Como cada ano pódese coñecer o Monte Santa Trega grazas á oferta de visitas guiadas a este espazo. Para estas dúas próximas semanas as visitas concentraranse o sábado e domingo cunha oferta de dous diferentes percorridos.
Polo tanto, as fins de semana do sábado 14 e domingo 15 e o sábado 21 e domingo 22 de xullo poderase coñecer o Monte Santa Trega acompañado dun guía.
Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte e coñecer máis polo miúdo o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico, poderán participar nas saídas ás 12:30 h e ás 17:00 h do Museo Arqueolóxico de Santa Trega, MASAT. Dende alí, as e os participantes coñecerán as pezas expostas no museo e continuarán coa visita a ermida de Santa Trega para despois baixar polo sendeiro do Vía Crucis ata o Castro de Santa Trega onde se explicarán os contidos arqueolóxicos deste espazo escavado. Esta visita terá unha duración aproximada de 90 minutos.
Ademais ás 11:30 ofrecerase a oportunidade de realizar unas visitas guiadas centradas unicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración.
As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Malia que as visitas son gratuítas, compre ter en conta que o taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50 € para os e as menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (986 610 504).
Proximamente anunciarase o novo calendario de visitas guiadas gratuítas para o resto de temporada 2018 con horarios ampliados.