A Guarda estará presente na 38ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR)

A Guarda estará presente na 38ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR)

O Concello da Guarda estará presente, un ano máis, na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebrará a súa trixésimo oitava edición entre os días 17 e 21 de xaneiro.

A Guarda promocionarase no expositor de Turismo de Galicia e, o xoves ás 12.00 h, estará presente no acto organizado pola Deputación de Pontevedra no que se promocionará o Destino Rías baixas no Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Durante estas xornadas, a delegación da Guarda -formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo- manterá diversas reunións con maioristas e asociacións de Turismo, co obxectivo de potenciar a promoción da vila guardesa como destino turístico.

Dentro da programación de actividades e encontros da representación guardesa nesta nova edición de FITUR, destaca tamén a participación no acto de entrega do Premio dos Destinos EDEN (European Destinations of Excellence) 2017, que terá lugar no expositor de Turespaña. Tras o acto, a técnica de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde, asistirá á reunión técnica dos Destinos EDEN que anualmente se celebra coincidindo coa celebración da feira.

Comentarios

Leave a Reply