Contacontos e maxia nesta fin de semana na Guarda

A Guarda prepárase para unha nova fin de semana na que destacan a presentación do libro «Déixate de contos» e da editorial «Elefantes de Papel», unha sesión de «Contacontos ilustrado Mulleres Galegas» e o espectáculo de maxia «Do Maxín á Realidade».

VENRES 18

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda organiza 4 actividades para conmemorar este ano o día da Biblioteca, que se celebra cada ano o 24 de outubro.

Na primeira actividade, programada para este venres día 18 de outubro ás 18:00h, na Biblioteca Pública Municipal da Guarda, celebramos este importante día con actividades de animación á lectura durante o mes de outubro co “Contacontos ilustrado Mulleres Galegas” a cargo de Polo Correo do Vento, dun xeito divertido e participativo contan a vida de mulleres galegas: Ángeles Alvariño, Maruja Mallo, Ernestina Otero, María Victoria Moreno e Ángela Ruiz. Un contacontos indicado para nenos e nenas a partir de 3 anos e enmarcado no programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.

Tamén na xornada deste venres ás 20:00h o Salón de actos do Centro Cultural da Guarda acolle a presentación do libro «Déixate de contos» da autoría de Berto Pirata, un libro que xa vai pola segunda edición, un libro tenro que afonda na relación entre un pai e os seus xemelgos a través de relatos onde os tres aprenderán de que vai realmente a vida.

Do mesmo xeito realizarase a presentación da Editorial «Elefantes de Papel», a cargo de María salinas e Berto Pirata, un proxecto comprometido que realizado con moita ilusión e que vén coa intención de facilitar a publicación a aquelas persoas que soñan con facelo.

SÁBADO 19

O Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolle este sábado ás 18:30h o espectáculo de maxia «Do Maxín á Realidade».

«Do Maxín á Realidade» é un espectáculo de maxia que nos leva a vivir unha experiencia única. A maxia é o fío condutor desta viaxe, que nos fai dubidar da realidade, das propias leis físicas que rexen o noso mundo,… entramos entón, da man do ilusionista, no mundo do maxín, onde todo, ou case todo é posible.

Espectáculo subvencionado a través do programa Pontegal da Deputación de Pontevedra e enmarcado nas actividades de lecer do I Encontro de Ecoturismo & Gastronomía do Río Minho» que se celebra na Guarda e Caminha do 17 ao 19 de outubro.

DOMINGO 20

O domingo a Igrexa Parroquial da Guarda acolle ás 18:00h o I Festival de Corais de Outono, no que participan a Coral Polifónica da Guarda, A Coral a Torre de Maside e a Coral do Clube da Terceira Idade da Guarda, organizado polo Clube da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda.

Comentarios

Leave a Reply