A Axencia de Turismo de Galicia publica una nova convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a mellorar a integración paisaxística e ambiental de establecementos turísticos situados en concellos costeiros (procedimento TU503F)
O obxectivo desta axuda é apoiar actuacións que contribúan a coidar a imaxe do litoral galego, corrixir impactos paisaxísticos e impulsar un turismo máis sostible.
• Prazo de solicitudes: entre o venres 12 de setembro (ás 8:00h) e o mércores 12 de novembro de 2025 (ata ás 20:00h)
• Contía da axuda: máximo dun 80% do custe total subvencionable do proxecto.
• Investimentos iniciados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.
• A Axencia de Turismo de Galicia tramita a presente axuda. Para dúbidas en fomento.turismo@xunta.gal ou no tel. 981 54 01 46 / 981 54 63 60
—-Beneficiarios:
As persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros, dentro do marco xeográfico do litoral de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
As persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
—-Investimento neto admitido como máximo (IVE non incluido):
– No caso da liña 1: ata 25.000 €
– No caso da liña 2: ata 15.000 €
– No caso da liña 3: ata 250.000 €.
—-Investimentos subvencionables:
a) Liña 1: eficiencia enerxética.
Será subvencionable a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación para reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.
Serán consideradas subvencionables todas aquelas que permitan mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación interior, dos edificios, locais ou partes dos edificios en uso destinados a establecementos turísticos, así como a iluminación exterior ornamental e aparcadoiros de vehículos ao aire libre anexos ao edificio, regulados polo Regulamento de eficiencia enerxética en instalacións de iluminación exterior, aprobado polo Real decreto 1890/2008, do 14 de novembro. Entre as actuacións subvencionables están, con carácter indicativo e non limitativo, as que se relacionan a seguir:
a. Luminarias, lámpadas e equipamento: substitución do conxunto por outro con luminarias de maior rendemento. Poderase incluír tecnoloxía TIC, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables e que permitan reducir a potencia instalada en iluminación, cumprindo cos requirimentos de calidade e confort visual regulamentados.
b. Sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de aceso e regulación de nivel de iluminación: incluirán aqueles sistemas de control por presenza, por zona do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, ou regulación de nivel de iluminación segundo a achega de luz natural.
c. Cambio de sistema de iluminación: recolocación dos puntos de luz con utilización das tecnoloxías anteriores, de forma que se reduza o consumo eléctrico anual respecto ao sistema actual de iluminación.
d. Sistemas e elementos que permitan o control remoto ou o control automático por medios dixitais de instalacións destinadas a controlar:
– Sistemas de iluminación eficientes, axustándoa ás necesidades de cada momento.
– Sistemas de control automático de toldos, persianas ou cortinas do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, que permitan o aproveitamento óptimo da luz solar.
– Sistemas de control automático do acendido, apagado e regulación da iluminación dos edificios completos, locais ou partes de edificios destinados a establecementos turísticos.
As exixencias mínimas de eficiencia enerxética que debe cumprir a instalación de iluminación que se rehabilite son as que figuran no documento HE-3, Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, do Código técnico da edificación.
Para verificar o aforro enerxético esperado será necesario presentar o certificado de eficiencia enerxética do inmoble no seu estado inicial e final, tras considerar realizadas as actuacións previstas.
O custo elixible destas actuacións debe ser igual ou superior a 5.000,00 €.
b) Liña 2: dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral:
– Gastos derivados da transformación dixital.
a. Instalación de novos PMS (property management system) e ERP (enterprise resource planning) e integración de PMS e ERP actuais.
b. Instalación de novos CRM (customer relationship management), tanto integrados con PMS como non integrados.
c. Instalación dun channel manager.
d. Instalación de ferramentas de visualización, consulta e análise de datos.
e. Implementación de motores de reserva.
– Gastos relacionados co desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico.
– Gastos relacionados co desenvolvemento de ferramentas dixitais para coñecer o destino antes de visitalo: mapas con ligazóns a localizacións, vídeos de lugares turísticos, visitas virtuais, imaxes 360°, galerías interactivas, guías interactivas turísticas para promocionar os atractivos turísticos da contorna, que lles faciliten, aos/ás turistas nacionais e do estranxeiro información relacionada con eles (historia, horarios, recursos naturais, etc.) en diferentes idiomas. Isto inclúe visitas virtuais, vídeos e fotos de ríos, praias, covas, monumentos e lugares históricos utilizando o GPS.
c) Liña 3: mellora da fachada do litoral galego.
– Revestimento e/ou pintado de paramentos cegos de fachada que actualmente estean rematados con materiais ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, como fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, formigón ou morteiro de cemento.
– Renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.
Considerarase como deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas, tales como: descascado, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotería ou cantaría que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntado.
– Remate ou renovación do acabamento exterior de cubertas que, ben por estaren rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atoparse nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.
Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.
– Revestimento dos muros de cerramento da parcela onde se sitúa o establecemento turístico realizado con ladrillo ou bloques de formigón sen revestir.
Inclúe a recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda, así como o que produce o seu mal estado de conservación. Neste caso, as actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos.
Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.
Deberán aplicarse criterios de sostibilidade en todas as reformas, de maneira que as obras que se vaian executar sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables.
– Gastos de elaboración do proxecto de obra e honorarios e custos da dirección facultativa das actuacións. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000,00 euros.
DOG 03/09/2025 Subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego.
DOG 03/09/2025 Extracto


Comentarios