«Tapearte» conclúe co sorteo dun ‘smartphone’ e a valoración das mellores tapas

Os premiados poderán recoller os seus agasallos o 19 de xuño ás 12:00 h na Casa dos Alonso |  Os restaurante Camping Santa Tecla e Bitadorna serviron a tapa mellor valorada polos comensais e a máis degustada, respectivamente.

A IV ruta gastronómica «Tapearte» xa ten gañadores e gañadoras. Esta mañá realizouse na Casa do Concello da Guarda o sorteo dun smartphone Samsung Galaxy 7J entre os «ruteiros» e as «ruteiras» con 6 ou máis tapas degustadas. Ademais, practicouse o reconto das papeletas entregadas polos comensais, do que se inferiron os establecementos gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte» 2018.

Momento da realización do sorteo, esta mañá na Casa do Concello.

Entre os preto de 100 participantes, a premiada é Fina Peniza Baz, que poderá recoller o seu novo smartphone o vindeiro martes, 19 de xuño, ás 12:00 h na Casa dos Alonso. Xunto a ela, están chamadas as 44 persoas que, con máis de 10 selos no seu pasaporte, lograron como agasallo directo un lote de viño albariño da Adega Lagar de Fornelos (O Rosal).

Premio á mellor tapa

Nesta sexta edición, os «ruteiros» e as «ruteiras» contaron cun pasaporte co que puideron participar na valoración da calidade das tapas consumidas, outorgando unha puntuación do 1 ao 6. Desta votación inferíronse os establecementos gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte» 2018, con premios en dúas categorías: a tapa mellor valorada e a preparación máis consumida.

Nesta liña, o restaurante Camping Santa Tecla foi o máis valorado pola calidade da súa preparación. As súas zamburiñas con alioli de allo negro, puré de piña e xamón mereceu a maior puntuación dos comensais, namentres a pataca rechea de tenreira galega, chutney de mirabeles e ovo de codorniz, elaborada polo restaurante Bitadorna, foi a tapa máis degustada.

Sobre «Tapearte»

A IV ruta gastronómica «Tapearte», organizada polo Concello da Guarda, celebrouse os venres sábados e domingos durante tres fins de semana consecutivas, do 18 de maio ao 3 de xuño, con tapas a un prezo único de 2€. Segundo as cifras facilitadas polos propios establecementos participantes, durante os 9 días de duración superouse a cifra de 3.500 tapas servidas.

Nesta nova edición, «Tapearte» contou cun total de 19 bares e restaurantes guardeses adheridos: Alameda, Art Café, Bitadorna, Boc & Pix, Camping Santa Tecla, Celtic, El Paseo, Enxebre, Kanella’s, La Botica, La Casilla, La Pizzicata, Marbella, Novo Funil, O Cangrexal, Pool Chaos, Xantar, Xeito e Y la luna?.

O seu obxectivo é impulsar a gastronomía local e promocionar as populares alfombras florais que cada ano se realizan no casco antigo da vila na fin de semana do Corpus Christi.

Comentarios

Leave a Reply