Dende o comezo da desescala e co inicio da volta a nova normalidade, o Concello da Guarda ven de reunirse cos diferentes sectores comerciais e do tecido económico da vila promovendo ademais accións de recuperación tralo Covid-19 para apoiar a economía e a reactivación turística da vila.
Xa dende o inicio da pandemia, apoiouse ós diferentes sectores comerciais no reparto de material de protección para os traballadores e na difusión a través das redes sociais, de aqueles establecementos que ofertaban reparto a domicilio.
Traballouse tamén durante o confinamento para que dende a semana pasada na Guarda arrancara o Marketplace www.mercanaguarda.com, que pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade que desexen vender os seus produtos de forma online, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.
Tamén se teñen realizado accións e e traballado en diferentes medidas económicas, entre elas, a de posibilitar a ampliación de terrazas e a eliminación das taxas das mesmas no 2020.
Para poder escoitar e valorar as diversas accións que se levarán a cabo durante este verán 2020 de cara ó turismo e a reactivación económica, o Concello da Guarda reuniuse co sector da Pastelería-Panadaría o pasado martes 12 de Maio. Nesta reunión, na que estaban presentes a Técnica de Turismo, a Concelleira de Turismo e a Concelleira de Desenvolvemento Local, valorouse retomar a promoción do noso produto doce por excelencia, a Rosca de Xema da Guarda, creada no seo da Pastelería Montserrat no ano 1956.
O día 3 de Xuño foi o día no que se reuniron Hostaleiros, Cafeterías e Bares, para poder valorar conxuntamente posibles accións enfocadas a un turismo de proximidade e foráneo, ademais de escoitar as súas demandas e dúbidas xeradas pola “nova normalidade”. Así, nesta reunión, unha das iniciativas que xurdiron foi a de recibir asesoramento e formación para afrontar esta nova situación nos seus establecementos. Dita formación, será levada a cabo o próximo luns día 15 de xuño e todos os interesados nesta formación contarán con asesoramento durante o verán para resolver futuras dúbidas, ante a previsión de cambios na desescalada ou nova normalidade.
Os establecementos interesados en participar nesta formación poden inscribirse ata o xoves 11 de xuño a través de do enderezo electrónico turismo@aguarda.es ou no teléfono 620 795 901.
Tal e como se anunciou a pasada semana, A Guarda contará tamén cunha comisión especial para a reactivación económica formada por representantes de diferentes sectores da vila, que traballará de xeito coordinado co equipo de goberno para buscar solucións apoiar aos negocios locais nestes duros momentos.
Comentarios