«O Camiño Aguárdate» chega á Guarda da man de O Teu Xacobeo

«O Camiño Aguárdate» chega á Guarda da man de O Teu Xacobeo

O Concello da Guarda acolleu este mércores día 27 de novembro de 2019 a presentación do Proxecto «O Camiño Aguárdate», un proxecto que nace coa idea de promocionar, dinamizar e por en valor todos os atractivos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda con iniciativas que inclúen Xornadas Divulgativas, unha Xornada Medioambiental e Visitas Teatralizadas.

A presentación contou coa presenza do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Cultura e Patrimonio, Montserrat Magallanes e representantes de A Jalleira AFEA e da Comunidade de Montes de Camposancos.

O proxecto pretende sensibilizar, especialmente entre a poboación local, os valores que o camiño representa a nivel cultural, natural, e sobre todo social. O presente proxecto pivota sobre a divulgación dos valores ambientais e patrimoniais da ruta e sensibilización sobre a evolución socioeconómica e o impacto percibido, implicando a peregrinos e poboación local, abrindo pontes a coñecer a experiencia dos peregrinos.

Xornada Medioambiental

A primeira actividade de «O Camiño Aguárdate» terá lugar os días 6 e 7 de decembro cunhas Xornadas Medioambientais nas que se inclúen unha andaina guiada entre A Pasaxe e un espazo do Monte Santa Trega onde se realizará unha reforestación, que será a segunda actividade proposta, en colaboración con A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos.

Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 5 de decembro enviando un correo a turismo@aguarda.es ou chamando ao 986614546, As prazas son limitadas.

Esta actividade consta dunha ruta polo tramo do Camiño de Santiago entre A Pasaxe e A Sangriña, que se correspondería coa entrada en Galicia do Camiño de Santiago pola Costa. Nesta ruta falarase sobre a temática das especies invasoras ao longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, dando a coñecer as especies autóctonas forestais que convivían antigamente no camiño.

A actividade pecharase cunha plantación de especies autóctonas nunha parcela cedida pola Comunidade de Montes de Camposancos, na que se ensinará e explicará os asistentes a forma correcta de plantación e do seu posterior mantemento.

Máis actividades

«O Camiño Aguárdate» traerá á Guarda ademais unhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.

As Xornadas Divulgativas contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en varias sesións no vindeiro ano 2020.

As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.

A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.

Comentarios

Leave a Reply