O Concello da Guarda presentou este xoves no Mercado de Abastos de Allariz a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, nun acto de presentación que contou coas intervencións do tenente-alcalde da Guarda, o nacionalista Anxo Baz, da Concelleira de Turismo da Guarda, a nacionalista Bea Lomba e da Alcaldesa do Concello anfitrión de Allariz, Mª Cristina Cid Fernández.
En palabras da nacionalista Bea Lomba a Festa da Langosta ten un atractivo singular que fai que ano a ano incremente o seu número de visitantes, contando cunha ampla programación de actividades e unha oferta gastronómica que fai as delicias dos asistentes.
O tenente-alcalde destacou na súa intervención que a Festa da Langosta é xa un referente a nivel galego e nacional, cun prato estrela, a Langosta, que ten unha longa tradición na Guarda, que ven dende o tempo das cetáreas.
Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz quixo facer un convite aos hostaleiros guardeses a participar en vindeiras edicións de «Allariz Sabe – Vive Allariz», unha proposta gastronómica desta vila ourensá, na que se convida cada ano a un municipio para expor os seus produtos.
En Allariz deuse a coñecer a programación completa desta XXIX edición da festa gastronómica por excelencia da vila mariñeira da Guarda, que arranca o venres 5 de xullo co Pregón do humorista Moncho Borrajo na Praza do Reló, para despois acudir ao Porto da Guarda, onde procederase á apertura da carpa, celebrarase unha actuación do citado humorista e remate cun serán mariñeiro.
Na xornada do sábado día 6 de xullo o grupo O Trebón dos Xidos serán os encargados da amenización musical xunto co grupo pop Os nenos rebeldes en horario matutino, xa pola tarde haberá inchables acuáticos para os máis cativos e a festa continuará co espectáculo de maxia de Rivel e a actuación do actor galego Luís Zahera co seu espectáculo «Chungo». Rematará a xornada do sábado coa actuación musical de Vudu, unha proposta musical que mistura sons tradicionais con blues e soul.
Para a xornada do domingo a festa arrancará coa amenización musical do grupo O Trebón dos Xidos e posterior pasarrúas musical para nenos coa gamela guardesa. Continuará a xornada cun concerto acústico do grupo Awen. Igualmente pola tarde haberá tamén nesta xornada inchables acuáticos para os máis cativos e unha actuación infantil de Pako Pakolas co seu espectáculo «Contos, Cores e Rock´n´roll». Para pechar esta edición, e como ven sendo habitual, celebrarase unha noite de fados coa actuación de Os Meninos, tradición e modernidade no mundo da música portuguesa.
En canto ao aspecto gastronómico, a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira contará con 24 pratos da Cociña Mariñeira encabezados pola Langosta, que terá un prezo de 25€. Contarase ademais con outros pratos como percebes, calamares, croquetas, empanadas, navallas, polbo, entre outros. Para a sobremesa un postre especial, a Rosca de Xema, acompañada tamén dos bos caldos da D.O Rías Baixas.
A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha festa que conta cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.
Declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a Langosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetáreas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a «Capital da Langosta».
A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira celebrarase nesta edición do 5 ao 7 de xullo no Porto da Guarda onde se instalará unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente da lagosta e demais pratos.
Comentarios