A praia do Muíño volve a lucir este verán o distintivo de Bandeira Azul

A praia do Muíño volve a lucir este verán o distintivo de Bandeira Azul

Esta tempada de verán as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello da Guarda recibiron o distintivo de Bandeira Azul outorgada pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), como recoñecemento a súa calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. Ademais, concedeuse a distinción “Sendeiro Azul” á unión das sendas que percorren a costa de A Guarda entre estas dúas praias.

 

Tras renunciar a pasada tempada ás Bandeiras Azuis que lle foran concedidas, por non dispor de socorristas aspirantes, este verán o Concello de A Guarda contará cun cadro de persoal de servizo formado por catro socorristas contratados; dous dos socorristas atenderán a praia de O Muíño de luns a domingo, cumprindo así con este requisito para poder izar dita Bandeira Azul. No caso da praia de Area Grande o servizo activarase de unicamente de venres a domingo, dispoñéndose tamén nesta praia de dous socorristas durante eses días da semana. O servizo de socorrismo prestarase no período que vai dende o pasado sábado día 8 de xullo ata o 8 de setembro, en horario de 12:00 a 20:00.

 

A praia de O Muíño, ademais de estar adaptada para persoas con diversidade motriz con pasarela accesible e cadeira anfibia, conta con outros servizos esixidos por Bandeira Azul, como son: paneis informativos, análise de augas con resultados de “excelente” nos catro veráns anteriores, servizo de limpeza e de recollida de residuos así coma aseos.

A ADEAC comunicou ao Concello da Guarda a autorización para izar a bandeira a pesar dos danos nos accesos á praia provocados polas riadas do pasado inverno; a reparación desta zona é unha prioridade dende o primeiro día para o actual equipo de goberno, quedando unicamente, tras facer de urxencia as xestións correspondentes, á espera de recibir os permisos por parte da autoridade de Costas para levar a cabo as obras necesarias de reacondicionamento.

Por último, destacar que, ademais da Bandeira Azul na Praia de O Muíño, izouse tamén o distintivo de Ecopraia concedido pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente. Este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual das praias, respectando o delicado ecosistema dunar como espazo protexido “Red Natura 2000” na que se encontra integrada dita praia.

 

Unha vez dito todo o anterior, dende o Concello de A Guarda queren animar a todo o mundo a desfrutar das fermosas praias coas que se conta o noso municipio.

Comentarios

Leave a Reply