As praias guardesas de “O Muíño” e “Area Grande” contarán un ano máis co distintivo de Bandeira Azul

Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán e o pasado luns foron entregadas as mesmas nun acto no que estivo presente o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao que asistiron, en representación da Guarda, o tenente-alcalde, o nacionalista Anxo Baz e a Concelleira de Turismo, a nacionalista Beatriz Lomba.

Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.

En total, 156 bandeiras azuis ondearán este ano: en 107 areais galegos; 12 distintivos que recoñecen a excelencia dos portos deportivos; e 22 sendeiros azuis, para A Guarda outorgáronse este ano dúas Bandeiras azuis e un distintivo de Sendeiro Azul.

Comentarios

Leave a Reply