoñecemento oficial ao seu «bo traballo» e unha insignia que lles dará visibilidade no sector. Nesta liña, a edil guardesa subliñou o esforzo realizado polos hostaleiros para a consecución do certificado de calidade e o seu compromiso, «moi importante para unha vila como A Guarda», engadiu o rexedor local.

No encontro, Antonio Lomba fixo entrega dos diplomas e as placas aos hostaleiros que non puideron asistir o pasado 28 de febreiro á Gala de Turismo Rías Baixas, onde foron entregados os distintivos. Así, hoxe recibiron o seu recoñecemento Gema Martínez, propietaria do restaurante Celtic; María Emilia Vicente Goyás, dona do restaurante Marusía; e José Francisco Vázquez, xerente do restaurante Casa Bar Aquilo. Acompañáronos Marta González e Juan Carlos Alonso, do restaurante La Casa de la Abuela, e César Verde, xerente do restaurante Xantar, coa única ausencia do Hotel Convento San Benito, tamén recoñecido.

 

Na actualidade, A Guarda conta con 9 empresas e servizos co certificado de calidade e compromiso turístico SICTED, entre os que se atopan a Oficina de Turismo Municipal e as praias de Area Grande e O Muíño. Este recoñecemento ven acompañado dun plan de mellora continua e novas medidas dirixidas a incrementar a calidade do servizo, polo que os establecementos e servizos deben continuar traballando en prol do desenvolvemento turístico e a satisfacción dos clientes.

Aquelas empresas e servizos que desexen adherirse ao proxecto e participar na vindeira xornada formativa programada para o 17 de abril, poderán recibir asesoramento na Oficina de Turismo Municipal do Concello da Guarda.

Sobre o distintivo

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SET) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Traballa con empresas e servizos de ata 33 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos e das turistas. Para logralo, o sistema ofrece ás empresas e servizos adheridos un plan de formación, asistencia técnica, obradoiros, grupos de traballo e manuais de boas prácticas.

A obtención do distintivo SICTED implica o cumprimento dos requisitos fixados, e da conta do esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue ao establecemento fronte á competencia. O certificado ten validez bienal, aínda que precisa dunha evaluación anual de seguimento.

O mércores 28 de febreiro tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo a Gala de Turismo Rías Baixas organizada pola Deputación de Pontevedra. A este acto asistiu a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, e outros responsables do sector turístico público e privado de toda a provincia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comezou a súa intervención recoñecendo a profesionalidade e calidade do sector turístico. Pontevedra é a provincia con maior número de distintivos SICTED. Un total de 263 entidades públicas e privadas conta co SICTED, 60 máis que o ano pasado.

A Oficina de Turismo Municipal e as praias de Area Grande e O Muíño contan dende 2010 co distintivo SICTED aos que se lles suman novos establecementos hostaleiros da Guarda. Polo que durante a gala recibiron este distintivo de calidade o Hotel Convento de San Benito, Restaurante Casa de la Abuela, Restaurante Celtic, Restaurante Marusía, Restaurante Xantar e Cafetería Casa Aquilino. Deste xeito, A Guarda pode presumir de calidade recoñecida nos diferentes establecementos e servizos turísticos.

Na gala tamén se presentou a campaña de promoción “Somos historias” conmemorando deste xeito o Ano Internacional do Patrimonio no que se apostará pola promoción dos nosos tesouros fortificados, arqueolóxicos, paisaxísticos, inmateriais, literarios, culturais, espirituais e naturais.