Os guardeses, veciños da comarca e visitantes están a comprobar nestas semanas e intensifícase estes últimos días o gran traballo que supón a celebración das alfombras do Santísmo. En varios baixos de edificios son decenas de persoas, na súa maioría mulleres, que continúan esfollando plantas e flores para que as rúas da Guarda luzan espléndidas durante a mañá do domingo.
Á tardiña do sábado 17 comezan a trazar os deseños sobre as rúas que pertencen ao percorrido da procesión do Santísimo, desde a Praza do Reló, praza de Ignacio Sobrino, o inicio da rúa Oliva, rúa Hernán Cortés, praza Jose María Lomba, Malteses e Concepción Areal.
Unha vez que están marcados os deseños comezan a colocar os diferentes tipos de plantas, flores e demais ata altas horas da madrugada. As familias axudados polos máis pequenos da casa nunha noite de gran tradición irán completando estas decoracións para que na mañá de domingo todos os guardeses e visitantes poidan apreciar as alfombras antes da Procesión do Santísimo. Para amenizar estes traballos e dotar a esta actividade dun carácter festivo, a charanga Os Charamujas animará a velada pola noite, dende as 23.00h percorrendo ditas rúas.
Lembrade que a ruta gastronómica Tapearte peche a súa edición coa celebración do Santísimo. Os guardeses e visitantes terán este venres, sábado e domingo para completar a ruta na que 23 establecementos ofertan tapas do máis variado a un prezo de 2 €, no horario establecido que vai de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas.
Os participantes nesta ruta poden valorar a calidade das tapas puntuando entre o 1 ao 6 nos pasaportes editados para a ocasión, e ademais poden optar a premios pola súa participación, entrando nun sorteo entre aqueles que consigan un mínimo de 7 selos sobre o pasaporte e un agasallo directo consumíronse 15 tapas diferentes.
Comentarios