Apenas faltan tres semanas para a XXXII Festa da Langosta, que arrancará o venres 5 de xullo co pregón de Luis Zahera ás 20:30 horas na praza do Reló.
Tras ese acto haberá un pasarrúas co grupo Bregadiers, e non será o único da festa, pois o sábado e domingo pola mañá, Trebón dos Xidos e A Boalleira, respectivamente, serán os encargados de levar a música polas rúas.
Pola tarde non cesa a música con Brassica Rapa o sábado e con Broken Peach o domingo, ambos a partir das 20 horas. Á noite do sábado chegará o grupo Gin Toni’s, que interpretarán versións de clásicos pop e rock desde as 23:00 horas.
A asociación Piueiro terá un papel destacado na festa. O volanteiro arrancará a súa oferta saídas de navegación deste verán con saídas o sábado e domingo ás 16:30, 17:30 e 18:30. Toda a información e reservas estará dispoñible no punto de información da carpa.
Ademais, Piueiro presentará o evento que se producirá o seguinte fin de semana no porto da Guarda: a Xuntanza mariñeira Rosegha. Trátase dunha xuntanza de embarcacións tradicionais, pero que traerá consigo outras actividades que se explicarán o sábado 6 de xullo no Auditorio de San Bieito, ás 20:30 horas.
Para un lecer en familia, o xogo dixital de escapismo ao aire libre “Esencia mariñeira” (Eureka Reto Cultural) seguirá dispoñible ata o domingo 14 de xullo. O acceso ao reto está dispoñible en riadevigobaixomino.gal.
As actividades habituais non cesan, polo que haberá visitas guiadas ao Castro San Trega de balde. As visitas, de 45 minutos de duración, realízanse desde a casa forestal do monte de martes a domingo cos seguintes horarios: 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00. Nin o reto nin as visitas precisan de inscrición previa.
A Festa da Langosta ten sona por toda Galicia e norte de Portugal. Tal é o interese que este ano será o escenario do programa en directo “Aquí Portugal”, unha colaboración da TVG coa RTP. O programa gravarase durante toda a xornada do domingo desde as once da mañá ata as oito da tarde, cun descanso de dúas a catro da tarde.
Será unha fin de semana completa na Guarda: gastronomía, música, lecer e mar uniranse no porto. Todo o programa está na páxina web: langosta.turismoaguarda.es
Comentarios