Tag: Turismo de Galicia

O Concello da Guarda participou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) 2018, que se celebra entre os días 17 e 21 de xaneiro en Madrid, impulsando a promoción da vila como destino turístico de calidade.

A delegación da Guarda -formada pola concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, o concelleiro de Patrimonio, Xavier Crespo, e a técnica de Turismo, Rosalía Verde- mantivo durante as xornadas do mércores e xoves, días 17 e 18 de xaneiro, diversas reunións e encontros con consultores turísticos especializados, empresas de turismo tecnolóxico e turismo activo, e importantes axencias turísticas, tanto consolidadas como de creación recente. Estas últimas, especializadas en segmentos do mercado turístico, resultaron de gran interese para A Guarda.

Na tarde do mércores, os representantes da Guarda acudiron ao acto de entrega dos premios EDEN (Destinos Europeos de Excelencia) 2017 que tivo lugar no expositor de Turespaña. No evento, convocado pola Secretaría de Estado de Turismo e presentado polo subdirector xeral de Cooperación e Competitividade Turística, Antonio Nieto Magro, e a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián González, fíxose entrega do galardón ao proxecto vasco «Tierra Ignaciana». Tras a entrega do premio, os técnicos dos destinos EDEN mantiveron a habitual reunión de traballo na que se concretaron as próximas actuacións para a promoción dos Destinos Europeos de Excelencia, entre os que se atopa a vila guardesa.

Con todo, onte foi o día máis importante para a delegación da Guarda nesta trixésimo oitava edición da feira. Ás 12 h, os representantes municipais acudiron á presentación da campaña «Rías Baixas,somos historias» realizada pola Deputación de Pontevedra, co obxectivo de prestixiar a provincia como destino turístico cultural e de lecer e propiciar un turismo desestacionalizado.

Este ano, o Concello da Guarda e a Comisión das Festas do Monte traballarán conxuntamente para lograr o recoñecemento destas como Festas de Interese Turístico Nacional. Con este obxectivo, a delegación guardesa mantivo durante a súa estadía en Madrid reunións con axencias de comunicación e asociacións de xornalistas especializados en turismo.

A delegación guardesa, aproveitando a súa estadía en Madrid, visitou a mostra pictórica «Laberinto de colores» do artista guardés Antonio Martínez («Cachi»), formada por lenzos que amosan a natureza, o mar e a terra, e nos que A Guarda é protagonista. As obras permanecerán expostas na Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 31 de xaneiro.

FITUR 2018

A Guarda, que participa na feira dende o ano 2011, estivo presente durante as xornadas do 17 e o18 de xaneiro no expositor de Turismo de Galicia, ofrecendo información turística de interese ao público en xeral. A información sobre a vila permanecerá exposta ata o remate da feira, para que profesionais e visitantes podan dispoñer dela e coñecer a oferta turística da Guarda.

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) defínese como un punto de encontro global entre os profesionais do sector, coa participación anual de miles de empresas, entidades públicas e profesionais de todo o mundo.

Un ano máis, o Concello da Guarda estará presente na Feria Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 18 ao 22 de xaneiro, a súa 37ª edición.

A Guarda promocionarase no stand de Turismo de Galicia; e a súa participación será destacada como consecuencia da elección este ano, por parte de Turismo Rías Baixas, do Camiño Portugués da Costa como produto turístico para promocionar en FITUR. Este será presentado como tal o xoves ás 12 horas da mañá.

Así, A Guarda terá un protagonismo especial por ser a primeira vila galega da que parte esta ruta do Camiño de Santiago.

Durante estas xornadas a Delegación da Guarda, formada polo alcalde, Antonio Lomba, a concelleira de Turismo, Montse Magallanes e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, manterá diversas reunión con maioristas e asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.

Ademais, a técnico de Turismo da Guarda, Rosalía Verde, asistirá á reunión anual no stand de TurEspaña cos destino EDEN (European Destinations of Excellence) para por en marcha os diferentes proxectos e accións para os próximos dous anos.