O verán continúa na Guarda cunha programación cultural para todos os públicos durante a fin de semana, coa celebración da tradicional Festa de San Roque e unha nova edición do Festival de Bandas “Vila da Guarda”. Ademais, esta noite continúan as visitas teatralizadas polo casco histórico da vila, namentres este sábado e domingo repetiranse as visitas guiadas ó Monte Santa Trega.

Esta noite dará comezo a Festa na honra de San Roque na parroquia de Salcidos, coa celebración dunha churrascada amenizada polo Dúo D3 a partir das 21.00 horas. A romaría continuará mañá, co pasacalles a cargo de Treboada Baixo Miño e, xa pola noite, a gran verbena coa actuación das orquestras Capitol e Yucatán.

Tamén o sábado, no Auditorio de San Bieito, terá lugar o XI Festival de Bandas “Vila da Guarda”. O concerto comezará as 20.00 horas e contará coa participación de dúas bandas galegas con moita tradición no noso país: a ourensá “A Lira de Ribadavia” e a Banda de Música de Chantada (Lugo), amais da Agrupación Musical da Guarda, organizadora do evento.

O domingo, derradeiro día das Festas de San Roque, celebrarase a misa na honra do santo, precedida pola presentación da Agrupación Musical de Taboexa na Praza do Coruto. Despois do acto relixioso, a agrupación ofrecerá un concerto no recinto das festas e, xa pola tarde, será a quenda das tradicionais poxas e a actuación dun grupo musical que porá fin aos tres días de celebración na parroquia guardesa.

Outras actividades semanais

As visitas guiadas ó Monte Santa Trega tamén se repetirán este sábado e domingo, con saídas dende o MASAT ás 12.30 e ás 17.00 horas. O percorrido, de 90 minutos de duración, inclúe unha visita ó Museo Arqueolóxico e ó Castro de Santa Trega. Tamén se realizan visitas centradas exclusivamente no Castro, con comezo ás 16.00 horas e 30 minutos de duración.

Para completar o coñecemento sobre o noso monte, a historia do primeiro museo arqueolóxico de Galicia e a importancia do legado da Sociedade Pro-Monte, compre visitar a exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, que permanecerá aberta en horario de mañá (12 a 14 horas) e tarde (19 a 22 horas) ata o sábado, namentres o domingo poderá visitarse en horario de mañá.